ORG. MULLERES DA C. I.   
COMUNICADOS
DIA INTERNACIONAL DA VISIBILIDADE LÉSBICA

O vindeiro 26 de abril  é o  Día da Visibilidade Lésbica, unha efeméride que en España e en varios países do mundo celébrase dende o ano 2008. Esta data ten como obxectivo visibilizar este colectivo e manifestar a importancia de que as mulleres lesbianas teñan espazo e sexan visíbeis nos espazos públicos, esixir a plena igualdade de dereitos e reclamar que se teñan referentes de mulleres lesbianas en todos os ámbitos, e non só dentro do activismo polos dereitos LGTB. Unha xesta nada doada dende que a extrema dereita entrou a gobernar en coalición nos gobernos autonómicos e locais, como é o caso de Murcia, Andalucía ou Castela e León, onde os retrocesos en materia de igualdade e o recorte de presuposto destinado a políticas de igualdade claman ao ceo.

As mulleres lesbianas, durante toda a historia, loitaron polos dereitos das mulleres, e estiveron presentes nas mobilizacións e reivindicacións a favor da liberdade e a igualdade. E pese a que o marco legal ampara a igualdade dende fai preto de 20 anos, a lesbofobia segue moi presente na nosa sociedade:

- O 19 de maio de 2020 o medio dixital eldiario.es denunciaba o terceiro ataque a un mural que representaba a dúas mulleres bicándose (“O Mural da Diversidade” de Gandía).

- En xaneiro de 2021, Sonia Vivas, Concelleira de Xustiza Social, Feminismo e LGTBI do Concello de Palma de Mallorca, por fin tivo a confirmación por parte do Tribunal Supremo das condenas aos dous policías responsábeis do acoso que sufriu durante 12 anos na Policía Local de Palma de Mallorca polo feito de ser lesbiana.

- Dende fai dez anos, unha parella de lesbianas en Chile sufre violencia verbal na súa veciñanza a causa da súa orientación sexual e o pasado 8 de marzo pasou a maiores cando foron atacadas con violencia física.

Estes exemplos son só unha mostra do que pasa cada día en pleno século XXI.

Por todo isto, dende a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical esiximos ás institucións firmeza na aplicación das leis para que non exista posibilidade de discriminación ningunha por motivo de orientación sexual e non se permita ningún retroceso nos dereitos obtidos por todas as mulleres para acadar unha sociedade máis libre, xusta e igualitaria.

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal