ARTIGOS DE OPINIÓN   
ARTIGOS DE OPINIÓN
A voltas coa coeducación

Desde que se implantou a Lei Xeral de Educación en 1970 e temos unha escola mixta, xeneralizouse a crenza de que o ensino xa era igual para alumnos e para alumnas: as mesmas materias, o mesmo profesorado, as mesmas aulas. Tamén hoxe a maioría do profesorado está convencido de que trata igual uns e outras. É isto coeducar?.

A Coeducación non é un fin en si mesma senón que é un dos medios para chegar a unha sociedade máis igualitaria, máis xusta. Pero despois de tantos anos e de varias reformas vai resultar que seguimos impartindo clase en escolas mixtas pero non coeducadoras. O sistema escolar avanzou en dotarnos dunha igualdade formal (os mesmos plans de estudo para alumnos e alumnas, o mesmo tipo de avaliacións, o mesmo espazo...) pero seguimos transmitindo un modelo sexista na escola: 

- Os libros de texto seguen carecendo de referentes femininos (escaso ou nulo número de mulleres nos manuais de ciencias, historia, filosofía, literatura...) 

- A linguaxe utilizada nos centros escolares segue sendo discriminatoria e sexista (sala de profesores, claustro de profesores, reunións cos titores, convocatoria da asociación de pais....) 

- Aínda que o ensino é un sector feminizado os órganos de goberno dos centros escolares están maioritariamente en mans dos homes. 

- Seguimos a reproducir estereotipos de xénero nas aulas, tanto na relación que mantemos co alumnado (distinta forma de dirixirnos a eles ou a elas; chamadas de atención, etc) como nos modelos que transmitimos (o profesor de matemáticas, a profesora de historia). 

- Algunhas das carencias do sistema escolar poderían solucionarse coa vontade da Administración educativa:
- Coidar a edición dos libros de texto para que se incluíse mulleres como suxeitos activos e axentes na historia, nas ciencias, nas matemáticas.
Evitar o uso dunha linguaxe discriminatoria cara ás mulleres e potenciar unha linguaxe non sexista tanto nos libros de texto coma nos documentos oficiais.
Incluír no currículo escolar aquelas materias que por ser propias de mulleres desapareceron (labores do fogar, cociña) e que servirán para que os rapaces adquiran habilidades do ámbito doméstico..
Outras pertencen aos retos que hai que enfrontar na formación do profesorado. Do mesmo xeito que o profesorado recibiu cursiños de lingua galega para poder impartir clases de sociais, naturais... en galego; ou que adquiriu coñecementos de informática para poder impartila nas aulas. Daquela xa é hora de que se poñan os medios para que ese profesorado que hoxe é transmisor de actitudes sexistas se transforme en axente de igualdade.

Felicia Estévez (Consello de redacción da revista de pensamento feminista Andaina)

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal