19 de xuño. Día Internacional para a Eliminación da Violencia Sexual nos Conflitos
Cada 19 de xuño conmemoramos o Día Internacional para a Eliminación da Violencia Sexual nos Conflitos. Unha data que nos interpela como sociedade e que nos obriga a mirar de fronte unha das expresións máis crueis e invisibilizadas da violencia patriarcal: o uso da violencia sexual como arma de guerra.
As violacións, a escravitude sexual, os matrimonios forzados, os embarazos impostos ou a trata de mulleres e nenas en contextos de conflito foron considerados durante demasiado tempo efectos colaterais inevitables da guerra. Mais non o son. Son estratexias deliberadas de dominación, terror e control. Forman parte dunha lóxica patriarcal que converte os corpos das mulleres en territorios de conquista e humillación.
A Resolución 1820 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, aprobada o 19 de xuño de 2008, representou un paso importante ao recoñecer que a violencia sexual nos conflitos constitúe unha ameaza para a paz e a seguridade internacionais. Porén, case dúas décadas despois, a realidade segue a ser devastadora.
Desde Palestina até Sudán, desde a República Democrática do Congo até Ucraína, pasando por tantos outros conflitos esquecidos polos grandes focos mediáticos, milleiros de mulleres e nenas continúan sufrindo agresións sexuais que procuran destruír non só as súas vidas, senón tamén as súas comunidades. As guerras seguen a ter rostro de muller. Un rostro marcado polo desprazamento forzoso, a pobreza, a perda de seres queridos e a violencia sexual.
Mais esta realidade non é allea ás nosas sociedades. A violencia sexual que se manifesta de forma extrema nos conflitos armados forma parte dun mesmo sistema de desigualdade que sostén as agresións sexuais, a explotación sexual, a prostitución e a mercantilización dos corpos das mulleres en tempos de paz. As guerras non crean o patriarcado; o patriarcado atopa nas guerras as condicións idóneas para despregarse con toda a súa brutalidade.
Por iso, falar de violencia sexual nos conflitos esixe unha perspectiva feminista. Non abonda con condenar os crimes cando se producen. É necesario cuestionar as estruturas de poder que os fan posibles. Hai que denunciar os discursos militaristas que presentan a guerra como unha ferramenta lexítima de resolución de conflitos mentres ignoran o seu impacto diferencial sobre as mulleres. E é imprescindíbel reivindicar o papel fundamental das mulleres na construción da paz.
As mulleres non somos só vítimas. En todo o mundo, as organizacións feministas e as defensoras dos dereitos humanos sosteñen redes de apoio, documentan crimes, esixen xustiza e lideran procesos de reconstrución social. A pesar diso, seguen estando infrarrepresentadas nas mesas de negociación e nos espazos onde se decide o futuro dos seus pobos.
Desde a Área da Muller de Intersindical Valenciana esiximos unha paz feminista. Unha paz que non sexa simplemente a ausencia de armas, senón a presenza de dereitos, de igualdade e de xustiza social. Unha paz que sitúe a vida no centro e que recoñeza que non haberá seguridade real mentres as mulleres continúen sendo obxecto de violencia e dominación.
Porque os corpos das mulleres non son campos de batalla.
Porque a paz será feminista ou non será.
Asemblea de mulleres do STEG
Organización de Mulleres da Confederación Intersindical
Horario das sedes:
10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)
16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)
R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal
Ver en Google Maps