25 DE NOVEMBRO  
25 novembro 2017
25 novembro 2016
25 novembro 2015
25 Novembro 2014
25 Novembro 2013
25 Novembro 2012
25 Novembro 2011
25 Novembro 2010
25 Novembro 2009
25 NOVEMBRO 2014
NIN MORTAS, NIN CALADAS

Propostas didácticas


Unidades Didácticas 25 N 2014
 
 
 
Todos os días do ano a Confederación Intersindical no seu conxunto e a Asemblea de Mulleres do STEG en particular maniféstanse radicalmente en contra de calquera forma de violencia contra as mulleres. Hoxe queremos ser a voz de todas aquelas a quen os verdugos machistas asasinaron e silenciaron.

En todo o mundo a violencia contra as mulleres continúa a manifestarse de moi diversas formas e alcanza cifras insoportábeis. Como eses 603 millóns de mulleres que viven en países onde non se considera delito a violencia de xénero, os 2 millóns de nenas cuxa vida corre risco pola ablación ou os máis de 60 millóns de esposas-nenas. E nun ano en que quixeron arrebatarnos o noso dereito a decidir se queremos ou non ser nais, non podemos esquecer esas 47.000 mulleres que morren cada ano no mundo por mor de abortos inseguros. Tampouco esquecemos o 70% de mulleres que sofren ou sufrirán violencia sexual na súa vida, tendo que aturar ser cuestionadas, ridiculizadas, revitimizadas.

No Estado español máis de 600.000 mulleres sofren maltrato acotío. En dezanove anos, máis de 1.311 mulleres foron asasinadas por homes que dicían amalas, sen contarmos todas aquelas que quedan fóra das estatísticas oficiais. Un número de asasinatos que tería que converter de seu o da violencia machista, o terrorismo machista, nunha verdadeira “cuestión de Estado”.

Mais fronte ao repunte da violencia machista que padecemos, o Goberno responde coa inactividade, con recortes orzamentarios, coa eliminación de contidos coeducativos ou coa supresión dos servizos de axuda de proximidade. O recorte do 28% en programas de prevención e axuda de violencia de xénero é clara evidencia da escasa importancia que esta lacra ten para este Goberno, sen esquecer a significativa repercusión que conlevan as recomendaciones publicadas dende o Ministerio de Interior para evitar as violacións, onde unha vez máis se corresponsabiliza, sutil pero implicitamente, ás mulleres violadas, sen aludir expresa e directamente aos delincuentes reais e únicos responsábeis do delito.

Logo dun verán sanguiñento, onde se pediu insistentemente a súa comparecencia e a adopción urxente de medidas para paliar esta sangría de feminicidios, anúncianos agora a ministra de Sanidade unha reforma da Lei Integral, cando - logo de dez anos implantada - nin sequera se desenvolveron os seus contidos, nin se dotou orzamentariamente. Anúncianos medidas que, en realidade, xa contén a propia lei e que non se puxeron en práctica. Cortinas de fume para distraer a atención do realmente importante. Porque o importante é que cada vez son máis as mulleres que sofren malos tratos, e malia iso non denuncian esta situación. Tras cada feminicidio quérese centrar a atención en se había ou non denuncia. A realidade é que as vítimas non teñen confianza nun sistema que as deixa abandonadas á súa sorte. A realidade é esa porcentaxe do 27% de mulleres asasinadas que interpuxeran denuncia e o desconcertante é que só no 9,8% dos casos de denuncias por maltrato se produza a condena ao agresor. Aumentan os asasinatos de mulleres, diminúen as denuncias e deixan de ditarse ordes de protección para as mulleres en risco. Aínda que semella obvio que un maltratador non pode ser nunca un bo pai, a custodia das menores e dos menores das mulleres vítimas de maltrato séguese dando case sempre aos pais, mesmo que haxa condena previa por violencia de xénero. Só nun 6,7% dos casos se suspende a garda e custodia e só nun 0,3% o rexime de visitas.

A cruzada do actual Goberno contra a igualdade reforza a ideoloxía máis misóxina e mantén nas súas poltronas a quen fan apoloxía da violencia contra as mulleres; elimina calquera contido educativo en materia de igualdade e prevención de violencia; desvirtúa o propio termo “violencia de xénero” e rebaixa a súa gravidade, reducindo ao pagamento de multas ou a simples sancións agresións que deberían ter unha resposta máis contundente. Ademais, coa reforma da Administración local acábase cos servizos de axuda máis próximos, agravando a situación das mulleres en contornas rurais. Acábase tamén co Instituto da Muller, desvirtuando totalmente as súas competencias.

Todas esas instancias son puntais básicos na prevención e loita contra a violencia machista. Como o son a formación do persoal que intervén en todo o proceso, como o son os protocolos de actuación entre diferentes administracións, como o é a educación como método de prevención. Unha sociedade que permanece impasíbel diante da execución dunha media de 70 mulleres ao ano é unha sociedade que necesita un profundo cambio.

Por todo isto, esiximos:
  • A consideración do terrorismo machista como cuestión de Estado e a adopción inmediata das medidas para erradicalo.
  • A reposición e reintegro de todas as partidas orzamentarias, programas e fondos en materia de prevención e de asistencia ás vítimas da violencia de xénero.
  • O investimento en programas de igualdade, educación e formación, así como en campañas de prevención, alicerces básicos da loita contra a violencia machista, incluíndo a educación afectivo-sexual como instrumento para reforzar a autoestima persoal e para contribuír a detectar e prever calquera indicio de violencia de xénero desde as idades máis temperás.
  • A garantía do dereito ao traballo para as mulleres en igualdade de condicións cos homes, con protocolos de actuación fronte á violencia machista.
Somos moitas as que estamos aquí. Pero non estamos todas. Fáltannos as mulleres asasinadas pola violencia machista.
Por elas, polas nenas e nenos que tamén foron asasinados.
Nós non estamos mortas, nin caladas.
¡NON Á VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES!

Galiza, 25 de Novembro de 2014
Asemblea de Mulleres do STEG
 

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal