ARTIGOS DE OPINIÓN   
ARTIGOS DE OPINIÓN
Os docentes homosexuais existimos, o alumnado homosexual, tamén

“¿Que cres que causou a túa heterosexualidade?, ¿a quen lla desvelaches primeiro?, ¿cómo e cando decidiches que eras hetero?, ¿é posible que todo o que precises sexa un bo amante homosexual?, ¿por que insistes en facer pública a túa heterosexualidade?, a grande maioría das persoas que abusan de menores son heteros. ¿realmente consideras axeitado expoñelos a docentes con esa opción sexual?, tendo en conta a superpoboación mundial. ¿non é a heterosexualidade unha ameaza?”.

Estas e outras preguntas forman parte dun coñecido formulario que circula pola rede, elaborado por unha parella de mulleres australianas coa pretensión de crear un xogo de espellos que reflictan algúns dos interrogantes cheos de prexuízo (moitas veces buscando unha explicación, cando non unha cura) e que se nos formulan a diario a lesbianas, gais e bisexuais.

Todas e todos sabemos que o prexuízo sempre ten a súa orixe na falla de coñecemento, e nós como educadoras e educadores temos moito que facer ao respecto.

A escola pecou e peca de non mirar de fronte a realidade da que forma parte. A transformación social nestes últimos tempos é vertixinosa, pero óbviase a cotío dentro das aulas. E moitas veces estamos servindo de correa de transmisión do “discurso tradicional” no peor sentido da expresión.

As persoas somos diversas e diversa é a nosa forma de vida. Non podemos caer no erro de soamente recoñecer e perpetuar un destes modelos e presentalos como o único válido.

Debemos facer un exercicio de revisión dos nosos prexuízos. Coñecer. Reflexionar.

Cómpre deixar de transmitir a sexualidade dende un punto de vista puramente biolóxico, dende a perspectiva da reprodución. Porque ademais de negar a importancia que a sexualidade e a opción sexual de cada quen teñen no seu desenvolvendo como persoa, estaríamos a lexitimar que todo o que se aparta da heterosexualidade non ten razón de ser.

Cómpre decatarse de que a heterosexualidade ocupa todo o espazo. Debemos construír un espazo novo na diversidade. Por exemplo, non presupoñendo sempre a homosexualidade coma unha realidade allea. Como algo que lle pasa aos demais. Que está fóra dos muros dos nosos centros. Os docentes homosexuais existimos, o alumnado homosexual, tamén.

Do mesmo xeito que sempre existiron as familias homoparentais, por moito que pareza que a vindeira modificación do código civil que permitirá os matrimonios entre persoas do mesmo sexo vai supoñer un pistoletazo de saída para a creación deste modelo familiar.

Nada máis lonxe da realidade. O que si vai pasar é que estas familias terán, por fin, recoñecemento e protección por parte do Estado.

Teñámolo claro: a problemática da homosexualidade non a establece a opción sexual en si, senón a resposta que a sociedade lle da a todo o que é diferente.

E nós debemos escoller: serparte do problema ou da solución.

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal