25 novembro 2021 -
FARTAS, PERO IMPARÁBEIS!
Atopámonos finalizando o ano 2021 e continuamos igual ou peor que en anos anteriores no que se refire á violencia machista.
O tempo pasa; a situación crítica das mulleres neste mundo, non.
En concreto, no Estado Español, no ano 2020 foron asasinadas 45 mulleres e, no que vai de ano 2021, a 13 de outubro de 2021, foron asasinadas 36 mulleres, deixando a 21 menores orfos. Se facemos unha análise das idades nas que se sitúan estas mulleres asasinadas flutúan entre 25 a máis nova e 81 anos a maior. Son mulleres de xeracións moi afastadas no tempo pero achegadas no xeito de rematar as súas vidas. A violencia machista non sabe de idade nin de xeracións, como podemos comprobar.
Este problema social non está resolto nin se ten aínda a suficiente conciencia sobre el como para poder denuncialo no momento no que se percibe dun xeito persoal ou achegado (ata maio de 2021 só un 6,2% de denuncias ao 016 eran de familiares das vítimas).
Os maltratadores seguen soltos, impunes nunha sociedade que só os acusa cando xa quitaron a vida á súa parella, ex parella, ou aos seus fillos e fillas. Aí xa se chega tarde.
Non son inocentes que nun momento dado perden a razón e non saben o que fan senón que o planifican e o executan perfectamente. Non poden aturar que a muller xa non estea baixo o seu dominio e, se para que teña un sufrimento maior ten que quitarlle a vida aos seus propios fillos e fillas, farao.
Ninguén pode dicir que era un bo pai, como sentimos ás veces NON!!
Un maltratador endexamais pode ser un bo pai. A violencia vicaria levouse a 40 inocentes dende 2014.
A modificación legal para protexer aos menores vítimas de violencia vicaria é a nova Lei de Protección á Infancia que entrou en vigor este xuño pasado e prevé que, nos casos de violencia de xénero, se suspenda o réxime de visitas dos presuntos maltratadores se se dita unha orden de protección para a nai e existen indicios de que os menores presenciaron o maltrato. Pero, que ocorre cando non hai denuncia de por medio?, como se coida a esa muller e aos seus fillos e fillas? Por iso hai que apoiar a todas as vítimas de violencia machista coa seguridade de que exista un amparo legal e social real. A moitas mulleres fáltalles seguridade e confianza porque non ven que o único camiño para salvagardar a súa vida e a da súa descendencia é a DENUNCIA.
As mulleres continuamos a ser o obxectivo principal das frustracións de moitos homes que ven ás súas compañeiras ou ex compañeiras como febles e doadas de controlar.
No momento no que senten que perden ese control, xurde a ira, o odio, …
Un caso próximo témolo na illa de A Palma, xunto á situación de incerteza que padecen as persoas afectadas pola catástrofe natural provocada polo volcán, súmase un acrecentamento de chamadas ao Servizo de Atención a Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero nun 60% dende que comezou a erupción.
Podemos tamén falar de Afganistán e a situación lamentábel na que se atopan as mulleres, ás que se lles riparon todos os seus dereitos e perderon todo o seu valor como persoas.
En Colombia hai case 680.000 mulleres que pertencen a diferentes grupos étnicos, e das cales a maioría están vivindo en condicións nada favorábeis. No conflito armado identificáronse 261.476 mulleres que foron vítimas de violencia machista; de elas, o 3,88% tiña algunha discapacidade e o 27,66% eran nenas ou mozas.
India segue a ser o país máis perigoso para as mulleres, cun alto risco de violencia sexual e escravitude laboral.
En Somalia, ao redor do 98% das mulleres sufriron mutilación xenital e son usadas para procrear ata que os seus corpos resisten.
Estes son só algúns exemplos de violencias sobre a muller entre tantos existentes ao longo e ancho do planeta. Lonxe de ser erradicadas, pese a que cada vez máis mulleres alzamos a voz para dicir ABONDA XA!, continúan e non rematarán ata que existan xeracións concienciadas e formadas en igualdade, conseguindo o respecto cara á muller dun xeito real e non coma unha utopía.
AS MULLERES ESTAMOS:
-FARTAS DE QUE NOS MATEN
-FARTAS DE QUE MATEN Á NOSA DESCENDENCIA
-FARTAS DE TER MEDO DE SAÍR SOAS Á RÚA
-FARTAS DE QUE CUESTIONEN COMO VESTIMOS
-FARTAS DE QUE NOS DIGAN O QUE TEMOS QUE FACER E COMO
-FARTAS DE QUE NOS DIGAN QUÉ TEMOS QUE PENSAR E CÓMO
FARTAS…FARTAS…FARTAS…PERO IMPARÁBEIS!!
- TELÉFONO: 016
- CORREO ELECTRÓNICO: 016-online@igualdad.gob.es
- WHATSAPP: 600 000 016