8 DE MARZO  
8 de marzo 2018
8 de marzo 2017
8 de marzo 2016
8 de marzo 2015
8 de marzo 2014
8 de marzo 2013
8 de marzo 2012
8 de marzo 2011
8 de marzo 2010
8 de marzo 2009
8 de marzo 2008
8 de marzo 2007
8 de marzo 2006
8 de marzo 2005
8 de marzo 2004
8 DE MARZO 2014
CLAVES FEMINISTAS PARA UNHA SOCIEDADE ENFERMA
 

“A adopción do réxime da desigualdade non é nunca froito da deliberación, do pensamento libre, dunha teoría social ou dun coñecemento reflexivo dos medios de asegurar a felicidade humana ou de establecer a boa orde na sociedade e o Estado”. Así xustificaba un home a senrazón do patriarcado en 1869.

O feminismo non tería razón de ser se a desigualdade, a discriminación e a consideración devaluada das mulleres non existisen nunca; pero, do mesmo xeito que o abolicionismo xurdiu da escravitude, a loita de clases da opresión do proletariado, as declaracións de independencia do sometemento duns pobos sobre outros, o feminismo xorde como resposta ao atropelo pertinaz e constante dos dereitos das mulleres polo patriarcado, como ideoloxía cultural e polas súas múltiples manifestacións nos distintos ámbitos sociopolíticos de todos os tempos.

O que supón un alegato á igualdade entre homes e mulleres segue espertando, aínda hoxe, entre homes, e tamén entre mulleres, unha barreira de precaución e ata de rexeitamento que desemboca en frases como as que oímos nos últimos tempos: “pero que queredes máis?”, “Estou a favor da igualdade, pero eu non son feminista”, ou ata nos ámbitos da ignorante douta xerarquía eclesiástica, traspasando os límites da súa competencia: “o feminismo supón un paso no proceso de deconstrución da persoa”. A proba máis degradante e cruel desta consideración que destas declaracións se deriva son as 1.211 mulleres asasinadas nos últimos 17 anos polas súas parellas ou ex parellas. ¡Non hai palabras nin argumentos que poidan rebater estes!

Hoxe, 8 de marzo, día das mulleres de todo o Planeta, mostramos o noso rexeitamento a todas aquelas posturas e a quen se arrogan a misión de rexeitar o Feminismo baixo argumentos e interpretacións erróneas, ignorantes e malintencionadas. O descoñecemento da súa xenealoxía, da súa traxectoria e da súa fundamentación non os desculpa, pero revoga a súa argumentación ante a xustiza dos seus fins.

Nestes momentos, a causa feminista volve revitalizarse. Perante as pretensións deste goberno conservador, aferrado a valores patriarcais xa superados por ser demostradamente discriminatorios cara á muller, usurpador dos dereitos das cidadás, e fermentado na moral católica máis inquisitorial, precísase dunha resposta contundente por parte das mulleres coñecedoras dos seus dereitos, da súa historia e do esforzo con que os conseguiron.

As consecuencias da reforma laboral; a ausencia de políticas contundentes na loita contra a violencia de xénero; as modificacións “lingüísticas” no código penal, que ousan chamar violencia doméstica ao que é unha agresión ás mulleres polas súas parellas ou exparellas; as trabas para acceder á xustiza, cando no 85 % dos casos de procesos matrimoniais é a muller quen o demanda; o abandono por parte do Estado das persoas dependentes, relegando esta responsabilidade a quen tradicionalmente se ocupou diso; o refugallo da rede pública de asistencia a mulleres maltratadas; a dilación e o menosprezo por equiparar os permisos parentais que posibilitan tanto a dispoñiibilidade das mulleres para o ámbito laboral como o desenvolvemento da autonomía afectiva e práctica dos homes; a tolerancia social cara a quen se arrogan a verdade moral á hora de emitir xuízos persoais e valorativos sobre quen son diferentes; a usurpación do dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo e o momento da súa maternidade; a condescendencia coa brecha laboral e salarial que fai que as mulleres gañen o 23% menos no posto de traballo; o fariseísmo de quen din defender a vida de quen aínda non é, mentres que permite desaloxar a mulleres coa súa proxenie, tamén cos seus non nados, dos seus fogares, desposuíndoas dun teito onde lamber a súa dignidade ferida; o despotismo, nin tan sequera ilustrado, co que actúan baixo o cetro da maioría absoluta; a adicción coa que mangonean normativas mundiais sobre igualdade de xénero para crear expectativas positivas que sirvan de adormideira á poboación; a hipocrisía coa que mudan consignas coeducativas internacionalmente recoñecidas por prexuizosos xeitos de diferenciar a educación de mozas e mozos. Estes son os novos e vellos agravios cos que as mulleres de 2014 nos atopamos, pero asumímolos como retos que, desde o convencemento, imos superar. Diante de tanta afronta, a Asemblea de Mulleres do STEG, no día de hoxe, 8 de marzo de 2014, manifesta:

- Que as mulleres feministas estamos dispostas a loitar contra todo sistema que pretenda arrebatarnos os dereitos que a loita histórica, o esforzo das nosas antecesoras e a conciencia nos outorgou de xeito xusto.

- Que non permitiremos que o noso corpo nin as nosas vidas sexan o campo de batalla electoral de quen son desertores da xustiza humana.

- Que a nosa bioloxía non nos condiciona para ser exclusivamente nais e que temos dereito á sexualidade, a decidir libremente sobre a nosa maternidade e ao control do noso corpo.

- Que non toleraremos que ningún goberno impoña as súas opinións morais sobre o que compete á nosa liberdade de conciencia e á nosa vida.

- Que reivindicamos o valor do Feminismo, como teoría crítica da sociedade que defende a equidade efectiva e legal entre mulleres e homes, e que se opón á irracional e artificiosa visión establecida da realidade.

- Que as leis promulgadas sen consenso, e polo tanto turbadoras da paz social, son papel mollado que saberemos encauzar para o seu derrocamento.

- Que é necesario transformar o compoñente de poder que actualmente segue impoñéndose nas relacións entre homes e mulleres como froito do patriarcado.

Somos conscientes de que o Feminismo revolve demasiados baluartes de poder e excesivos intereses persoais, políticos e sociais, pero estamos convencidas de que as claves feministas son unha solución á sociedade doente que agonía cada día.

 
STEG Informa
Especial 8 de marzo

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal