11 de outubro. Día Internacional da Nena
Protexer e educar para garantir dereitos
Con motivo do Día Internacional da Nena, desde a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical queremos reivindicar un mundo no que nacer nena ou neno non implique ter oportunidades diferentes.
O xénero non nos condiciona unicamente desde a adolescencia ou a idade adulta: ser muller segue sendo unha dificultade engadida que agrava o resto das condicións de partida. A infancia é especialmente vulnerable, pero as nenas sono aínda máis. Non podemos agardar a mañá: as nenas teñen dereitos hoxe.
A pobreza golpea moi especialmente as nenas en todo o mundo e a nosa contorna non é unha excepción: no Estado español executáronse máis de 25.000 desafiuzamentos no ano 2025 e nun 75 % deles había menores implicadas e implicados, segundo datos de UNICEF. O resultado é de entre 35.000 e 40.000 nenas e nenos desafiuzados nun ano.
Pero, ademais, cando as familias afrontan unha situación de falta de recursos, adoitan ser as nenas as primeiras prexudicadas, posto que con frecuencia se prioriza os varóns, mentres que as nenas se ven abocadas ao traballo precario dentro ou fóra do fogar ou mesmo ao matrimonio forzado.
En canto ao matrimonio infantil, de novo de acordo coa información proporcionada por UNICEF, 1 de cada 5 nenas no mundo casa antes de cumprir os 18 anos. Esta cifra diminuíra en 2024 con respecto á cuarta parte que representaban anteriormente, pero continúa a ser terriblemente preocupante. E, se nos centramos no traballo, estímase que na actualidade máis de 150 millóns de nenas e nenos traballan en todo o planeta, mais as nenas adoitan ocupar sectores como a manufactura, a agricultura, a minería ou os traballos domésticos, nos que, ademais de perderen as súas oportunidades educativas e estaren expostas á precariedade máis absoluta, quedan expostas ao abuso emocional, sexual e físico.
Ademais, a todo o anterior cómpre sumar o dato de que o 99 % das vítimas de trata con fins de explotación sexual son nenas ou mulleres, unha explotación intimamente ligada aos problemas de pobreza e vulnerabilidade. É difícil enumerar a longa lista de danos que esta trata chega a provocar nas mulleres e, aínda máis, nas nenas: desprazamentos forzados, violencia física e psicolóxica extrema, embarazos non desexados e infeccións de transmisión sexual… En definitiva, un dano físico e emocional irreversible.
No referido á violencia machista, o dato non é menos preocupante: estímase que unha de cada tres nenas no mundo experimenta algún tipo de violencia antes de acadar a maioría de idade. A violencia de xénero é transversal e golpea con contundencia as mulleres nas súas relacións de parella, xa desde a adolescencia. Pero, ademais, nenas e nenos son vítimas tamén a través da violencia vicaria.
Precisamos medidas en todos os niveis: políticas públicas con perspectiva de xénero e coa infancia máis desfavorecida no centro; persoal formado nos servizos sociais e nos ámbitos educativo, sanitario e xurídico. A formación e a educación para a igualdade non son opcionais: son unha obriga que temos como profesionais e como integrantes desta sociedade.
Por todo o anterior, este 11 de outubro reclamamos:
● Recursos suficientes para previr e combater as violencias machistas contra nenas e adolescentes, cunha protección especial para as nenas que se atopan en situacións de maior vulnerabilidade.
● Unha educación pública, inclusiva e coeducativa que garanta a igualdade desde a infancia.
● Formación en igualdade, educación afectivo-sexual e prevención das violencias ao longo de todas as nosas vidas.
● Protocolos eficaces para detectar e atender situacións de violencia, acoso e discriminación.
● A participación das propias nenas e adolescentes nas decisións que afectan as súas vidas.
Pola protección de todas as nenas desde o seu nacemento, por unha sociedade libre e igualitaria.
Asemblea de mulleres do STEG
Organización de Mulleres da Confederación Intersindical
Horario das sedes:
10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)
16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)
R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal
Ver en Google Maps