PARA LER  
MULLERES E EDUCACIÓN EN GALIZA. VIDAS DE MESTRAS
Aurora Marco
Edicións do Castro. Sada, 2002.157 páxs.
Cheo de evocacións e documentos gráficos o libro de Aurora Marco recolle a polémica sobre a educación das mulleres en Galiza e reflicte a vida de tres mestras galegas que destacaron pola súa extraordinaria formación, a súa vocación e ansias renovadoras: Concepción Saíz Otero, Antonia de la Torre Martínez e Antía Cal Vázquez.
Cada unha a súa maneira, no seu contorno, estas mulleres foron quen de rachar as resistencias da cultura tradicional dominante no s. XIX e principios do s. XX que consideraba a formación científica das mulleres unha ameaza para a orde social. Soportaron alcumes hoxe intolerables como “pedagogo con saias”, “bachillera necia e insufrible” máis nunca decaeron na súa entrega ao traballo pedagóxico, a aprender ensinando.
Recuperar para a historia a experiencia destas mestras significa recoñecer o valor das súas aportacións, concederlle autoridade e o pago dunha débeda simbólica con aquelas que nos precederon no longo camiño de educar para construír unha sociedade máis xusta e máis igualitaria. Sumámonos con Aurora Marco a esta homenaxe e convidámosvos a que vos acheguedes á vida destas mestras.

 

E-mail de Contacto | Aviso Legal