Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

TRIBUNA: ENRIQUE GIL CALVO (Diario El País 23/10/2008)
Educación para o segregacionismo

 

O comezo do curso académico parece un momento axeitado para reflexionar sobre os problemas do ensino en España, que son moitos e variados como sucede en todas partes. Pero a xulgar polos nosos debates políticos, diríase que a axenda pública da educación se reduce a tres puntos fundamentais.
O noso sistema educativo está dividido por barreiras de clase, non de relixión nin étnicas
As familias envían aos seus fillos á concertada por arribismo social
Ante todo aparece a obxección de conciencia dos católicos á nova materia de Educación para a Cidadanía: un falso problema, manipulado polo bispado e a dereita integrista para exacerbar o clima de crispación coa súa cruzada antilaicista, no que aquí non vou entrar.
Maior interese pecha o debate sobre a calidade do noso ensino secundario, unha discusión na que se esgrimen cifras comparadas que fornecen os organismos internacionais. Pero neste campo todo é relativo, e non parece que teñamos dereito a flaxelarnos demasiado, pois estamos dentro da mesma morea de medianía que case todos os demais, segundo demostrou na súa análise dos Informes PISA Xullo Carabaña, autoridade á que me remito. En todo caso, o máis grave parece o estado non dos institutos senón da formación profesional (FP), cando menos a xulgar polas recentes cifras da OCDE, que nos colocan á cola de todos con Portugal. E digo que este problema debe de ser grave porque o ministerio do ramo se dispón a maquillar os datos propiciando unha reforma cosmética que conceda o título de FP2 a quen acredite tres anos de oficio: unha acreditación de exercicio bastante máis permisiva que a esixida para os profesores universitarios, a quen se nos requiren catro sexenios de investigación selectiva para nos recoñecer como catedráticos.
Finalmente, a terceira cuestión a debate na axenda educativa é a privatización do ensino público en beneficio do ensino concertado (centros privados financiados polo Estado), na súa gran maioría de confesión católica. E neste punto si merece a pena entrar a discutir. Ante todo teño de aclarar que se a calidade educativa é homoxénea, a titularidade pública ou privada dos centros que a imparten non debería ser motivo de discusión: gato branco ou gato negro, o importante é que adestre ratos. Pero claro está, o problema reside non na titularidade senón na relixión: na confesionalidade ou laicismo do centro de ensino, que é a verdadeira fronteira que separa a rede privada da pública, aínda que ambas as dúas se financien en parecida medida con cargo ao contribuínte. E o caso é que, en España, en paralelo ao avance imparábel do proceso de secularización (pois a práctica relixiosa de todos os españois está a descender a gran velocidade), estase a producir un fortísimo transvasamento de alumnos desde o ensino público non confesional para o ensino privado e concertado de confesión católica, ata o punto de que xa somos o país europeo (tras o pilarismo flamengo) con maior proporción de alumnos (en torno ao 40%) en centros confesionais. E o máis significativo é que a tendencia está en alza: hai unha demanda crecente de ensino concertado mentres en cambio descende a demanda de ensino público. Por iso o novo partido socialista madrileño declinou o seu anterior apoio programático á escola pública para llo prestar agora aos centros concertados. Todo iso, insisto, mentres os españois estanse a secularizar en todo o demais a marchas forzadas. Como explicar semellante contradición?
Unha primeira razón inmediata, aínda que quizais se poida considerar simplista, é por suposto o incremento da inmigración. Ante a proliferación de minorías étnicas que poboan as nosas escolas, as familias de clase media e baixa prefiren que os seus fillos emigren aos colexios concertados, que dada a súa confesionalidade católica acostuman ser etnicamente limpos por razóns relixiosas. E en canto os primeiros nenos autóctonos emigran ao ensino concertado, a estatal vaise convertendo cada novo curso nun pouco máis multicultural, polo que os nenos españois aínda propenden máis a fuxir dela realimentando en consecuencia a segregación escolar entre as dúas redes pública e privada: parvo o último que se vaia. E o de parvo ten unha certa explicación lóxica, pois ao concentrarse os inmigrantes no ensino público, o seu rendemento educativo declina, xa que segundo sabemos polos Informes PISA, a capacidade de aprendizaxe depende absolutamente do nivel cultural da familia de orixe, moito máis baixo entre os inmigrantes. Isto xera un círculo vicioso a modo de pescadiña que se morde a cola, pois se as familias máis cultas desertan do ensino público, esta deprecia indefectiblemente o seu nivel de calidade educativa. Así se declara un andazo de segregacionismo educativo que contaxia a todas as familias españolas unha preferencia revelada polo ensino discriminatorio.
Ata que punto esta pauta segregacionista debe ser atribuída á discriminación racial? É verdade que hai máis racismo do que se confesa en público, pero probabelmente a explicación máis verosímil non é o prexuízo racial, senón o simple clasismo social. Se as familias españolas sacan os seus fillos do ensino público non é para lles evitar o contaxio racial ou relixioso de xitanos, negros ou mouros, senón para lles seleccionar as amizades perigosas e relacionarlles con compañeiros de mellor extracción social. É dicir, envían os seus fillos á escola concertada por puro arribismo social, a ver se así se fan amigos máis selectos e distinguidos, potencialmente predestinados a formar parte das elites sociais. É o caso do famoso Colexio do Pilar, viveiro madrileño de ministros, executivos e dirixentes. O cal demostra que ás familias españolas non lles interesa tanto o capital humano que se adquire nas aulas (ensino de calidade), comparativamente superior nos institutos estatais, senón o capital social que se adquire no patio do colexio privado (relacións de compañeirismo, amizade e influencia), cuxo valor de mercado depende da orixe familiar e a extracción social.
A consecuencia é que o noso sistema educativo queda segregado en dúas redes separadas por barreiras de clase, máis que por confesión relixiosa ou orixe étnica, feito que bloquea a principal función do sistema educativo, que é garantir a igualdade de oportunidades entre todos os alumnos sexa cal sexa a súa orixe social, racial ou relixiosa. E así se xera un novo círculo vicioso, pois se as familias españolas demandan un ensino de clase con preferencia sobre o ensino de calidade, non o fan só por miope arribismo senón porque adiviñan que é a mellor opción para favorecer a futura integración dos seus fillos, xa que aprenderon a desconfiar do rendemento do sistema meritocrático. Saben por experiencia que na nosa sociedade os fillos que mellor se colocan como adultos non son os bos estudantes, senón os que están mellor relacionados a través da súa rede de amizade e influencia, incluíndo o seu posíbel emparellamento matrimonial. Vémolo todos os días coas dificultades dos mileuristas: os alumnos excelentes, mellor formados e máis dotados de capital humano, que non por iso logran adquirir unha posición social comparábel á dos seus pais. De aí que os mozos españois comecen a desertar dunha Universidade que xa non lles garante igualdade de oportunidades para o ascenso social.
.



Enrique Gil Calvo é profesor titular de Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid
23 outubro 2008