ORG. MULLERES DA C. I.   
COMUNICADOS
Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia
Dicía Alexandra Kollontai (1872-1952) que “O saber das antepasadas das nosas nais lles era alleo aos seus compañeiros que saían a miúdo de caza ou á guerra ou se consagraban a outras actividades que esixen forzas musculares particulares. Non tiñan tempo para dedicarse á reflexión ou á observación atenta”. Probablemente fora por iso polo que as mulleres foron as primeiras científicas da humanidade ao dedicarse á observación e ao razoamento.

Hoxe día vivimos coa imperiosa necesidade de protexer este planeta en que vivimos e asegurar un futuro cada vez máis escuro en canto á pobreza e crise medioambiental se refire.  Neste punto estamos implicadas todas e cada unha das persoas que o habitamos, sen excepción algunha. Si, tamén a muller, nena ou adulta. Porque para acadar este obxectivo, a igualdade de xénero e a ciencia van da man e son vitais para este fin.


Son xa seis anos dende que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidira proclamar o 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Seis anos nos que se reivindica a ambas como axentes esenciais de cambio e, para iso, é primordial recoñecer o seu papel como tales. Pero atopámonos cun sentimento de inferioridade e incompetencia que afecta á muller como científica. Para colmar este sentir, atribúeselle de forma consciente ou inconsciente unha responsabilidade da situación á propia muller con afirmacións contundentes do tipo  “se non hai máis mulleres en cargos de importancia é porque non queren”. Porén, é a sociedade, a educación, os medios de comunicación, quen deixan de favorecer a promoción das mulleres. Dende que nacemos, dependendo do xénero que se nos atribúa, se nos condiciona para cumprir  cun rol específico. E o  rol da muller adoita ser o de coidadora, de aí que, en moitos casos, a muller o teña máis difícil á hora  de acceder a postos de responsabilidade ou, simplemente, estudar carreiras que esixen máis dedicación que outras.


Os medios, neste sentido, son de suma importancia á hora de moldear a opinión popular. En tempos de COVID aparecen neles máis científicos e especialistas masculinos que femininos. Esa falta de visibilización da muller como experta científica comporta unha serie de consecuencias tales como a obtención dun recoñecemento  limitado ou, simplemente, a de deixar de ser un referente tan necesario para as nenas.


A nosa sociedade, a través da cultura e dos medios de comunicación, está  manipulada polos grupos de poder que, subrepticiamente, indúcennos a aceptar os seus principios como válidos, e entre eles, segue o concepto de muller como coidadora.


Hipatia de Alejandría, Augusta Ada Byron (Condesa de Lovelace), Marie Curie, Rosalind Franklin ou Jane Goodall, poderían considerarse afortunadas porque os seus nomes resoan xa na  bagaxe cultural de moitas persoas grazas ás reivindicacións feministas. Pero hai que continuar, porque como afirmaba Virginia Woolf   “Durante a maior parte da historia, anónimo era unha muller”.

Hai que continuar para que Margarita Salas, María Blasco, Montserrat Calleja, Rosa Menéndez, Alicia Calderón, Gabriela Morreata ou Elena García Armada, e outras tantas e tantas mulleres dedicadas á Ciencia, neste país ou en calquera outro, non sigan á sombra. Hai que continuar para que as nenas vexan nelas un exemplo a seguir, o seu referente, a súa inspiración.

 

Continuemos, pois, porque a Ciencia é para todos … e TODAS.


 

E-mail de Contacto | Aviso Legal