25 DE NOVEMBRO  
25 novembro 2017
25 novembro 2016
25 novembro 2015
25 Novembro 2014
25 Novembro 2013
25 Novembro 2012
25 Novembro 2011
25 Novembro 2010
25 Novembro 2009
25 NOVEMBRO 2011
CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA TODAS AS MANS SON NECESARIAS
 
 
Lonxe de desaparecer, a violencia contra as mulleres en todas as súas crueis manifestacións e en todos os lugares do mundo, parece incrementarse e fortalecerse.
A fonte primeira de toda violencia cara ás mulleres segue sendo a macroestrutura de poder e dominio masculino chamada patriarcado. As sociedades modernas nunca deixaron de ser patriarcais, e a violencia cara ás mulleres exerceuse e lexitimouse polas institucións e os estados, coa finalidade de reprimir e obstaculizar as loitas e os avances das mulleres.

Este 25 de novembro de 2011 enmárcase nun momento histórico de intensa reacción patriarcal que cursa con agudas e dramáticas formas de violencia sobre as mulleres:
violencia económica: precariedade laboral, dependencia económica, políticas de igualdade sen recursos económicos, desmantelamento e recortes na sanidade e ensino públicos, privatización de servizos básicos de benestar social, conxelación das axudas a mulleres vítimas da violencia de xénero, lei da familia,…
violencia cultural: proliferación de fundamentalismos relixiosos e culturais, mutilación xenital feminina, lapidación, prohibición do aborto e da unión de persoas do mesmo sexo, maternidade imposta, estereotipos sexistas, modelos de beleza hipersexualizados, escola machista, linguaxe sexista,…
violencia machista: malos tratos físicos e psicolóxicos, violencia doméstica, conxugal, abuso sexual a fillas e nenas do entorno, trata de mulleres e nenas para a explotación sexual, violación, asasinato,…

A agresiva reacción misóxina e patriarcal, froito da dereitización ideolóxica, está dirixindo unha ofensiva moi dura contra as mulleres. As últimas sentencias xudiciais, o activismo cotiá de diferentes asociacións defensoras do poder patriarcal, que se atreven a dicir que as mulleres están sobreprotexidas polas leis, ou que as denuncias contra os maltratadores son falsas, son exemplos próximos que poñen de manifesto o rearme ideolóxico do patriarcado. Aínda que o único certo é que a vida das mulleres está empeorando en todo o planeta como consecuencia das feridas que está provocando a renovada alianza dos dous grandes sistemas de dominio: o capitalismo e o patriarcado.

No estado español, son xa 58 as mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas no que vai de año, 764 no período 2000-2011.

Dende a Asemblea de Mulleres do STEG esiximos a inversión pública suficiente e imprescindible para traballar en medidas educativas de prevención da violencia de xénero, así como que se inclúa no calendario escolar a conmemoración do 25 de novembro.

Demandamos unha educación igualitaria para conseguir os cambios sociais desexados, e ensinar novas relación de xénero màis eficaces, integradoras e solidarias; máis equilibradas, constructivas e enriquecedoras. Queremos lograr a integración da igualdade e coeduación nos contidos curriculares, garantindo unha formación inicial e permanente ao conxunto do profesorado e de profesionais do ámbito educativo.

Hoxe, 25 de novembro de 2011, Día Internacional contra a Violencia cara ás Mulleres, son máis necesarias que nunca a loita política feminista e a mobilización social. É imprescindible o compromiso das institucións, dos partidos políticos e de toda a sociedade, para desactivar as violencias patriarcais.

Nesta loita feminista debemos unirnos as mulleres e tamén os homes que cuestionan o sistema que lles proporciona privilexios, que desexan unhas relacións en igualade, sen violencia machista.

Mulleres e homes que loitamos por una sociedade igualitaria onde se eduque no respecto á diversidade e á diferenza, onde todas as mans se unan formando unha cadea contra a violencia patriarcal.

Porque contra a violencia machista, todas as mans son necesarias.
Asemblea de Mulleres do STEG
Galiza, 25 de novembro de 2011
 

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal