25 novembro 2022 -
ESCOLLE O FEMINISMO. Todos contra a violencia machista
O Estado español converteuse no primeiro país do mundo en contabilizar todos os feminicidios, feito historicamente demandado polo movemento feminista. O asasinato machista é calquera asasinato cometido por un home cara a unha muller independentemente de que teña ou tivese unha relación sentimental co seu asasino ou non.
A 8 de novembro de 2022, son 38 as mulleres asasinadas por violencia machista en todo o Estado. As denuncias destas mulleres son só un 25%, contando que polo menos 120.000 denuncias por malos tratos se rexistran ante os xulgados por violencia machista anualmente. Isto achégase á realidade, pero non é un número 100% real porque, como ben sabemos, hai unha serie de mulleres que non denuncian e sofren este tipo de violencia todos os días na casa. Neste momento dirixímonos a estas mulleres, xa que a maioría delas teñen fillas e/ou fillos: "Se non o fas por ti mesmo, faino por elas e/ou por eles":
Se vives nunha contorna onde as mulleres son menosprezadas e maltratadas, cóntallo a alguén de confianza, busca apoio e denuncia. A violencia machista no fogar reflíctese directa ou indirectamente no desenvolvemento psicolóxico e emocional dos fillos e fillas de mulleres maltratadas.
Son condenados preto do 80% dos homes que van a xuízo por violencia machista. E ise 20% non reflicte acusacións falsas, senón que ao final a vítima negouse a reiterar a súa declaración ante o seu agresor. Chegaches a denunciar? Tes que continuar.
A violencia machista aumentou dende 2021 en mozas de 18 a 24 anos. Cada vez son máis as mulleres novas que denuncian. Hoxe saben que contan cun apoio xurídico e institucional ao que poden acudir, que é moi importante, porque elas mesmas son as que se negan a ser mulleres maltratadas. Por desgraza, moitos outros seguen sen saber identificar este tipo de violencia. Temos como exemplo recente o acontecido na Residencia Elías Ahuja, onde os cánticos cara ao alumnado doutro colexio, feminino neste caso, incluían palabras como: "Putas... ninfómanas... vas foder" Algunhas alumnas desculparon este comportamento, baixo trazas de tradición ou broma.
O Centro de Adolescencia e Xuventude Reina Sofía publicou o pasado mes de setembro un Informe Barómetro de Xuventude e Xénero 2021 no que se citaba: "Crece a porcentaxe de mozos (15-29 anos) que negan ou restan importancia á violencia de xénero". Imos cara atrás, que estamos facendo mal?
A onde podemos acudir ante unha situación de violencia machista? Temos varios puntos municipais do Observatorio Comarcal da Violencia de Xénero, porén, atopamos varios problemas:
-Ademais do trauma que supón a denuncia ante a violencia machista, os procedementos xudiciais eternízanse, porque non hai investimento en persoal dedicado a estes procedementos.
-Moitas destas mulleres non teñen traballo, ou o que teñen non é compatible coa conciliación familiar, e viven cun salario insuficiente.
-Dada a situación que existe no noso país coa vivenda, non poden acceder a ela polas súas condicións económicas.
-Este tipo de denuncias tamén varían segundo o contexto no que se produzan: ás mulleres do rural cústalles moito máis dar o paso pola súa situación de illamento, moitas veces en comunidades moi pequenas onde teñen falta de información. Tampouco debemos esquecernos das nosas maiores, cunha porcentaxe de denuncias moi baixa, e que levan toda a vida sendo mulleres maltratadas cunha resignación divina.
O problema máis importante: a pouca inversión económica. Podemos crear leis, centros de apoio, organizacións contra a violencia machista e que? Se non hai unha axuda económica para estas mulleres e as súas fillas e fillos, de que nos serven? Xa non é o pánico que lle produce o seu maltratador, hai outro medo moi importante: que será de min? da miña familia? Non teño nada, non teño onde vivir, non teño cartos para alimentar aos meus fillos e non teño suficiente protección institucional. Seguirei sendo unha muller maltratada ata que el me mate.
Non pode seguir así, o 25N é un día para esixir aos gobernos que cesen canto antes esta barbarie, pero non pode quedar nunha data sinalada que se esqueza ata o seguinte ano.
Nos orzamentos xerais do Estado para 2023, as axudas ás mulleres maltratadas increméntanse un 12% no orzamento con respecto a 2022. Contrasta co dato de que os orzamentos para programas de armamento e gasto militar aumentan un 25,8%.
A pesar de todos estes datos negativos, a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical quere dar ánimo e esperanza a todas estas mulleres que están a sufrir este tipo de violencia.
A nosa principal arma é o Feminismo, con todo o que iso leva consigo. Non hai opción, é o noso único camiño, ESCOLLE O FEMINISMO. Todos contra a violencia machista.
Teléfono gratuíto de información e asesoramento xurídico 016. Tamén podes contactar por WhatsApp no número 600 000 016 e por correo electrónico escribindo a:
016-online@igualdad.gob.es.
Se es menor de idade e cres que algún próximo está a sufrir violencia de xénero, podes chamar a ANAR, no número de teléfono 900202010. Así mesmo, podes atopar información na páxina Web do Ministerio de Igualdade, unha web de recursos de apoio e prevención en casos de violencia de xénero (WRAP), que permite a localización dos recursos policiais, xudiciais e de información, atención e asesoramento máis próximos á túa localidade.