Secretaría da Muller · Comunicados

21 xuño. Día da educación non sexista

21 xuño. Día da educación non sexista

21 xuño. Día da educación non sexista

Reivindicamos hoxe, Día da Educación Non Sexista, o dereito a un ensino democrático, inclusivo e libre de estereotipos ou prexuízos de xénero. Como Organización de Mulleres de STECyL-i queremos reafirmar o noso compromiso coa defensa da educación non sexista, expoñendo datos actuais a nivel mundial e, sobre todo, denunciando a situación das nenas e mulleres en Afganistán.

Por incrible que pareza, a pregunta «Segue a educación, en pleno século XXI, sendo sexista?» é máis pertinente ca nunca; os feitos así o demostran:

_ Dous terzos da poboación feminina mundial non está escolarizada, feito que senta as bases para que máis de 1.000 millóns de mulleres no mundo non teñan acceso a un traballo digno, véndose seriamente ameazada a súa independencia económica.

_ Aínda que se está avanzando, o lexítimo papel que as mulleres tiveron na historia e na cultura segue a ser ignorado, denostado e infrarrepresentado nos libros en xeral e nos libros de texto en particular.

_ Diversos organismos como a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) advirten de que os estereotipos de xénero continúan limitando as traxectorias educativas e profesionais das nenas e mulleres, especialmente nas áreas científicas, tecnolóxicas e de liderado.

_ ONU Mulleres alerta sobre o impacto da violencia e da discriminación de xénero nos espazos educativos, afectando o benestar, a permanencia e o desenvolvemento integral do alumnado e das traballadoras da educación.

_ Inadmisiblemente, Afganistán converteuse no único país do mundo onde se prohibe estritamente a educación secundaria e superior para nenas e mulleres. En 2021, os talibáns prohibiron ás nenas maiores de 12 anos acudir á educación secundaria; en 2022, prohibiron ás mulleres asistir á universidade. A poboación feminina leva cinco anos sen poder acceder á educación secundaria e catro anos sen poder acceder á universidade, o que representa unha violación explícita dos dereitos humanos e unha clara vulneración da liberdade das mulleres que non podemos permitir.

_ 1,4 millóns de mulleres afgás (UNESCO) foron deliberadamente excluídas do sistema educativo, e aquelas que persisten en acceder á educación xóganse a vida para facelo. Profesoras, nais e alumnas arriscan literalmente as súas vidas asistindo furtivamente a escolas clandestinas nun país que desde 2021 ditou 120 leis contra as mulleres: desde permitir atrocidades como legalizar o matrimonio con nenas de 7 anos até cercenar claramente todo tipo de liberdades. Se es muller en Afganistán non podes mostrar o teu rostro, non podes mirar directamente aos homes aos ollos nin mirar polas ventás, que están a ser tapiadas; non podes saír á rúa libremente, non podes estudar nin traballar e tampouco podes expresarte libremente en público nin participar na sociedade ou na política.

_ O 80 % das mulleres foi expulsado do mercado laboral e viu limitado o seu acceso á atención sanitaria, con consecuencias nefastas para a súa saúde e para os seus dereitos sexuais e reprodutivos. Dado que só poden ser atendidas por doutoras (carreira que teñen prohibido estudar), existe un risco real de que se produzan mortes evitables. A protección xurídica para as mulleres brilla pola súa ausencia nun país que está a normalizar a violencia de xénero e onde existe un aumento significativo da violencia conxugal e intrafamiliar. Este contorno asfixiante está a repercutir na saúde mental de mulleres e nenas, con alertas xeneralizadas de depresión e suicidio, sobre todo entre a poboación adolescente.

Estes feitos constitúen unha forma de represión brutal, cruel e inhumana que non só supón un arcaísmo en pleno século XXI, senón tamén un retroceso arrepiante e inadmisible en materia de igualdade e dereitos humanos.

Facemos un chamamento urxente á acción, interpelando a comunidade internacional e solicitando ás autoridades de facto que se respecten e restablezan os dereitos humanos de inmediato, atallando de raíz expresións de desigualdades estruturais que requiren respostas institucionais claras e inmediatas.

Como organización sindical, defendemos o poder transformador da educación non sexista, alicerce sobre o que se constrúe unha sociedade xusta onde as desigualdades de xénero non teñan cabida. Reafirmámonos na convicción de que o sistema educativo é o motor máis potente para o cambio social e a construción dun mundo verdadeiramente igualitario. A escola non só transmite coñecementos, senón que exercita o pensamento crítico, educa en valores e fortalece as estruturas da nosa sociedade.

O cambio comeza nas aulas, mais o seu impacto redefine o futuro de toda a humanidade, porque a educación non sexista é unha ferramenta de xustiza social.

 

Asemblea de mulleres do STEG

Organización de Mulleres da Confederación Intersindical

 

 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


Horario das sedes:

10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)

16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)

 

A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps


 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza