Secretaría da Muller · Comunicados

15 de outubro. Día internacional da muller rural

15 de outubro. Día internacional da muller rural

15 de OUTUBRO: “DÍA INTERNACIONAL DA MULLER RURAL”

Día Internacional da Muller Rural: “Recuperemos a visibilidade das nosas mulleres rurais”

O Día Internacional das Mulleres Rurais é unha xornada que se celebra anualmente o 15 de outubro desde o ano 1997, e que cobra maior relevancia desde que foi establecida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas no ano 2007. Desde a Organización de Mulleres da Confederación Sindical queremos, un ano máis, dar visibilidade e o lugar tan necesario a estas mulleres que, durante moitos anos, foron o sustento da economía de todas as zonas rurais do Estado español.

As mulleres rurais son unha figura fundamental na sociedade. O seu labor e dedicación no campo e nas zonas rurais son imprescindibles para o desenvolvemento sustentable das nosas comunidades. No Día da Muller Rural é importante recoñecer a súa valiosa contribución e celebrar a súa forza, a súa resiliencia e a súa determinación.

O seu traballo na agricultura, na gandaría e na conservación do medio ambiente é esencial para garantir a seguridade alimentaria e o benestar de todas e todos. Sen o seu labor incansable, moitas comunidades non poderían subsistir. Estas mulleres son axentes de cambio nas súas comunidades, promovendo a igualdade de xénero, a educación e o desenvolvemento sustentable. A súa voz e a súa presenza son vitais para a construción dun mundo máis xusto e equitativo.

Cómpre ter en conta que moitas mulleres que traballan na agricultura e na gandaría non figuran en ningunha das categorías de actividade formal. Non constan como traballadoras autónomas (con ou sen persoas empregadas) nin como asalariadas, pero realizan tarefas indistinguibles das dunhas e doutras. Son, en moitos casos, mulleres que contribúen á explotación agraria familiar, ben de maneira habitual, dedicando unhas horas cada día, ben segundo o requiran as moitas vicisitudes ás que está sometida a actividade no campo. Intercalan esas actividades laborais baixo sol e chuvia, que escapan á contabilidade estatal e ás estatísticas do emprego, co seu traballo principal: o coidado da casa e das persoas dependentes no fogar (criaturas e/ou persoas maiores).

Analizando todo isto, non esquezamos nunca que as mulleres do mundo rural foron e seguirán sendo as grandes matriarcas esquecidas e silenciadas, que realizaban os traballos máis duros atendendo, como non, paralelamente, ás súas tarefas como nais, avoas ou fillas nas tarefas do fogar.

Temos que ter en conta tamén a tripla xornada á que están sometidas:

No traballo produtivo
No traballo reprodutivo
Como dinamizadoras en redes veciñais, asociacións culturais, na preservación do patrimonio, da memoria e un longo etcétera

Por tanto, loitemos pola visibilización e o recoñecemento que merecen estas mulleres ás que, durante anos e séculos, lles foi roubado.

“Normalizamos que as nosas nais e avoas asumisen todas estas tarefas domésticas, esta mochila tan grande e pesada. No rural, traballaban no campo sen seren titulares. Abonda xa de chamalas todoterreo e superheroínas cando o que hai é unha situación brutal de machismo e desigualdade. Ultimamente véñome atopando cunha mensaxe que me dá bastante rabia, aínda moi enxertada, e é curioso, porque adoitan ser homes quen me din que na súa casa había un matriarcado. Que en Galicia hai un matriarcado, ou que en Euskadi hai un matriarcado. E é un falso matriarcado, porque que as mulleres ‘mandasen’ ou tomasen decisións, entre comiñas, non significa que fose un matriarcado. Creo que isto se contesta moi rapidamente coa pregunta de a nome de quen estaban as terras, a casa, a conta bancaria. ¿Estaban a nome da túa avoa? ¿Da túa tía? ¿De que matriarcado estamos a falar? Creo que ao fin a cuestión de como se escribe o que non se valora e o que non se coñece ten que ver con que estas mulleres que traballan no campo e que non cotizan non existen nas estatísticas. Ao fin estase a cambiar o relato e a forma de mirar.”(María Sánchez, Tierra de mujeres)

Asemblea de mulleres do STEG

Organización de Mulleres da Confederación Intersindical

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


Horario das sedes:

10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)

16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)

 

A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps


 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza