FRONTE ÁS VIOLENCIAS MACHISTAS E RACISTAS, SORORIDADE SEN FRONTEIRAS
Hoxe, 25 de novembro, a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical ergue a voz. Erguémola polas que xa non poden facelo, polas que sobreviven en silencio, polas que resisten cada día e por todas aquelas mulleres ás que o medo, a desigualdade e a violencia pretenden arrebatarlles a liberdade. Erguemos a voz porque non imos aceptar que ser muller siga sendo un factor de risco, nin que o lugar onde nacemos, a cor da nosa pel, a nosa cultura ou a nosa situación administrativa determinen o grao de violencia, desprotección ou discriminación que sufrimos.
Hoxe non vimos gardar un minuto de silencio. Vimos rompelo. Romper o silencio imposto, a indiferenza cómplice, os discursos negacionistas e as estruturas patriarcais que sosteñen e perpetúan as violencias contra as mulleres. Porque o silencio non nos protexe: protexe a quen agride, a quen discrimina e a quen pretende convencernos de que a violencia machista é inevitable.
Fronte a quen cuestiona os nosos dereitos, minimiza as agresións ou pretende devolvernos a un pasado de submisión, respondemos con máis feminismo, máis organización e máis loita colectiva. Porque non daremos nin un paso atrás na conquista dunha sociedade libre de violencias, na que ningunha muller teña que vivir con medo polo feito de ser muller.
Fronte ás violencias machistas e racistas, respondemos con feminismo, con xustiza e con sororidade sen fronteiras.
Porque non existe igualdade real mentres haxa mulleres ameazadas, acosadas, explotadas, humilladas ou asasinadas polo feito de seren mulleres. Porque non existe xustiza feminista se deixamos atrás as mulleres migrantes, racializadas, refuxiadas ou pertencentes a minorías étnicas, que tantas veces se enfrontan a unha dobre discriminación e atopan máis obstáculos para denunciar, acceder á protección e exercer os seus dereitos.
Non aceptamos un feminismo que exclúa, que levante muros ou que estableza categorías entre mulleres merecedoras de dereitos e mulleres condenadas á invisibilidade. O noso feminismo é antirracista, internacionalista e interseccional. Un feminismo que entende que as nosas realidades son diversas, que as desigualdades se entrecruzan e que ningunha diferenza pode xustificar a discriminación, o abuso nin a violencia.
Porque non todas as mulleres partimos do mesmo lugar, pero todas temos dereito a vivir libres de violencia.
E hoxe queremos deternos especialmente en Ceuta, unha cidade fronteiriza onde a realidade das mulleres e das nenas migrantes nos interpela como feministas e como sociedade. Mulleres que chegan na procura dunha vida digna, fuxindo da violencia, da pobreza, da persecución ou da falta de futuro, e que poden atoparse con novas situacións de desamparo, exclusión e vulnerabilidade. Mulleres e nenas cuxas historias non poden reducirse a cifras, expedientes administrativos nin estatísticas migratorias. Son vidas, son dereitos e son persoas cuxa dignidade debe estar sempre no centro de calquera decisión política.
A situación das mulleres migrantes en Ceuta lémbranos que o machismo e o racismo se entrecruzan e golpean con especial dureza a quen atopa máis barreiras para acceder á protección. Cando faltan espazos seguros, atención especializada, recursos suficientes, acompañamento e garantías para denunciar, a vulnerabilidade agrávase e aumenta o risco de sufrir novas violencias. Ante esta realidade, esiximos respostas institucionais eficaces, coordinadas e con perspectiva de xénero e antirracista.
Non podemos normalizar que unha muller que foxe da violencia se atope co desamparo. Non podemos aceptar que unha nena migrante quede exposta a situacións de risco sen unha protección axeitada. Non podemos mirar cara a outro lado cando as mulleres máis vulnerables atopan máis dificultades para seren escoitadas, atendidas e protexidas.
Ningunha fronteira pode estar por riba da vida dunha muller. Ningún pasaporte, ningunha cor de pel e ningunha situación administrativa poden xustificar que unha muller quede desprotexida fronte á violencia.
Se unha nena ten medo, necesita protección. Se unha muller foxe dos abusos, necesita refuxio. Se unha supervivente denuncia unha agresión, necesita xustiza. Non necesita sospeitas, prexuízos nin indiferenza.
Desde a nosa organización denunciamos que non pode haber dereitos humanos a medias nin protección selectiva. A dignidade das mulleres migrantes non pode depender da súa nacionalidade, da súa orixe ou de que a súa historia resulte cómoda para as institucións. Esiximos que as administracións asuman a súa responsabilidade e garantan recursos suficientes, atención integral e protección efectiva para todas as mulleres e nenas, sen discriminación ningunha.
Porque defender as mulleres significa defendelas a todas: tamén as que chegan desde o outro lado da fronteira, as que non dominan a nosa lingua, as que carecen de redes de apoio, as que viven situacións de precariedade e as que demasiadas veces ninguén escoita.
Desde Ceuta, terra de fronteira e de encontro, lanzamos unha mensaxe de sororidade que non entende de muros: ás mulleres e nenas migrantes dicímoslles que non están soas, que as súas vidas importan, que os seus dereitos son os nosos dereitos e que a súa loita tamén é a nosa.
Ningunha muller é estranxeira na loita contra a violencia machista.
E é precisamente aí onde a sororidade adquire todo o seu sentido. A sororidade non é unha palabra bonita para pronunciar nos discursos: é unha práctica política, unha alianza entre mulleres, unha rede de resistencia e unha forza colectiva capaz de derrubar fronteiras, prexuízos e privilexios. É tender a man, escoitar sen xulgar, acompañar sen impoñer e loitar xuntas para que ningunha muller teña que enfrontarse soa á violencia.
A nosa sororidade non pregunta de onde vés antes de tenderche a man. Non esixe papeis para recoñecer dereitos nin fronteiras para recoñecer o sufrimento. Non acepta que o racismo divida o que o patriarcado intenta someter. A nosa sororidade é compromiso, solidariedade, conciencia e acción colectiva.
Por iso, este 25N, erguemos a voz contra todas as formas de violencia machista: a física, a psicolóxica, a sexual, a económica, a vicaria e a institucional. Contra a explotación das mulleres, contra a trata, contra o acoso e contra calquera forma de control que pretenda arrebatarnos a autonomía. E erguemos tamén a voz contra o racismo, a xenofobia e os discursos de odio que deshumanizan as mulleres migrantes e converten os seus dereitos en obxecto de sospeita ou de negociación.
Non permitiremos que o odio nos enfronte nin que a indiferenza nos paralice. Non aceptaremos que se utilice a diversidade para dividirnos nin que se invoque a igualdade mentres se deixa atrás a quen máis necesita protección. A loita contra a violencia machista só será verdadeiramente feminista se é tamén unha loita contra o racismo e todas as formas de discriminación.
Desde a Organización de Mulleres, hoxe dicimos alto e claro: non queremos máis mulleres asasinadas, nin máis superviventes abandonadas, nin máis nenas desprotexidas, nin máis mulleres condenadas ao silencio. Queremos vidas libres, dereitos garantidos, institucións responsables e unha sociedade que non tolere ningunha forma de violencia contra as mulleres.
Non daremos nin un paso atrás. Seguiremos organizándonos, denunciando, acompañando e construíndo alianzas. Seguiremos educando en igualdade, combatendo os prexuízos e defendendo os dereitos de todas. Porque cada avance feminista é unha conquista colectiva e cada muller que recupera a súa liberdade lémbranos por que paga a pena continuar.
Hoxe, 25 de novembro, convertemos a nosa indignación en compromiso, a nosa dor en forza e a nosa solidariedade en loita.
Fronte ás violencias machistas e racistas, a nosa resposta é colectiva.
A nosa forza é feminista. A nosa loita é antirracista. A nosa sororidade non ten fronteiras.
Nin unha muller menos!
Nin unha nena desprotexida!
Nin un dereito sen defender!
Fronte ás violencias machistas e racistas, sororidade sen fronteiras!
Horario das sedes:
10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)
16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)
R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal
Ver en Google Maps