8 DE MARZO  
8 de marzo 2018
8 de marzo 2017
8 de marzo 2016
8 de marzo 2015
8 de marzo 2014
8 de marzo 2013
8 de marzo 2012
8 de marzo 2011
8 de marzo 2010
8 de marzo 2009
8 de marzo 2008
8 de marzo 2007
8 de marzo 2006
8 de marzo 2005
8 de marzo 2004
8 DE MARZO 2006

Igualdade: máis feitos e menos palabras

Un ano máis celebramos o DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES, e un ano máis vémonos obrigadas a denunciar a situación internacional violenta que estamos a vivir, unha situación na que os dereitos humanos e en especial os dereitos das mulleres son sistematicamente vulnerados.
As agresións bélicas, as torturas, as lapidacións, as violacións, o tráfico e o asasinato de mulleres, e outras moitas vulneracións dos nosos dereitos son proba evidente da magnitude da inxustiza social e das perversas desigualdades dun mundo globalizado. Non é de estrañar que as mulleres sexamos as primeiras en loitar pola paz e a xustiza en todos os recunchos do mundo. Pola nosa forma de nos organizar en redes de solidariedade, horizontais e participativas, servimos de precedente e de base ao chamado movemento antiglobalización.
Á violencia física súmase a explotación económica. A pobreza continúa tendo rostro de muller: a pesar de que carrexamos coa maior parte do traballo, as mulleres só posuímos o 1% da riqueza mundial. Aquí, o inimigo é igualmente poderoso, porque a súa única lóxica é a do beneficio. A miúdo, os intereses das empresas están por encima dos Estados, do respecto ao medio ambiente e dos dereitos de traballadoras e traballadores. Por iso esiximos a todos os gobernos un compromiso firme co obxectivo de erradicar a indixencia na que viven dous terzos dos habitantes do planeta. A globalización neoliberal que estamos padecendo non fai senón afondar as desigualdades económicas, sociais e sexuais. Como recoñecen todos os organismos internacionais de axuda ao desenvolvemento, o máis eficaz é dar educación e posibilidades de elección ás mulleres. Non debemos esquecer que son elas as que padecen o analfabetismo en maior grao e sen embargo soportan as maiores cargas na sustentabilidade das familias.
Manifestamos o noso recoñecemento e solidariedade con todas as persoas que se mobilizan -ás veces en condicións de máxima adversidade- pola paz, a democracia e o respecto aos dereitos humanos. Pero habemos de seguir denunciando que as mulleres seguimos sufrindo violencia e discriminación na maior parte do mundo, tanto nos ámbitos da saúde, a reprodución e a educación, como nos ámbitos da promoción profesional, intelectual e política. Mesmo nos países desenvolvidos como o noso, as mulleres atopámonos con un teito de cristal que limita a nosa equiparación cos homes, sobre todo cando queremos acceder a postos de liderato político, económico, social e intelectual.
A liberación das mulleres segue sen se producir, a pesar de que levamos séculos de loita ás nosas costas. A igualdade pode quedarse nun termo baleiro de contido se non se reflicte tanto nos dereitos como nos feitos. Non queremos promesas de discriminación positiva e de inclusión de perspectiva de xénero nas políticas públicas se non se van cumprir, e para iso fai falta que vaian acompañadas de orzamentos suficientes.
Conciliar a vida familiar e laboral non significa só que nos reduzan a xornada laboral para poder compaxinala co traballo doméstico, é necesario que os homes se corresponsabilicen dos coidados familiares para que non sexamos nós as que sigamos cargando con todo o peso do fogar. Para iso, necesitamos educar en igualdade, solidariedade, xustiza e feminismo en todos os niveis educativos e na sociedade no seu conxunto. Necesitamos erradicar o machismo e pensamos que a visibilidade pública das mulleres, o seu acceso a postos de poder e responsabilidade é unha esixencia imprescindíbel para avanzar cara unha sociedade máis igualitaria e máis libre.


 

E-mail de Contacto | Aviso Legal