8 DE MARZO  
8 de marzo 2017
8 de marzo 2016
8 de marzo 2015
8 de marzo 2014
8 de marzo 2013
8 de marzo 2012
8 de marzo 2011
8 de marzo 2010
8 de marzo 2009
8 de marzo 2008
8 de marzo 2007
8 de marzo 2006
8 de marzo 2005
8 de marzo 2004
8 DE MARZO 2010
O MODELO FEMINISTA NON ESTÁ EN CRISE

O pensamento feminista foi decisivo para reinterpretar o noso mundo e para nos ensinar a mirar con novos ollos a sociedade en que vivimos. O feminismo supuxo a toma de conciencia das mulleres como clase social e, co propósito común de construír unha sociedade incluínte que recoñeza ás mulleres como integrantes da sociedade e da política, achegou unha revolucionaria reconstrución dos comportamentos, novos valores de convivencia, novas relacións humanas, cambios nas institucións, novas linguaxes.... Grazas ás accións que se abordaron desde o feminismo, puxéronse en dúbida crenzas e estereotipos que limitaban ás mulleres e logrouse cambiar as estruturas básicas da sociedade patriarcal que considerou durante séculos ás mulleres como seres inferiores e dependentes da tutela dos homes.

O feminismo simboliza o encontro de mulleres buscando formas de acción e alianzas políticas que rescaten ás mulleres do silencio no que sobreviviron durante séculos. O modelo feminista cuestiona a desigualdade, a violencia, a crise económica, a discriminación, o caos sociopolítico, as formas de convivencia baseadas na cultura patriarcal e, sobre todo e ante todo… ante calquera proxecto e calquera circunstancia, xera propostas.

É verdade que obtivemos grandes logros, que melloramos no recoñecemento “formal” da participación das mulleres en igualdade, pero a realidade é teimuda e persiste un grande desequilibrio na participación e na toma de decisións, a responsabilidade do privado segue a ser nosa e, se non logramos que os homes se conciencien diso e compartan as responsabilidades familiares, as mulleres seguiremos estando en clara desvantaxe respecto a eles. A igualdade pasa pola incorporación das mulleres a un emprego de calidade nas mesmas condicións que os homes, o que esixe un reparto igualitario do privado, é dicir, do traballo doméstico e dos coidados.

Xa que logo, podemos dicir que o debate aínda non acabou, que o cambio de mentalidade non chegou á súa fin porque as desigualdades de xénero persisten nas institucións sociais. As mulleres debemos conseguir que o século XXI sexa o século da chegada ao poder das mulleres, onde logremos a participación en igualdade cos homes a nivel social, económico e político, é dicir, na toma de decisións a todos os niveis. Desde a Asemblea de Mulleres do STEG sabemos que cada día somos máis e imos a máis, e isto nos da azos para continuar con máis empeño e ilusión nesta loita que aínda se prevé longa, pero que rematará sendo frutífera.

Porque O MODELO FEMINISTA NON ESTÁ EN CRISE.

STEG Informa
Especial 8 de marzo


 

E-mail de Contacto | Aviso Legal