PARA LER  
AQUEL LUGAR
Antía Nara
Unha rapaza galega está fascinada desde nena co Paquistán, até o punto de que xa universitaria, decide facer un traballo de investigación nese país. Escolle como asunto o karo kari, unha práctica pola que desaparecen, asasinadas polos seus familiares varóns, mulleres que, por non se axustaren ao estrito código moral que se lles impón, deshonran a familia. A motivación que a leva a escoller este tema é o intento de entender cousas que lles pasan a mulleres do lugar de onde ela procede, “unha aldea remota localizada en ningures”. Con este ollar achégase á historia de mulleres paquistanís que viven inmersas en opresivos entornos rurais, e doutras, como a súa amiga Talat, que vivindo dacabalo entre o mundo rural e o urbano, coñecerá a tensión entre a liberdade e o control social. A amizade entre a protagonista galega e a moza paquistaní medra á calor desta experiencia compartida de vivir entre dous mundos en tensión, experiencia incomprensíbel para as mozas urbanitas.

Antía Nara ofrécenos, sen banalizar as diferenzas con Paquistán, unha mirada lúcida, arredada doutras máis compracentes, sobre aspectos da nosa sociedade, especialmente no rural, en que as vivencias das mulleres están moi lonxe de xustificar ningún tipo de mirada conmiserativa sobre as mulleres doutras culturas.

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal