Secretaría da Muller · Comunicados

24 de maio. Día Internacional das Mulleres pola Paz e o Desarme

24 de maio. Día Internacional das Mulleres pola Paz e o Desarme

24 de maio. Día Internacional das Mulleres pola Paz e o Desarme

En maio de 2026, o mundo enfróntase a unha elevada inestabilidade con máis de 130 conflitos armados activos, destacando o xenocidio en Gaza como punto crítico. Outros conflitos relevantes inclúen Ucraína, Sudán, a inestabilidade no Sahel e as tensións no mar Vermello.

Nos contextos bélicos asociados aos desprazamentos forzosos e á crise humanitaria, prodúcese un colapso do sistema sanitario e da protección social no que mulleres e nenas afrontan diariamente formas específicas de violencia. Este é o caso das mulleres iranianas, sudanesas e palestinas, onde a situación de apartheid e xenocidio comporta un sufrimento continuado e sistemático.

Porén, mesmo nas situacións máis extremas, as mulleres non son só vítimas, pois a resiliencia continúa escribíndose en feminino: reconstruíndo o tecido social e sostendo familias e comunidades, ao tempo que defenden os seus dereitos como activistas, traballadoras humanitarias, profesionais da información, sanitarias ou docentes.

No Irán as mulleres loitan contra o apartheid de xénero e esixen liberdades civís; en Palestina e Sudán sublíñase o seu papel crucial na supervivencia económica e social fronte a conflitos devastadores. A través do activismo e da educación, estas mulleres lideran movementos de resistencia e transformación política nas súas respectivas rexións, movéndose na dualidade entre o sufrimento extremo provocado pola violencia estatal e a capacidade inquebrantable das mulleres para reconstruír o tecido social.

A continuación detállase a situación nalgunhas das rexións actualmente inmersas en sanguentas conflagracións:

IRÁN:

No Irán, as mulleres viven baixo o que especialistas denominan un “apartheid de xénero”, caracterizado por unha discriminación estrutural legalizada que as considera inferiores en cuestións de divorcio, custodia ou herdanza.

A esta situación súmase unha represión brutal e violencia de Estado que inclúe tortura, violencia sexual, detencións e castigos polo incumprimento do uso obrigatorio do veo (hixab), agravada ademais pola recente escalada militar iniciada o 28 de febreiro de 2026, a raíz da cal as forzas de seguridade intensificaron a represión contra as mulleres que desafían as normas, rexistrándose máis de 496 mulleres mortas e 4.000 feridas até abril de 2026.

Estímase que até 1,6 millóns de mulleres e nenas foron desprazadas internamente no Irán debido ás operacións militares. O desprazamento incrementa exponencialmente o risco de violencia de xénero, explotación e abuso.

Malia a represión letal, as mulleres iranianas, desde o movemento “Muller, Vida, Liberdade”, son o rostro principal e o núcleo da mobilización política e social, desafiando abertamente o réxime dos aiatolás e esixindo democracia nas rúas, pagando mesmo coas súas propias vidas.

SUDÁN:

No marco da guerra iniciada en Sudán en 2023, as mulleres e nenas sudanesas viven entre a violencia atroz e o empoderamento. Son obxectivo dunha violencia física e sexual sistemática (como violacións e escravitude sexual), utilizada polas faccións armadas como táctica para aterrorizar e controlar a poboación.

Ademais, conforman máis da metade dos 12 millóns de persoas desprazadas no país. Porén, diante do baleiro do Estado, asumiron un liderado vital creando redes de axuda humanitaria chamadas “salas de resposta”, proporcionando alimento, refuxio e apoio ás súas comunidades.

A guerra destruíu os medios de vida, obrigando as mulleres a asumir intensos roles económicos no medio da inseguridade alimentaria e de traballos de alto risco.

Moitas mulleres arriscan as súas vidas para cultivar, conseguir leña ou procurar auga para as súas familias, afrontando con frecuencia ataques mentres realizan estas tarefas cotiás.

Aínda que son o motor da supervivencia civil e arriscan diariamente as súas vidas para conseguir recursos básicos, foron sistematicamente excluídas das negociacións formais de paz.

En resumo, as mulleres en Sudán están atrapadas entre seren o principal obxectivo da violencia destrutiva da guerra e a principal forza que sostén a vida e a resistencia comunitaria.

PALESTINA:

Ante o xenocidio que sofre o seu pobo atopamos a muller palestina: entre a resiliencia, a resistencia e a loita pola autodeterminación.

Desde principios do século XX (con fitos como o Congreso de Mulleres Árabes de 1929 e a folga de 1936), o feminismo palestino priorizou a loita anticolonial e a supervivencia nacional por riba das reivindicacións estritamente de xénero.

A Nakba de 1948 e as Intifadas consolidaron a muller como piar económico e emocional fronte ás agresións do sionismo.

Aínda que a partir dos anos 80 se crearon espazos de empoderamento e educación co apoio da UNRWA, o ascenso do goberno de Hamás e a crecente influencia de correntes conservadoras impuxeron leis baseadas na sharía, limitando fortemente as liberdades das mulleres.

A ofensiva iniciada en outubro de 2023 provocou a destrución case total do tecido socioeconómico, forzando o desprazamento do 75 % da poboación. Dous anos e medio despois, baixo un “falso alto o fogo” e sen acceso á axuda de organismos internacionais, a poboación vive nun modo de supervivencia perpetuo.

O impacto na saúde das mulleres está a ser devastador, pois afrontan violencias e penalidades específicas e extremas. A falta de produtos de hixiene menstrual e o amoreamento duplicaron as infeccións cutáneas. O colapso do sistema sanitario obrígaas a someterse a cesáreas sen anestesia, triplicando o risco de morte no parto.

Ademais, sofren un grave trauma de saúde mental —un medo e estrés que “nunca cesa”— ao cargar en solitario coa responsabilidade da supervivencia das súas familias e crianzas.

En Cisxordania, muros e puntos de control (a “arquitectura do apartheid”) impiden a vida normal e o acceso á saúde e á educación. A isto súmase o uso da violencia de xénero, sexual e dixital como castigo colectivo e arma de guerra, todo isto enmarcado nunha loita diaria que transita entre a defensa da vida en condicións extremas e a reivindicación dos seus dereitos. Sendo a muller o motor de esperanza e supervivencia de toda a comunidade.

A pesar de vivir en condicións límite, a sociedade palestina mantén unha taxa de alfabetización superior ao 95 %. As mulleres actúan como as principais transmisoras da cultura (musical, pictórica e oral) e defenden firmemente a educación como a súa maior forma de resistencia positiva.

En definitiva, nos tres contextos, as mulleres conseguen transcender a súa vulnerabilidade para se converteren en axentes indispensables de cambio, activismo e defensa dos Dereitos Humanos nos seus respectivos países, algo que poñemos en valor desde a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical no Día Internacional das Mulleres pola Paz e o Desarme.
 

Asemblea de mulleres do STEG

Organización de Mulleres da Confederación Intersindical

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


Horario das sedes:

10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)

16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)

 

A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps


 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza