8 DE MARZO  
8 de marzo 2018
8 de marzo 2017
8 de marzo 2016
8 de marzo 2015
8 de marzo 2014
8 de marzo 2013
8 de marzo 2012
8 de marzo 2011
8 de marzo 2010
8 de marzo 2009
8 de marzo 2008
8 de marzo 2007
8 de marzo 2006
8 de marzo 2005
8 de marzo 2004
8 DE MARZO 2016
"AS LOITAS FEMINISTAS COMO MOTOR DE CAMBIO"
 
Propostas didácticas


Celebramos un novo 8 de marzo. Día Internacional das Mulleres. Unha data cun gran significado, o que lle damos as mulleres que día a día loitamos por conseguir o lugar que nos corresponde na sociedade.

As loitas feministas foron moitas e tras elas fóronse conseguindo melloras nos dereitos das mulleres, pero os avances non son proporcionais aos sacrificios que supuxeron; para moitas mulleres falar, opinar, decidir e expresarse libremente... custoulles perder mesmo a vida.

As primeiras vindicaciones das mulleres eran a igualdade aos homes en dereitos civís e laborais, acceso á educación e ao voto. Que as mulleres comezasen a darse conta da súa exclusión dos beneficios conseguidos nas loitas sociais, foi o revulsivo para comezarem a tomar conciencia como grupo sometido ao patriarcado e androcentrismo establecido.

O feminismo comezou no século XVIII. Así Olimpia de Gouges, escribiu “Os dereitos da muller e a cidadanía”: este “desacato” ás normas establecidas levouna á guillotina. Mary Wollstoncraft escribía “Vindicación dos dereitos da muller”, considerada a obra que deu lugar ao feminismo. Continuando as loitas feministas no século XIX, xorde o sufraxismo, que, na consecución da igualdade de dereitos, demanda o voto para as mulleres. Os movementos sufraxistas xurdiron en Estados Unidos, estendéndose ao Reino Unido e posteriormente a outros países. Deste movemento xurdiu a loita cívica actual: manifestacións, concentracións, desobediencia pacífica... Pero outra vez o camiño é longo: o primeiro país que deu o voto ás mulleres foi a Nova Zelandia en 1893; a día de hoxe, no entanto, o sufraxio feminino aínda non é universal pois hai países que non permiten votar ás mulleres.

Seguindo coas loitas feministas, as mulleres toman conciencia das desigualdades derivadas do patriarcado e do androcentrismo, así reivindicaban a despenalización do aborto (a muller ten pleno dereito a elixir se quere ser nai ou non), medidas contra a violencia de xénero, políticas de igualdade, liberación sexual, cambios nos roles familiares, identificación dos micromachismos. Figuras emblemáticas desta época son Simone de Beauvoir, Betty Friedan, Kate Millet, etc. Desde 1948 comeza a pedirse a despenalización do aborto, meta aínda non alcanzada, é máis, non fai tanto neste país tentouse unha modificación da lei do aborto vixente, esta modificación supoñía un retroceso importante. A mobilización que xerou entre as feministas, derivou nunha masiva manifestación en Madrid, e na dimisión do ministro de Xustiza.

Respecto ao resto de reivindicacións, como medidas contra a violencia de xénero ou políticas de igualdade, non é necesario dicir que falta moito por acadar. Novamente as feministas saímos á rúa de forma masiva para pedir aos distintos gobernos medidas efectivas para loitar contra as diversas violencias machistas.

As mulleres conseguimos entrar no mundo laboral pero as responsabilidades familiares continúan recaendo sobre as nosas costas, os cargos de poder mantéñense en mans dos homes; entre as medidas tomadas para evitar esta discriminación están as cotas, paridade nos cargos... Pero é isto suficiente? Está claro que non, mentres os homes vexan ás mulleres como seres inferiores e non como iguais cos mesmos dereitos e obrigacións, non conseguiremos a igualdade.

Dentro do feminismo hai diversas correntes: ecofeminismo, cyberfeminismo, teoría queer,... todas elas serviron para mostrar as desigualdades que seguimos sufrindo as mulleres.

As reivindicacións feministas, “grazas” á crise mundial que estamos a sufrir, rexurdiron do seu letargo, o feminismo está activo. A loita continúa e manterémosnos na brecha por todas as mulleres do pasado, polas mulleres actuais e polas mulleres do futuro, porque “o feminismo é o motor do cambio”.

 

8 de marzo de 2016
Asemblea de Mulleres STEG

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal