ORG. MULLERES DA C. I.   
COMUNICADOS
BAIXAS LABORAIS POR MENSTRUACIÓN DOLOROSA.

A ORGANIZACIÓN DE MULLERES DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL POSICIÓNASE A FAVOR DAS BAIXAS LABORAIS POR MENSTRUACIÓN DOLOROSA.

O próximo martes o Consello de Ministros deberá aprobar ou non a nova Lei do Aborto. Esta Lei inclúe medidas que afectan tamén a outros ministerios ademais do de Sanidade, como Xustiza e Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Como en todas as Leis e, máis se fan alusión a temas relacionados coas mulleres e os seus dereitos, atopamos voces discordantes sobre algúns dos seus contidos . O texto expón: “Baixas por menstruacións dolorosas como máximo tres días ao mes e en algúns casos prorrogables por outros dous.” Dende a Organización de Mulleres valoramos esta medida como algo necesario. Miles de mulleres padecen dolores menstruais todos os meses que lles impiden levar unha vida normal durante o período que dura a súa menstruación pero, ata o día de hoxe, a súa única  opción era continuar coa súa vida como se non pasara nada.

O incrible de todo isto é que as baixas laborais por menstruación dolorosa volveron dividir a partidos do Goberno e a Sindicatos (CCOO e UGT). Tanto PSOE como UGT, que se consideran progresistas e feministas, manifestaron que estas baixas van estigmatizar ás mulleres. Como Organización Sindical entendemos a necesidade deste dereito.

Tamén valoramos outras medidas que se presentan nesta Lei:

  • O final do permiso familiar para abortar, así as rapazas de 16 e 17 anos non necesitarán o permiso materno ou paterno para abortar.
  • Establecer un IVA do 0% nos produtos de hixiene feminina, compresas e tampóns, e tamén en cueiros para bebés e outros artigos necesarios.
  • Obter un permiso retribuído ata o momento do parto, e que sexa independente ao recoñecido tralo nacemento da crianza.
  • Que a xestación subrogada sexa considerada unha forma máis de violencia contra as mulleres e que se poida levar ante a Xustiza a aquelas persoas que recorran a esta práctica no estranxeiro (hai que recordar que esta opción está prohibida no noso Estado pero aínda así se practica e mesmo se organizaron feiras de ventres de aluguer)

Dende a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical valoramos positivamente estas propostas que supoñen un avance nos dereitos das mulleres e agardamos que sexan respectadas e aprobadas na nova lei na procura do respecto e a consideración coas nosas necesidades no que a saúde se refire.

AS MULLERES QUEREMOS A IGUALDADE EN DEREITOS, PERO HAI QUE TER PRESENTES AS DIFERENZAS E PARTICULARIDADES
DE CADA CORPO.
 

E-mail de Contacto | Aviso Legal