Secretaría da Muller · Comunicados

18 de outubro. Día Mundial da Menopausia

18 de outubro. Día Mundial da Menopausia

 

18 de outubro. Día Mundial da Menopausia

DECLARACIÓN POLO RECOÑECEMENTO VITAL E A VISIBILIDADE DA MENOPAUSA

Por unha vida plena en todas as nosas idades

Desde a Asemblea de mulleres do STEGe a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical dirixímonos á sociedade, aos sistemas de saúde e ás institucións públicas para esixir unha transformación radical na maneira en que entendemos, acompañamos e valoramos a vida das mulleres.

Durante xeracións, unha mirada patriarcal e reducionista encadrou o valor social das mulleres nun intervalo inxustamente estreito: a xuventude e a capacidade reprodutiva. Baixo esta lóxica, todo o que acontece antes foi tratado como unha simple preparación e todo o que vén despois, como un declive invisible e inevitable. Esta visión non só distorsiona a nosa identidade, degradándonos como seres humanos ao reducir o noso valor á función reprodutiva e de crianza, senón que tamén restrinxe o noso dereito a un desenvolvemento persoal continuo, digno e gozoso ao longo de toda a vida.

Neste marco de xustiza e igualdade, a invisibilidade da menopausa non é un feito fortuíto: é consecuencia directa do patriarcado machista.

A menopausa foi relegada ao terreo do tabú, da vergoña e do silencio precisamente porque sinala a fin da etapa fértil. Tratala como un proceso secreto ou como unha doenza estigmatizada priva as mulleres da súa autonomía e atenta directamente contra a súa calidade de vida. Por iso, alzar a voz pola visibilidade da menopausa non é só unha conversa sobre saúde: é un imperativo feminista, de dereitos humanos e de xustiza social.

Fronte ao silencio e á marxinación da madurez feminina, manifestamos e esiximos:

O valor intrínseco de cada etapa vital: Esiximos o recoñecemento da infancia, da xuventude, da idade adulta, da transición hormonal e da vellez como etapas plenamente valiosas por si mesmas. As mulleres non existimos en función da nosa fertilidade nin dos canons de beleza asociados á xuventude; a nosa identidade expándese cos anos, sumando experiencia, capacidade de liderado e soberanía sobre os nosos corpos.
Dereito á saúde integral con perspectiva de xénero: Reclamamos unha atención sanitaria que supere o nesgo centrado case exclusivamente na maternidade. Esiximos investigación, diagnóstico e tratamentos de calidade para a saúde hormonal, cardiovascular, ósea, mental e sexual en todas as etapas da vida, garantindo que o acompañamento durante a menopausa sexa un dereito accesible e non un privilexio.
Contornas laborais e sociais libres de discriminación: Esiximos adaptar as dinámicas laborais e comunitarias ás necesidades de cada momento vital. É indispensable erradicar a discriminación por idade e xénero que frea as carreiras profesionais e invisibiliza o talento, a voz e a contribución das mulleres maduras.
Desmantelar a vergoña e habitar o benestar: Reivindicamos o dereito a nomear os nosos procesos corporais sen tabús. A menopausa non representa a fin da vitalidade, da sexualidade nin do proxecto vital, senón unha transición natural que debe vivirse con dignidade, liberdade e plenitude.

Poñer en valor cada ciclo da nosa vida é defender o dereito a envellecer sen perder dereitos, espazo nin relevancia. Convencidas de que o persoal é político, facemos un chamamento a romper o estigma, desmantelar o silencio e situar a saúde e o benestar integral das mulleres no centro da axenda social e política, con medidas que contribúan a visibilizar e normalizar todas as etapas vitais das mulleres.

Nin invisibles nin en silencio: polo valor de todas as nosas idades e por unha menopausa plena, informada e con dereitos.

Asemblea de mulleres do STEG

Organización de Mulleres da Confederación Intersindical

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


Horario das sedes:

10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)

16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)

 

A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps


 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza