PARA LER  
A CONQUISTA DA ESCOLA DE MADHUBAI
Hélène Cixous
Baseada na vida da mítica Phoolan Devi, a conquista da escola de Madhubai narra a historia dunha muller india, Sakundeva, xefa dunha banda de bandoleiros e salteadores, que volta á casa materna para reflexionar se se entrega ou non ás autoridades. Sakundeva, muller da casta dos intocábeis, o último chanzo dun sistema social estratificado, o máis baixo e desprezábel, foi vendida polo seu pai cando só tiña once anos, violada e repudiada polo seu home, vítima dunha violación colectiva, da miseria e de múltiples vexacións: decide entón tomar a xustiza pola man, como no poema rosaliano, nun mundo en que a xustiza dos homes deixa á marxe ás mulleres, detentoras da “honra da familia”, vítimas da dupla discriminación por condición social e por sexo. Mais Sakundeva pacta e negocia intelixentemente a súa rendición, desde a solidariedade, sendo unha das súas condicións a apertura dunha escola para rapazas en Madhubai, a súa aldea natal. Ao tempo do sangue sucede o tempo do diálogo. Hélène Cixous reflexiona neste libro acerca da cuestión da diferenza, desde o respecto a todas as diferenzas, como única vía para superar o patriarcado e a violencia implícita neste, sendo a casa materna e o estreito vínculo de amor e amizade entre Pandala -a figura metafórica da nai- e a filla, Sakundeva, un espazo de sorodidade e de amor entre mulleres, o único espazo en que é posíbel realizar a utopía.

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal