ORG. MULLERES DA C. I.   
COMUNICADOS
Día Europeo da Igualdade Salarial

O 22 de febreiro  celébrase o Día Europeo da Igualdade Salarial, como preludio á nosa loita marciana, o día 8 de Martius, mes consagrado ao deus Marte. Un día para sensibilizar á cidadanía contra a inxusta brecha salarial de xénero: as mulleres seguimos a cobrar menos realizando o mesmo traballo.  Nesta abertura da ópera anual pola igualdade entre homes e mulleres, as  belixerantes apelamos á deusa Belona, tan capaz e tan á sombra, unha máis, do seu homólogo masculino. Unha peza musical xorda, cuxos datos e estatísticas, porén, nos rebentan os tímpanos.

En 2019, as mulleres españolas cobraron cada mes 400 euros menos que os homes, o salario medio feminino foi de 1773,30 euros e o masculino de 2173,60 €, cunha brecha salarial do 18,41%, segundo o INE. En tempos de crise, somos as primeiras en sufrir as consecuencias, porque ol impacto é maior nos salarios máis baixos. Segundo o informe 2020-2021 da Organización Internacional do Traballo “a crise pola pandemia non tivo as mesmas consecuencias para as mulleres que para os homes; en particular, son elas quen máis sofren os efectos adversos”. A brecha pasou ao 36%,  e a perda de salario é máis acentuada entre as mulleres (-14,9%) que entre os homes (-11,3). Ademais, o Instituto Europeo para a Igualdade afirma que se tardarían decenios en conseguir axustar esta desigualdade salarial. 

En 2007, aprobouse a Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes. Unha lei parecida acadaron as mulleres en Islandia ao ano dunha folga masiva o 24 de outubro de 1975. O “día libre” das mulleres, cunha participación do 90% da poboación feminina,  paralizou o país. Negáronse a facer o traballo de coidados e o profesional, e saíron á rúa a escoitar e debater con outras mulleres sobre a acción a tomar para rematar cunha situación que atentaba contra a súa dignidade e denigraba a súa profesionalidade. Os homes tiveron que levar aos seus fillos e fillas ao traballo, esgotando as existencias de salchichas nos supermercados. 

Porén, as leis por si soas non son suficientes, son papel mollado se non se acompañan da denuncia do seu incumprimento, dun presuposto e medidas de variada índole que as fagan realidade. Dous foron moi efectivas nese país nórdico: a gran inversión en garderías públicas e os permisos de paternidade, tres meses ao igual que a nai e tres máis a convir.

Segundo o Eurostat, a brecha salarial é menor entre a mocidade, tende a aumentar coa idade e  pódese deber ás interrupcións de carreira que as mulleres adoitan facer ao longo da súa vida laboral, especialmente para o coidado de menores e maiores. É inmoral o que a sociedade fai coas mulleres embarazadas e as nais. Pretendemos que teñan os fillos, que os críen e ao mesmo tempo traballen fóra e dentro da casa, e para agravio, no primeiro caso cobrando menos e no segundo dedicando máis horas ao día que os homes. Nin sequera coidouse delas nesta situación tan complicada como a dunha pandemia mundial, co risco físico e as consecuencias emocionais derivadas do mesmo. A pesar de ser consideradas grupo vulnerábel, obrigóuselles a incorporarse ao seu posto de traballo, expostas ao virus durante o traxecto e a duración do mesmo. Non bastarían centos de folgas á islandesa.

É evidente que a brecha salarial é unha máis das consecuencias do sistema patriarcal e machista que sufrimos todas e que a mellor forma de combatelo é a inversión en educación en igualdade. Pero no camiño cara esa sociedade xusta, a equipaxe debe conter artigos tamén obvios como: 

- O dereito á conciliación da vida persoal, laboral e familiar, do actual modelo urxe unha revisión. Precisamos un que inclúa un número maior de centros públicos de gardería, flexibilidade horaria real para embarazadas e nais con fillas e fillos menores, …

- A implantación de plans de igualdade obrigatorios na empresa pública e na privada, con seguimento efectivo, transparencia e penalización, si fose o caso. Plans que inclúan a formación en igualdade na contorna laboral, a todos os niveis.

- Políticas salariais que contemplen prestacións para as traballadoras que, ademais, coidan de familiares dependentes.

Os subsidios COVID-19 paliaron en parte a hecatombe que se podería ter cebado particularmente coas mulleres. Que pasará en tempos post-pandemia? A incerteza pódese despexar cunha boa xestión e planificación preventiva. O 22 de febreiro deberíamos acudir ao traballo cal deusa Belona, lanza en mano, a combater esta lonxeva desigualdade.  

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal