25 DE NOVEMBRO  
25 novembro 2017
25 novembro 2016
25 novembro 2015
25 Novembro 2014
25 Novembro 2013
25 Novembro 2012
25 Novembro 2011
25 Novembro 2010
25 Novembro 2009
25 NOVEMBRO 2017
CONTRA A VIOLENCIA INSTITUCIONAL, XUSTIZA PARA TODAS
25 DE NOVEMBRO DE 2017

“No que vai de ano 2017 van 46 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas, e en moitos casos non houbo denuncias previas".

Imos analizar esta afirmación. Cando dende os medios se insiste en que non se puxeron denuncias previas, quérese dicir que a muller non sufrira violencia ata ese momento?  Seica este feito lávanos a conciencia e fai que nos sintamos menos culpables da indefensión que sofren as mulleres vítimas de violencia de xénero?

Diante do repunte dos asasinatos de mulleres créanse comisións para determinar as causas destes asasinatos.

De verdade necesitamos crear comisións para analizar e determinar por que os homes asasinan as mulleres que son ou foron as súas compañeiras? Non é necesario facer sisudos estudos para entender que a orixe destes asasinatos está no patriarcado e no concepto de posesión que moitos homes teñen das mulleres.

Imos un pouco máis aló: pretendemos que mulleres que viven nunha contorna de violencia denuncien o seu maltratador cando este feito vai supoñer deixar en mans desta persoa ás súas fillas e fillos?

Tendo en conta que, no que vai de ano, foron asasinados polos seus pais, durante o réxime de visitas imposto polos tribunais, 11 nenas e nenos, podemos preguntarnos que nai vai separarse da súa parella se sabe que iso pode supoñer deixar ás súas criaturas en mans dun maltratador. Moitas mulleres coñecen ameazas repetidas en moitos casos  ao longo de anos de sufrimento. Falamos de advertencias do tipo: “Como me deixes, non volverás ver os teus fillos e fillas”.

O Goberno, e colateralmente a Xustiza, non establece as medidas necesarias para  darlles  protección. Cando mulleres como María, Juana, Susana... e moitas máis deron un paso á fronte abandonando o seu maltratador, atoparon no entanto un Poder Xudicial que non cumpriu coa lexislación vixente. Non esquezamos que non son as mulleres quen incumpren as leis, senón que o fan eses xuíces e xuízas que non teñen en conta a Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero.

Dous artigos da mesma, o 65 (Das medidas de suspensión da patria potestade ou a custodia de menores) e o 66 (Da medida de suspensión do réxime de visitas, estancia, relación ou comunicación cos menores) ditaminan a supresión da patria potestade, a custodia ou a supresión do réxime de visitas e neles recóllese textualmente que o xuíz ou xuíza“adoptará as medidas necesarias para garantir a seguridade, integridade e recuperación dos menores e da muller, e realizará un seguimento periódico da súa evolución”… As mulleres revélanse ante sentenzas contrarias á lei, pois, que nai quere deixar voluntariamente as súas criaturas en mans dun maltratador?

Fai falla formación específica e unha especial sensibilización sobre o tema para todas as persoas que teñen que traballar con mulleres que sofren violencia machista, non só no Poder Xudicial (xudicatura, fiscalía, avogacía...) senón tamén entre as traballadoras sociais e persoal médico, os corpos de seguridade e todas as persoas concernidas na aplicación de medidas integrais contra a violencia cara ás mulleres. Porque é fundamental que as mulleres se sintan protexidas e cómodas.

Aprobouse o Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, pero a pesar da alegría inicial das asociacións feministas, non deixa de ser un “consenso de mínimos” e, aínda que houbo unanimidade entre todos os grupos parlamentarios, este documento ten máis de informe que de pacto. Hai aínda moitos interrogantes sobre cuestións fundamentais que quedaron fóra.

Agardamos que o citado Pacto non quede en mera declaración de intencións e que no seguimento do  mesmo non se deixe fóra ás organizacións de mulleres e feministas. Esperamos tamén que as partidas orzamentarias sexan suficientes e que se inclúan todos os supostos de violencia machistas contemplados no Convenio de Istambul. Falta que a erradicación das violencias contra as mulleres sexa prioritaria nas axendas políticas. Só así será posible a súa eliminación.

É, xa que logo, o propio Estado e as súas institucións quen está a fallar na prevención e erradicación da violencia contra as mulleres, non as propias mulleres.

POR TODO ISTO,

CONTRA A VIOLENCIA INSTITUCIONAL, XUSTIZA PARA TODAS.



ASEMBLEA DE MULLERES DO STEG
ORGANIZACIÓN DE MULLERES DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal