25 DE NOVEMBRO  
25 novembro 2017
25 novembro 2016
25 novembro 2015
25 Novembro 2014
25 Novembro 2013
25 Novembro 2012
25 Novembro 2011
25 Novembro 2010
25 Novembro 2009
25 NOVEMBRO 2010
CONSTRÚES OU DESTRÚES?
POR UNHA SOCIEDADE IGUALITARIA: NON Á VIOLENCIA MACHISTA
 
En 1981 celebrouse en Bogotá o Primeiro encontro feminista de Latinoamerica e o Caribe. As feministas alí reunidas acordaron propor o 25 de novembro como Día Internacional de Non violencia contra as mulleres. A data foi escollida en lembranza das tres irmás Mirabal, brutalmente asasinadas en 1960 por orde do presidente da República Dominicana Rafael Trujillo.

A violencia exercida contra as mulleres é un fenómeno universal que persiste en todos os países do mundo. Así mesmo, non é un problema recente: estivo presente ao longo de toda a historia, sendo aceptada, tolerada e normalizada social e xurídicamente debido a que se cría que pertencía exclusivamente ao ámbito privado das relacións da parella.

Sempre houbo voces denunciando a existencia desta violencia. Así, Christine de Pizan, escritora de amplísima cultura, xa condenaba a existencia de malos tratos sufridos por mulleres na súa obra A cidade das Damas, escrita en 1405. Tamén Flora Tristán, entre outras, sufriu malos tratos e sobreviviu ao intento de asasinato por parte do seu home; na súa obra A unión obreira, escrita en 1843, describiu as condicións de vida do proletariado francés da súa época e argumentou que a desigualdade sexual sempre xera violencia no fogar.

Anos, séculos, tiveron que pasar ata que en 1984 a ONU declarase “a violencia contra as mulleres como o crime máis numeroso do mundo” e en 1994 a súa Asemblea Xeral definiu a violencia de xénero como “todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que ten como resultado posíbel ou real un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico nas mulleres, incluídas as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación de liberdade, xa sexa que ocorra na vida pública ou na privada.”

A incansábel loita do movemento de mulleres e de organizacións polos dereitos humanos conseguiu sacar á luz o problema da violencia contra as mulleres, considerándoa a consecuencia máis grave da desigualdade entre homes e mulleres e a expresión dramática dun sistema de poder (patriarcado) que colocou ás mulleres en situación de inferioridade respecto aos homes.

Con todo, a violencia machista, lonxe de desaparecer, sófrena mulleres mozas, adultas e de maior idade, mulleres de todas as nacionalidades, clases sociais e niveis de formación, as economicamente máis fortes e as máis desfavorecidas. E padécena tanto no ámbito privado como no público.

A nivel mundial, a violencia contra as mulleres é de tal magnitude que, segundo as estimacións de Nacións Unidas, unha de cada tres mulleres no mundo é golpeada, forzada a manter relacións sexuais ou sofre outro tipo de maltrato continuado na súa vida. Na maioría dos casos, o agresor é unha persoa coñecida ou familiar. Así mesmo, unha de cada cinco mulleres é vítima de violación. A trata, o acoso sexual, a mutilación xenital feminina, o homicidio relacionado co dote, os asasinatos por cuestións de honra e o infanticidio feminino e o feminicidio son algunhas das ramificacións deste urxente e grave problema mundial. Segundo datos recollidos no Informe Mundial sobre violencia e saúde (2003), en Australia, Canadá, Estados Unidos, Israel e Sudáfrica entre o 40% e 70% das mulleres que foron vítimas de homicidio, forono a mans dos seus homes ou dos seus noivos e, moi frecuentemente, nun contexto de maltrato continuado. En Latinoamérica e o Caribe os datos son aínda máis desconsoladores. Cómpre engadir, tamén, que en Cidade Juárez (México) cada ano máis de 400 mulleres mozas son secuestradas, violadas e brutalmente asasinadas. Os autores de tales crimes gozan de total impunidade.

En España, os datos son arrepiantes. Segundo o Informe anual do Observatorio Estatal contra a violencia de Xénero (2009), o número de mulleres asasinadas non dá tregua. Desde o 1 de xaneiro de 2003 ata 31 de decembro de 2008, ascendeu a 414. Ademais, hai moitas mulleres que non forman parte da estatística pero viven gravísimas situacións de discapacidade sobrevida depois dun grave episodio de violencia machista: tetraplexia, invidencia, queimaduras en rostro e corpo… As consecuencias destas situacións son devastadoras, rematando moitas delas en suicidios.

No ámbito público, estamos a vivir nun contexto de crise sistémica, cuxos efectos máis inmediatos se están a deixar sentir con toda crueza na vida das mulleres. O número de persoas en situación de extrema pobreza no mundo aumantará de 55 a 90 millóns. Isto terá consecuencias especialmente prexudiciais para as nenas, pois cando os recursos son escasos, prímanse as necesidades dos nenos ata o punto de marcar enormes diferenzas na mortalidade infantil. Uns 100 millóns de mulleres e nenas en todo o mundo están empregadas no traballo informal e precario, como o doméstico, e case todas elas con baixos salarios, sen dereitos nin cobertura social. A crise aumenta a explotación e o comercio sexual. Ademais, con motivo da crise estase a producir un xiro conservador e un reforzamento dos estereotipos nos que se sustenta a discriminación que sofren as mulleres, tanto nas actividades remuneradas, como no ámbito doméstico.

As medidas que desde os gobernos se impoñen co fin de resolver a crise son medidas dun marcado carácter neoliberal e patriarcal, contrarias en moitos casos á igualdade, que tantas veces eses gobernos solemnemente declaran como ineludíbel para alcanzar o progreso social. Tamén existe violencia gobernamental para as mulleres cando se suprimen investimentos públicos ou Servizos de Igualdade, cando se adían leis como a de ampliación do permiso de paternidade ou medidas para o fomento da corresponsabilidade, co perverso argumento de considerar que as políticas de igualdade son un luxo para épocas de bonanza, pero que non se deben sufragar en épocas de crise.

É un feito que a percepción social sobre a violencia contra as mulleres mudou. No barómetro do CIS (2000) apareceu por primeira vez a violencia de xénero como un dos problemas que máis preocupaba ás persoas enquisadas. Desde entón non deixou de aparecer esta preocupación xunto a outras, como o paro ou a situación económica Porén, as estatísticas de mulleres asasinadas cada ano, os mitos que se xeran sobre as denuncias falsas, as sentenzas reaccionarias dalgúns xuíces e xuízas dinnos que o camiño para construír unha sociedade igualitaria é longo. A ferramenta básica para transformar a actual sociedade capitalista e patriarcal nunha sociedade igualitaria e libre é a educación. A Escola ten un papel fundamental na prevención da violencia, na modificación dos prexuízos sexistas e na resolución non violenta dos conflitos.

A Asemblea de Mulleres do STEG, ante o 25 de novembro, Día Internacional da Non violencia contra as mulleres, manifesta a necesidade de que entre todas e todos CONSTRUAMOS UNHA SOCIEDADE:
  • Na que se destrúa definitivamente o terrorismo machista, que arrebata a vida de numerosas mulleres cada ano e a moitas déixaas nunha situación de discapacidade sobrevida irreversíbel.
  • Na que sexamos quen de erradicar todas as formas de violencia que se exercen socialmente sobre as mulleres (imposicións dun modelo de beleza, dun modo de ser, de vestir, de amar, de vivir…)
  • Na que sexamos quen de eliminar a barbarie que leva a exercer a violencia sobre o corpo das mulleres en zonas de guerra.
  • Na que sexamos quen de rematar coa violencia que se exerce sobre as mulleres no ámbito laboral, cando cobran menos que os homes ou non se lles contrata polo feito de ser mulleres.

E para conseguir todo isto esiximos o investimento público suficiente e imprescindíbel para realizar medidas educativas de prevención contra a violencia de xénero, así como unha formación do profesorado permanente e contínua que garanta unha educación nos valores de igualdade e respecto.

CONSTRUAMOS unha sociedade xusta, libre e igualitaria, na que non haxa que lamentar máis asasinatos por violencia machista.
NON Á VIOLENCIA MACHISTA
 


Galiza, 25 de novembro de 2010
Asemblea de Mulleres do STEG

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal