PARA LER  
A MEMORIA ESQUECIDA: PELADAS, PRESAS, PASEADAS
Varias autoras
ED. ESGI e Andaina

Esta obra dividida en sete capítulos de diferentes autoras ten como propósito recuperar a memoria de todas esas mulleres que viviron os horrores da guerra, a tristura da posguerra, a violencia da represión ou o exilio, pretende recobrar o recoñecemento social destas mulleres que non só foron esquecidas na historia da ditadura senón que seguiron nun segundo plano durante a maioría dos actos de celebración da “recuperación da memoria histórica”.
É unha obra colectiva que nos axuda a coñecer esa parte da historia que sempre quedou oculta, a historia das mulleres. Nela retrátanse as vidas de diferentes mulleres, unhas con nome propio: Tomasa Cuevas, Matilde Landa, Consuelo Rodríguez, Rosario “La Dinamitera”, Pilar Fernández Seixas; outras anónimas: humilladas publicamente, rapadas, marcadas, violadas, paseadas. Delas temos o testemuño con voz propia de Lola Rodal que conta nunha entrevista a represión fascista que sufriu ela e a súa familia polo seu compromiso social, sindical e político.
Contamos ao remate do libro cunha bibliografía comentada que recolle algúns textos que fan referencia ao período da guerra e posguerra e que destacan as problemáticas e vivencias das mulleres.


 

E-mail de Contacto | Aviso Legal