ARTIGOS DE OPINIÓN   
ARTIGOS DE OPINIÓN
Feminización da pobreza

A discriminación de xénero é unha das principais causas de pobreza, xa que, nas súas diferentes manifestacións, esta discriminación impide que millóns de mulleres receban a educación, formación, servizos médicos e coidados infantís precisos, ao igual que impide obter o status legal necesario para poder escapar desa mesma pobreza.

A discriminación de xénero existe en todos os países, en todas as economías e en todos os estratos sociais. En moitos casos prodúcese tamén unha combinación desta discriminación de xénero con outro tipo de discriminacións, clase, casta ou raza, etc.(1)

Na súa forma mais xenérica esta discriminación tradúcese nun reparto de recursos desigual, xa sexa alimentación, formación, información, emprego ou posibilidade de participación social.A realidade é que dos 1.300 millóns de persoas que viven en situación de pobreza no mundo mais do 70% son mulleres. Ademais, as mulleres constitúen dous tercios da poboación analfabeta mundial (600 millóns) e aínda que soportan unha carga de traballo maior á dos homes, só un tercio das actividades que realizan son remuneradas, así as mulleres realizan o 67% das horas traballadas no mundo, mentres gañan tan só o 10% dos ingresos xerados. Posúen o 1% das propiedades a nivel mundial e o seu salario é só tres cuartas partes do masculino. A atención sanitaria que receben as mulleres, especialmente relacionada coa saúde sexual e reproductiva, é gravemente deficitaria. Ao ano morren 600.000 mulleres no mundo por causas relacionadas co embarazo e o parto e cada día practícanse 50.000 abortos en condicións perigosas para as mulleres. Encanto á participación política, a poboación feminina representa a metade do electorado e só ocupa un 10% dos escanos dos parlamentos do mundo e un 6% dos postos nos gabinetes estatais.

A discriminación de xénero está particularmente estendida nas zonas mais pobres de Asia, África e América Latina, vai desde a discriminación no acceso a todo tipo de recursos á violencia sistemática contra as mulleres. En algúns lugares dáse mesmo un fenómeno que seria cualificado de xenocidio se tivese como obxecto un grupo étnico: a aniquilación de mulleres.nos países onde os sexos receben en xeral os mesmos coidados, a proporción entre mulleres e homes é de 1,06 a 1. Mesmo na África Subsahariana, onde as mulleres están a morrer de fame, son máis numerosas que os homes nunha proporción de 101 a 100. Unha poboación mundial con máis homes que mulleres só pode darse intencionalmente. Na India morren mais mulleres que homes, sendo a proporción, en 1991, de 92 mulleres por cada 100 homes. En Pakistán hai 94 mulleres por cada 100 homes; pero isto non se debe só á pobreza do país, se non á actitude cara a muller. En China, o aborto selectivo de nenas ou a súa morte por neglixencia tamén provocou unha diminución no número de mulleres. Son tantas as mulleres que están morrendo, que o tradicional 51% da poboación mundial mudou por un 48,3 cada 100 homes.

Ademais, cada minuto catro mulleres son sometidas á ablación.Segundo Amnistía Internacional, actualmente viven no mundo 135 millóns de mulleres cos seus xenitais mutilados. Cada ano sófrena outros dous millóns de nenas máis, o que significa un ritmo de case 6.000 operacións deste tipo ao día. Esta operación realízase en 29 países de África e tres de Oriente Próximo, así como en comunidades de emigrantes en todo o mundo.

A emigración cara o Norte non mellora a panorama para as mulleres do Sur que comezan a súa viaxe buscando novas estratexias de vida, pero a súa chegada atópanse con que teñen que loitar con unha sociedade chea tamén de prexuízos, unha sociedade que non as recoñece como seres iguais, que as discrimina e as mercantiliza. Dentro do mercado mundial, son recrutadas como man de obra, pero tamén e sobre todo, como obxectos sexuais. Desde os medios de comunicación, tamén se reforzan os prexuízos occidentais: as mulleres do Sul son presentadas con frecuencia dentro do cliché de prostitutas, mulleres mercadas, víctimas exóticas e provenientes de mundos subdesenvolvidos en onde son esmagadas polos seus homes, mulleres con un destino fatal que emigran para escapar desta situación pero ao chegar ao Norte, non deixan de ser esmagadas e tras a ilegalidade a que lles aboca a lexislación europea, estas mulleres son explotadas como prostitutas ou no servizo doméstico, sen ningún tipo de contrato que permita saír desta situación e atinxir a da legalidade. En toda Europa móvese unha multinacional da explotación de mulleres do Sur. As súas ganancias embranquecenas os bancos, as institucións financeiras e as diferentes bolsas; E as persoas que as manexan non viven na clandestinidade de non ter papeis. Asúmese con naturalidade o destino destas mulleres sen cuestionarse nunca o papel da súa clientela e dos donos dos negocios.(2)

O mundo árabe pola súa parte, presenta no tema da discriminación cara as mulleres, especificidades propias de fundamentalismos relixiosos que se expresan con forza en determinados países, tendo como paradigma insuperábel o caso dos talibán en Afganistán, tan de actualidade nestes momentos, aínda que non precisamente por levar cometendo atrocidades contra as mulleres do seu país ao longo dos últimos 10 anos. Confinaron ás mulleres nas súas casas, privándoas non só da liberdade de movimentos, se non que as negaron de tal xeito que ocultaron os seus corpos e os seus rostros baixo o burka, unha cela de tea, con pena de azoutes, malleiras e abusos verbais para quen non vista segundo estas normas. As xanelas das súas casas teñen que ser opacas para que ninguén poida velas, prohibíronlles ata o riso, pois non debe ser escoitada a súa voz en público, os seus zapatos non poden facer ruído, non pode haber ningún tipo de imaxe ou fotografía de mulleres en lugares públicos e ata impuxeron a modificación de toda a nomenclatura das rúas e prazas onde existía a palabra muller. Por suposto non poden realizar traballos remunerados, nen asistir á escola, universidade ou calquera outra institución educativa, practicar deporte ou reunirse para actividades de carácter recreativo. Non poden saír sen a compaña dun varón da familia (home, pai, irmán) e nen sequera teñen dereito a asistencia médica. Para moitas mulleres afganas o suicidio é a única saída a esta situación.(3)

Poderíamos seguir enumerando situacións de discriminación ao longo da xeografía mundial, pero o realmente importante é facerse consciente de que a feminización da pobreza é un feito constatábel. E que non só é necesario combater este fenómeno porque afecta á metade da humanidade, se non porque calquera política de desenvolvemento pasa necesariamente por detectar e desterrar a discriminación cara as mulleres. Ignorar esta realidade impedirá resolver os problemas económicos e medioambientais do planeta. Na actualidade as políticas de desenvolvimento promovidas desde os países do Norte, non teñen en conta a existencia desta discriminación, polo que en moitos casos provocan un aumento da desigualdade entre homes e mulleres dentro da comunidade á que van dirixidas, producindo ao final un desequilibrio que diminúe as posibilidades de que eses programas poidan resultar efectivos. Isto ocorre así, entre outras cousas, porque a pesar de que no Norte as mulleres acadamos numerosos dereitos civís no último século, a discriminación segue existindo, as mulleres como colectivo seguimos sendo cidadás de segunda categoría e a perspectiva de xénero non está o suficientemente estendida nas ciencias sociais. Pero se nas economías de subsistencia son as mulleres as principais provedoras de alimentos, leña e auga para as súas familias, e sen embargo o seu acceso aos novos recursos productivos é cada vez menor, entón mais persoas sufrirán fame, malnutrición e enfermidades. Se ademais, aprenderon métodos agrícolas sostíbeis e adquiriron amplos coñecementos sobre diversidade xenética (tal e como millóns de mulleres fixeron ata agora), e a pesar de isto négaselles a participación nos programas de desenvolvimento, entón todos estes coñecementos perderanse.

Mellorar a situación das mulleres é mellorar as perspectivas de toda a humanidade. Para isto será necesario conseguir que as mulleres aumenten o control sobre os ingresos e os recursos domésticos, acabar coa visión da muller como individuo non productivo a pesar dos enormes beneficios económicos e sociais que se derivan do traballo das mulleres, establecer os dereitos legais necesarios e aumentar as opcións laborais. Calquera estratexia de desenvolvimento que limite a capacidade das mulleres para acadar a seu verdadeiro potencial, é tamén unha estratexia que limita o potencial das comunidades e as nacións ás que vai dirixida.(1)

Branca Guerreiro

Outubro 2001

(1) Discriminación de xénero.Un obstáculo para un desenvolvimento sostíbel. Jodi L.Jacobson.Ed.Bakeaz.Bilbao1995

(2) Mulleres Imigrantes. Rev.Xénero e Comunicación.Maio 99.AMECO

(3) RAWA.Asociación revolucionária de mulleres de Afganistán.

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal