ARTIGOS DE OPINIÓN   
ARTIGOS DE OPINIÓN
Por que non a segregación por sexos nas aulas?

Cumpramos a legalidade:  non subvencionemos aos centros que segregan por razón de sexo.

A recente publicación de que a Consellería de Educación destina cartos públicos a subvencionar colexios que levan a segregación  por sexos á aula, suscitou o rexeitamento de numerosas organizacións sociais, por considerar que entran en confrontación co principio de coeducación que debe defender a consellería. Sobre esta noticia, desde o STEG queremos destacar dous aspectos que consideramos relevantes: incidir na responsabilidade da Consellería de Educación , que se ampara na legalidade da súa actuación, e cuestionar as supostas bondades da segregación sexual nas aulas.


Respecto ao primeiro, resulta indignante as contradicións constantes nas que cae este goberno considerado progresista e que cunha man destina cartos públicos a loitar contra as múltiples formas de discriminación das mulleres e con outra  subvenciona  colexios que lexitiman activamente e reproducen esta discriminación. O argumento da legalidade non é aceptable, non só pola existencia de precedentes noutras comunidades, senón porque non debemos esquecer que este tipo de decisións entran dentro das marxes de actuación que ten todo goberno, e polo tanto, son de carácter político. A mesma consellería que se salta constantemente a legalidade -como demostran innumerables prácticas, entre elas a recente adxudicación  de prazas por especialidade en Primaria, destinando a mestras e mestres da especialidade de EP a ocupar destinos de PT ou EF sen preocuparse no menoscabo para a calidade do ensino nin dos  intereses do alumnado , non pode ampararse na legalidade para eximirse de tomar decisións que non son, nin moito menos, automaticamente determinadas pola lei. Responsabilidades políticas é o que esiximos desde o STEG, e que a Consellería se retracte ou explique o porqué deste apoio económico a colexios que conculcan os dereitos de nenas e nenos. E, por suposto, reiteramos a nosa demanda de modificación da lei que apoia actuacións sexistas por parte de gobernos que só cabe tildar de covardes ou de cómplices  . Se cadra, a Consellería de Educación debería pedir o asesoramento do Ministerio de Igualdade se ten dúbidas sobre que pasos dar ao respecto, e deixar de desfacer por un lado o que se tenta  facer desde outros.


Respecto ao segundo aspecto a destacar desta noticia, resulta revelador analizar os argumentos esgrimidos para xustificar a segregación por sexos, xa que, como en moitas outras formas de discriminación sexual, atopámonos neste caso as mesmas vellas ideas de sempre defendidas agora con roupaxes máis “politicamente correctas”. Os mesmos colexios  que defenderon durante anos a segregación por sexos do alumnado, por considerar inaceptable a convivencia diaria de nenas e nenos nos mesmos espazos, e que ao partir de que a finalidade da educación non era a mesma para  ambos sexos, concluían que  non podía selo a práctica, argumentan agora que a segregación sexual é sinónimo de mellor rendemento académico para os rapaces, e de maior participación e liderado para as rapazas, polo que a segregación sexual supón unha mellora da calidade educativa. Estes argumentos veñen apoiados, esgrimen, por estudos provenientes dos sectores máis progresistas do ámbito da educación, que revelan como a escola tradicional axústase mellor á forma de aprendizaxe dos nenos que das nenas, ou como os rapaces reciben máis atención que as rapazas por parte do profesorado debido ás súas formas máis activas  de comunicación.


Desde o STEG compartimos moitas destas análises, pero rexeitamos as propostas de solución que impliquen a segregación sexual nas aulas. Como sindicato que defende a coeducación, levamos anos denunciando a reprodución do sexismo a través da escola, pero consideramos  que a eliminación do mesmo virá actuando sobre as disfuncións e diferenzas que se denuncian nas conclusións destes traballos de investigación, moitos deles obras de feministas. A ferramenta fundamental para a eliminar o sexismo na escola é formar ao profesorado para que sexamos conscientes de cómo, a través de prácticas que frecuentemente percibimos como neutrais, reproducimos e lexitimamos o sexismo que permea todos os ámbitos da nosa sociedade. E de paso, modificar currículos, materiais educativos, reparto de espazos e tempos... En ningún caso apoiamos unha escola de costas á  sociedade, na que se busque o rendemento académico á marxe do desenvolvemento integral de todas as capacidades humanas do noso alumnado. E consideramos que a capacidade primeira a desenvolver nunha escola coeducativa, é a de aprender a convivir nenas e nenos, mulleres e homes, sen o sexismo que caracteriza á nosa sociedade. E esta capacidade, como as demais, desenvolverase exercitándoa, non creando situacións artificiais que en vez de resolver o problema, agóchano. Por iso denunciamos o cinismo de quen, non vendo ningún problema de sexismo na sociedade, preocúpase “da falta de liderado das rapazas nas aulas”, e distanciámonos daquelas posturas que, partindo dun xenuíno interese pola igualdade de oportunidades entre nenas e nenos, cren atopar na segregación nas aulas unha ferramenta de “innovación pedagóxica”. Resulta desconcertante determinar que ten de “innovador” un modelo educativo que non é capaz de crear nas aulas o que desexamos para a sociedade.

 

ASEMBLEA DE MULLERES DO STEG

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal