14 de Outubro "Día das Escritoras"
“Para a meirande parte da Historia, Anónimo era unha muller”
Virginia Wolf
A Biblioteca Nacional de España, en colaboración coa Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas e Modernas, celebran cada ano, desde 2016, o Día das Escritoras.
Trátase de reivindicar o legado literario das mulleres, tantas veces marxinadas nun segundo plano ao longo da historia. A primeira edición desenvolveuse no ano 2016, e desde entón, a data escollida adoita ser o luns máis achegado ao 15 de outubro, cabodano do pasamento de Teresa de Jesús. Este ano conmemórase o luns 14.
Durante moitos séculos, a muller non podía adicarse a disciplinas culturais, entre elas a escrita. Foron moitas as que escribiron con pseudónimo. Aquí temos varios exemplos de algunhas escritoras españolas que sabemos que así o fixeron (e as que non sabemos!):
- Cecilia Böhl de Faber e Larrea (1796-1877)
Co fin de facerse un oco nun mundo de homes, asinaba as súas obras co pseudónimo Fernán Caballero. Estamos a falar da España do século XIX , unha España na que debía ser moi complexo ser muller e ter aspiracións máis aló de casar e ter unha familia. É moi curioso que fose o seu pai quen lle dese a idea, cando o que pretendía en realidade era disuadila do seu desexo de adicarse á escrita.
- Carmen de Burgos ( 1867- 1932)
Tamén coñecida co pseudónimo de “Colombine”, “Gabriel de Luna” ,“Perico de los Palotes” etc..., foi unha xornalista, escritora e activista dos dereitos da muller española.
- Matilde Cherner (1833-1880)
Nada na cidade de Salamanca, baixo o pseudónimo de Rafael Luna publicou as súas primeiras obras narrativas.
Isto non acontecía só no Estado español, xa que a mesma Mary Shelley asinou o seu libro Frankenstein ou O moderno Prometeo baixo o pseudónimo de Percy Shelley. Principalmente son autoras anteriores ao século XX, mais é sorprendente, por exemplo, o caso de J.K Rowling (a famosa escritora de Harry Potter).
Por desgraza, o mundo editorial aínda fai diferenzas entre literatura escrita por homes e literatura escrita por mulleres.
Outra cuestión é a representación feminina que temos nos organismos oficiais das diversas linguas de España e desde a OM imos poñer dous exemplos:
- RAE (Real Academia Española): Actualmente, das 41 cadeiras da RAE, 33 están ocupadas por homes e 8 ocupadas por mulleres.
- RAG (Real Academia Galega): Dos membros de pleno dereito, que son un total de 29 persoas, só hai 9 mulleres, os restantes son homes.
Non é complexo reflexionar sobre este tema. Os datos son evidentes. Mais agora imos abordar un asunto, non menos importante, con outros dous exemplos:
Como saberedes, na Galiza, desde o ano 1963, conmemórase o 17 de maio o Día das Letras Galegas. Cada ano adícaselle este día a unha escritora ou escritor, que debe ter falecido, como mínimo, 10 anos antes. A día de hoxe, en 61 anos, esta homenaxe só se adicou a 5 mulleres. Por sorte, en 2025 o Día das Letras Galegas estará adicada ao Cancioneiro Popular e as Cantareiras e Pandereteiras que tanto fixeron pola nosa tradición oral.
Fagamos contas: En 61 anos, atopámonos con 5 mulleres escritoras e un colectivo de mulleres anonimas, que abrangue Cancioneiro Popular e Pandereteiras de transmisión oral (neste caso, non son anónimas, por sorte) fronte a 51 homes homenaxeados.
Outro tanto acontece en Cataluña:
O Premio de Honra das Letras Catalás (Premi d'Honor de les Lletres Catalanes) é unha distinción cultural instituída no ano 1969 pola entidade Òmnium Cultural e segundo as súas bases, galardoa a unha persoa que, pola súa obra literaria ou científica, escrita en lingua catalá, e pola importancia e exemplaridade do seu traballo intelectual, contribúe de xeito continuado á vida cultural de Cataluña. Dos 55 premios outorgados ata o momento, só foron premiadas 8 mulleres fronte a 48 homes.
É evidente que temos un problema e aquí algo non cadra. É evidente que a día de hoxe, o teito de cristal é unha realidade, por moito que lles custe recoñecer aos poderes editoriais e os oficiais, os cales deciden quen son os membros das Reais Academias e quen reciben premios ou distincións. Os datos son canto menos aldraxantes e evidencian una clara discriminación cara as mulleres escritoras.
Non menos aldraxante é o tratamento que se fai nos libros de texto no Ensino de todo o Estado español. Non importa a materia, acontece nas linguas, sexa a española, ou as cooficiais de todo o Estado; acontece en Historia da Arte; acontece en Música; acontece en Filosofía... En fin, acontece.
Algunhas escritoras xa están incluídas transversalmente nos temarios, como por exemplo, Rosalía de Castro ou a mesma Teresa de Jesús (lembremos que neste último caso ser unha doutora da Igrexa Católica e unha mística relixiosa axudou a que unha muller puidese publicar as súas obras sen a necesidade de utilizar un pseudónimo, dado o poder que tiña a Igrexa no século XVI) mais outras quedan relegadas a unidades didácticas específicas.
Isto ten que mudar.
Ante estas veracidades non nos quedará máis remedio que seguir loitando, como mulleres, como escritoras, como docentes, polo lugar que ocupamos nesta sociedade, que é moi sobresaínte e a día de hoxe aínda non está plenamente recoñecido.
Asemblea de Mulleres do STEG