Secretaría da Muller · Comunicados

11 de outubro. Día Internacional da Nena

11 de outubro. Día Internacional da Nena

11 DE OUTUBRO. DÍA INTERNACIONAL DA NENA

O 11 de outubro, Día Internacional da Nena, recórdanos a necesidade urxente de continuar loitando pola igualdade real nun mundo no que millóns de nenas ven vulnerados os seus dereitos fundamentais. Neste 2025, esta data interpelanos de maneira aínda máis dolorosa pola traxedia que están a vivir as nenas palestinas, vítimas directas da guerra e do xenocidio en Gaza.

As nenas palestinas están a ser asasinadas, mutiladas, desprazadas e privadas dos seus dereitos máis básicos: a vida, a saúde, a educación e a seguridade. Milleiros perderon ás súas familias, os seus fogares e a súa infancia. Moitas sobreviven en condicións inhumanas, sen acceso a auga, alimentos nin atención médica, e baixo o trauma constante dos bombardeos e da violencia. Non podemos permanecer en silencio ante esta brutal vulneración dos dereitos humanos, que atenta especialmente contra as máis vulnerábeis.

En demasiados lugares do mundo, as nenas son obrigadas a abandonar a escola por mor de matrimonios forzados, explotación laboral ou violencia sexual. Hoxe debemos engadir a esa lista a cruel realidade das nenas palestinas, ás que se lles nega mesmo o dereito á educación porque as súas escolas foron destruídas, militarizadas ou convertidas en refuxios improvisados. A guerra non lles arrebata só as vidas, senón tamén o futuro.

Desde a Organización de Mulleres de STEs, defendemos que a educación pública, feminista e transformadora debe ser a ferramenta fundamental para garantir a igualdade de xénero e a protección da infancia, tamén en contextos de guerra. Por iso, esiximos ás administracións públicas, aos organismos internacionais e aos gobernos que:

  • Reclamen un alto o fogo inmediato e o fin da ofensiva militar sobre Gaza.
  • Protexan e garantan os dereitos fundamentais das nenas palestinas, especialmente o dereito á vida e á educación.
  • Condenen e freen a venda de armas e calquera complicidade co xenocidio en curso.
  • Promovan políticas de cooperación internacional que poñan no centro a infancia e as nenas en contextos de guerra e ocupación.

Neste 11 de outubro, Día Internacional da Nena, facemos un chamado á comunidade educativa, ás familias e a toda a sociedade para que ergamos a voz polas nenas do mundo e, con especial urxencia, polas nenas palestinas. Non podemos permitir que a guerra e o patriarcado lles rouben a infancia, a dignidade e o futuro.

As nenas de Palestina tamén son as mulleres do mañá. A súa liberdade, a súa vida e a súa educación son a base imprescindíbel para un mundo máis xusto, igualitario e en paz.

Por unha educación pública, feminista e transformadora.
Polas nenas, polas nenas palestinas, por todas.

Asemblea de mulleres do STEG

Organización de Mulleres da Confederación Intersindical

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


Horario das sedes:

10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)

16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)

 

A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps


 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza