ORG. MULLERES DA C. I.   
COMUNICADOS
Día contra a mutilación xenital feminina
A mutilación xenital feminina (MXF) comprende todos os procedementos consistentes na resección parcial ou total dos xenitais externos femininos, así como outras lesións dos órganos xenitais femininos por razóns non médicas. Os procedementos de MXF practícanse na maioría dos casos na infancia, nalgún momento entre a lactación e a mocidade, e ocasionalmente na idade adulta.

En 2016, un artigo de UNICEF cifraba en máis de tres millóns o número de nenas que corren o risco de sufrir MXF e en máis de 200 millóns a cantidade de mulleres e nenas vivas que foran obxecto da MXF. Sábese que a práctica, tanto tradicional como medicalizada, deste atentado concéntrase en polo menos 30 países de África, Oriente Medio e Asia.

La MXF é recoñecida internacionalmente como unha violación dos dereitos humanos das mulleres e das nenas. Reflicte unha desigualdade entre os sexos moi arraigada, e constitúe un xeito extremo de discriminación da muller. Así mesmo, viola os dereitos á saúde, a seguridade e a integridade física, o dereito a non ser sometida a torturas e tratos crueis, inhumanos ou degradantes, e o dereito á vida nos casos en que o procedemento acaba producindo a morte.

O caso de Sudán, un motivo para a esperanza:

No ano 2013 púxose en marcha un programa multisectorial de axuda ao Goberno de Sudán para poñer fin á mutilación xenital feminina nun país no que case o 87% das mulleres eran sometidas á MXF, segundo un informe das Nacións Unidas de 2014.

A OMS, en colaboración co Ministerio de Saúde, as escolas de parteiras, as asociacións de profesionais sanitarios e os organismos reguladores de Sudán, imparten formación para evitar que o persoal sanitario practique estas mutilacións, advertindo do dano causado pola mutilación xenital feminina. No ano 2018, case 1000 profesionais cursaran a formación e máis de 2700 médicos sudaneses comprometéranse a abandonar esta práctica e a súa medicalización.

Paralelamente, co obxectivo de informar ás nenas dos danos que causa a mutilación xenital, en colaboración co Ministerio de Educación e o Ministerio de Saúde, elaborouse material educativo sobre esta práctica, que se incorporou aos plans de estudios das escolas, ás que acoden máis do 70% das nenas. Grazas a isto, moitas mulleres  sudanesas saben a día de hoxe que a mutilación xenital non é un ritual relixioso e que ten graves efectos negativos na saúde a curto e longo prazo.

En maio de 2020, o recentemente dimitido primeiro ministro sudanés, Abdalá Hamdok, propuxo unha reforma legal histórica que penalizaba, con tres anos de prisión e unha multa, a calquera persoa que practicase calquera tipo de mutilación xenital feminina dentro dun establecemento médico ou noutro lugar.

Aínda que con máis lentitude e máis dificultades das desexadas, o caso de Sudán amosa que a cooperación e a presión internacional para mellorar a educación e a saúde das mulleres, acadan cambios sociais, reparan danos causados por nacer muller, e salvan vidas. Por iso, dende a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical denunciamos, unha vez máis, calquera violación dos dereitos humanos; pero hoxe, 6 de febreiro, esiximos que os gobernos se comprometan a facer cumprir a lei de tolerancia cero para a mutilación xenital feminina.

Se o desexas, podes contribuír á difusión e á denuncia contra a MXF compartindo a campaña “Una parte de mí" . É unha campaña cinematográfica que chama á esperanza a través de tres sobreviventes á mutilación xenital feminina co obxectivo de difundir a conciencia para poñerlle fin.

Máis información en:

Organización Mundial da Saúde (OMS)

International Federation of Gynecology and Obstetrics (FIGO)

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal