ORG. MULLERES DA C. I.   
COMUNICADOS
Día Internacional das Rapazas nas TICs

Este día foi instaurado en 2010 pola Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT), organismo adscrito á ONU, quen ten como fin rematar coa fenda dixital de xénero. O primeiro día da súa celebración foi o 21 de abril de 2011, e a partires desta data  conmemórase o cuarto xoves do mes de abril.

As tecnoloxías son o instrumento principal no noso mundo, avanzan a pasos axigantados. Como en todos os aspectos da vida,  a fenda de xénero tamén existe no eido dixital, e acentúase máis canto máis distante é a xeración de mulleres respecto á actualidade. Segundo a UNESCO, factores como a zona xeográfica, os recursos económicos, o sexo, a idade, a educación ou a lingua, son determinantes, e convértense en aspectos que inflúen directamente na fenda dixital de xénero. Algo directamente proporcional ao menor acceso das mulleres á información,  á educación e ao coñecemento das TICs. Por isto é tan importante e imprescindíbel educar ás nosas rapazas nas tecnoloxías, que en determinados momentos foi prioridade para os homes pero non así para as mulleres.

Como en todos os temas de igualdade, hai solucións, por suposto, e hai que poñelas en práctica: debemos eliminar o estereotipo de que as tecnoloxías e os estudos tecnolóxicos son para nenos, e proporcionarlles  referentes femininos, moi necesarios para as nenas. Os gobernos deberían alfabetizar nas tecnoloxías a aquelas mulleres que por idade e circunstancias sociais e de xénero, non tiveron a opción de telas ao seu alcance.

As rapazas de hoxe son as mulleres do futuro, e debemos, a través das tecnoloxías, fomentar o seu empoderamento, principalmente dende as aulas. “Dar ás mulleres igualdade de oportunidades nas carreiras tecnolóxicas axuda a reducir a fenda salarial de xénero, mellora a seguridade económica das mulleres, garante unha forza de traballo diversa e talentosa, e evita os prexuízos” expresou María Noel Vaeza, directora rexional de ONU Mulleres para as Américas e o Caribe.

Cada vez máis investigacións evidencian que os estereotipos de xénero están na orixe deste fenómeno. A conciencia de que se é un neno ou unha nena xa se ten entre os dous e tres anos. Nos dous seguintes, entre os catro e os seis, aprenden que serán un home ou unha muller cando crezan (sen entrar noutros tipos de aprendizaxes sobre os seus corpos e identidades). O estereotipo de que os homes son mellores que as mulleres en matemáticas , informática ou física, prexudica o rendemento das mulleres neste dominio e socava o seu interese en campos de estudo ou actividades de ocio onde estas disciplinas son requiridas con máis intensidade. O xénero ten un impacto directo na percepción das propias habilidades.

Dende a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical queremos aproveitar a conmemoración do Día Internacional das rapazas nas TICs para instar ao conxunto da sociedade a actuar no ámbito que lle corresponda (educadores, familias, gobernos, empresas tecnolóxicas, medios de comunicación, etc.)  para reducir a fenda dixital de xénero, perniciosa, non só para as mulleres, senón para o conxunto da sociedade. Non pode haber unha economía dixital nin unha sociedade dixital sen contar con máis da metade da poboación, as mulleres.

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal