15 de outubro. Día Internacional das Mulleres Rurais
Sen mulleres non hai mundo rural.
Sen dereitos non hai futuro.
O mundo rural non se sostén unicamente sobre a terra que se cultiva, as paisaxes que se conservan ou os recursos que se explotan. O mundo rural sostense, fundamentalmente, sobre as persoas que o habitamos, o traballamos e o coidamos. E nesa tarefa, as mulleres desempeñamos historicamente un papel imprescindible, demasiadas veces invisibilizado e infravalorado.
Desde a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical, con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais, reivindicamos que as mulleres non só contribuímos ao desenvolvemento dos nosos pobos, senón que fomos e seguimos sendo protagonistas fundamentais da súa riqueza, da súa cohesión social e do seu futuro.
Durante xeracións, as mulleres traballamos a terra, recollemos as colleitas, coidamos o gando, sostivemos pequenos negocios e mantivemos vivas as economías familiares. Ao mesmo tempo, asumimos gran parte dos coidados da infancia, das persoas maiores e das persoas dependentes. Un traballo imprescindible para a sociedade que, demasiadas veces, non figuraba en ningunha nómina nin xeraba dereitos laborais ou independencia económica.
Esta desigualdade ten unha historia que non podemos esquecer. No campo español, durante boa parte do século XX, as mulleres percibimos xornais inferiores aos dos homes. Aínda que a igualdade retributiva obtivo recoñecemento legal en 1970 e quedou recollida no Estatuto das Persoas Traballadoras de 1980, a discriminación real prolongouse durante décadas.
Aquelas mulleres non traballaban menos, nin as súas mans producían menos riqueza. O que valía menos era o seu traballo aos ollos dunha sociedade profundamente desigual.
E aquela inxustiza aínda ten consecuencias. Segundo datos do Ministerio de Agricultura correspondentes a 2024, as mulleres representan aproximadamente o 32 % das persoas titulares de explotacións agrarias no noso país. Aínda que sempre traballamos o campo, continuamos atopando obstáculos para acceder á propiedade, aos recursos produtivos e aos espazos de decisión.
Pero falar do futuro dos nosos pobos é tamén falar de servizos públicos. O despoboamento non se combate unicamente con discursos sobre as bondades de vivir nun pobo. Combátese garantindo escolas públicas, centros de saúde, escolas infantís de cero a tres anos, atención á dependencia, transporte público, vivenda e oportunidades laborais. Cada servizo que desaparece supón unha dificultade engadida para as mulleres, sobre as que recaen maioritariamente as responsabilidades dos coidados.
A conectividade constitúe outro desafío fundamental. O acceso a internet de calidade e a unha cobertura móbil suficiente resulta imprescindible para estudar, teletraballar, emprender e acceder a servizos. Pero estar conectadas tamén significa poder desprazarse, dispoñer de transporte público e non depender dun vehículo privado para acudir ao traballo, a unha consulta médica ou a unha actividade formativa.
A igualdade territorial tamén é igualdade de xénero. O código postal non pode determinar os dereitos nin as oportunidades das mulleres.
Desde a Asemblea de mulleres do STEG e a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical, esiximos políticas públicas que sitúen as mulleres no centro do desenvolvemento rural: emprego digno, igualdade salarial, recoñecemento do traballo agrario, apoio ao emprendemento feminino, acceso á terra, corresponsabilidade nos coidados e participación real nos espazos de decisión. Reclamamos, ademais, recursos suficientes para combater as violencias machistas, especialmente naqueles territorios onde as distancias e a falta de servizos especializados dificultan o acceso á protección e á atención.
Defendemos unha educación pública de calidade como garantía de igualdade e arraigamento, porque pechar unha escola rural non supón unicamente perder un servizo educativo: significa debilitar as posibilidades de futuro de todo un pobo.
Este 15 de outubro non queremos limitarnos a render homenaxe ás mulleres rurais. Queremos esixir que o noso traballo deixe de ser invisible e que a nosa contribución á riqueza dos nosos territorios se traduza en dereitos, autonomía económica e oportunidades.
Os nosos pobos non necesitan mulleres obrigadas a resistir. Necesitan mulleres libres para decidir quedar, marchar ou regresar. Mulleres con dereitos, con emprego, con autonomía e con voz propia.
Porque defender as mulleres rurais é defender a vida dos nosos pobos. E defender os nosos pobos esixe garantir os dereitos das mulleres.
Asemblea de mulleres do STEG
Organización de Mulleres da Confederación Intersindical
Horario das sedes:
10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)
16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)
R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal
Ver en Google Maps