25 DE NOVEMBRO  
25 novembro 2021
25 novembro 2020
25 novembro 2019
25 novembro 2018
25 novembro 2017
25 novembro 2016
25 novembro 2015
25 Novembro 2014
25 Novembro 2013
25 Novembro 2012
25 Novembro 2011
25 Novembro 2010
25 Novembro 2009
25 NOVEMBRO 2021
FARTAS PERO IMPARÁBEIS
25 DE NOVEMBRO DE 2021


 
Manifesto da Asemblea de Mulleres do STEG e da Organización de Mulleres da CI

FARTAS, PERO IMPARÁBEIS!

Atopámonos finalizando o ano 2021 e continuamos igual ou peor que en anos anteriores no que se refire á violencia machista.

O tempo pasa; a situación crítica das mulleres neste mundo, non.

En concreto, no Estado Español, no ano 2020 foron asasinadas 45 mulleres e, no que vai de ano 2021, a 13 de outubro de 2021, foron asasinadas 36 mulleres, deixando a 21 menores orfos. Se facemos unha análise das idades nas que se sitúan estas mulleres asasinadas flutúan entre 25 a máis nova e 81 anos a maior. Son mulleres de xeracións moi afastadas no tempo pero achegadas no xeito de rematar as súas vidas. A violencia machista non sabe de idade nin de xeracións, como podemos comprobar. Este problema social non está resolto nin se ten aínda a suficiente conciencia sobre el como para poder denuncialo no momento no que se percibe dun xeito persoal ou achegado (ata maio de 2021 só un 6,2% de denuncias ao 016 eran de familiares das vítimas).

Os maltratadores seguen soltos, impunes nunha sociedade que só os acusa cando xa quitaron a vida á súa parella, ex parella, ou aos seus fillos e fillas. Aí xa se chega tarde. Non son inocentes que nun momento dado perden a razón e non saben o que fan senón que o planifican e o executan perfectamente. Non poden aturar que a muller xa non estea baixo o seu dominio e, se para que teña un sufrimento maior ten que quitarlle a vida aos seus propios fillos e fillas, farao.

Ninguén pode dicir que era un bo pai, como sentimos ás veces NON!!

Un maltratador endexamais pode ser un bo pai. A violencia vicaria levouse a 40 inocentes dende 2014.

A modificación legal para protexer aos menores vítimas de violencia vicaria é a nova Lei de Protección á Infancia que entrou en vigor este xuño pasado e prevé que, nos casos de violencia de xénero, se suspenda o réxime de visitas dos presuntos maltratadores se se dita unha orden de protección para a nai e existen indicios de que os menores presenciaron o maltrato. Pero, que ocorre cando non hai denuncia de por medio?, como se coida a esa muller e aos seus fillos e fillas? Por iso hai que apoiar a todas as vítimas de violencia machista coa seguridade de que exista un amparo legal e social real. A moitas mulleres fáltalles seguridade e confianza porque non ven que o único camiño para salvagardar a súa vida e a da súa descendencia é a DENUNCIA.

As mulleres continuamos a ser o obxectivo principal das frustracións de moitos homes que ven ás súas compañeiras ou ex compañeiras como febles e doadas de controlar. No momento no que senten que perden ese control, xurde a ira, o odio, …

Un caso próximo témolo na illa de A Palma, xunto á situación de incerteza que padecen as persoas afectadas pola catástrofe natural provocada polo volcán, súmase un acrecentamento de chamadas ao Servizo de Atención a Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero nun 60% dende que comezou a erupción.

Podemos tamén falar de Afganistán e a situación lamentábel na que se atopan as mulleres, ás que se lles riparon todos os seus dereitos e perderon todo o seu valor como persoas.

En Colombia hai case 680.000 mulleres que pertencen a diferentes grupos étnicos, e das cales a maioría están vivindo en condicións nada favorábeis. No conflito armado identificáronse 261.476 mulleres que foron vítimas de violencia machista; de elas, o 3,88% tiña algunha discapacidade e o 27,66% eran nenas ou mozas.

India segue a ser o país máis perigoso para as mulleres, cun alto risco de violencia sexual e escravitude laboral.

En Somalia, ao redor do 98% das mulleres sufriron mutilación xenital e son usadas para procrear ata que os seus corpos resisten.

Estes son só algúns exemplos de violencias sobre a muller entre tantos existentes ao longo e ancho do planeta. Lonxe de ser erradicadas, pese a que cada vez máis mulleres alzamos a voz para dicir ABONDA XA!, continúan e non rematarán ata que existan xeracións concienciadas e formadas en igualdade, conseguindo o respecto cara á muller dun xeito real e non coma unha utopía.

 AS MULLERES ESTAMOS:

-FARTAS DE QUE NOS MATEN

-FARTAS DE QUE MATEN Á NOSA DESCENDENCIA

-FARTAS DE TER MEDO DE SAÍR SOAS Á RÚA

-FARTAS DE QUE CUESTIONEN COMO VESTIMOS

-FARTAS DE QUE NOS DIGAN O QUE TEMOS QUE FACER E COMO

-FARTAS DE QUE NOS DIGAN QUÉ TEMOS QUE PENSAR E CÓMO

 FARTAS…FARTAS…FARTAS…PERO IMPARÁBEIS!!


  LEMBRA QUE NON ESTÁS SOA:

- TELÉFONO: 016

- CORREO ELECTRÓNICO: 016-online@igualdad.gob.es

- WHATSAPP: 600 000 016



 

E-mail de Contacto | Aviso Legal