26 de abril: Día da visibilidade lésbica, tamén no mundo do traballo
A visibilidade lésbica segue a ser unha materia pendente nunha sociedade que presume de dereitos mentres mantén intactas moitas das estruturas que nos silencian. E se isto é evidente no ámbito social, aínda o é máis no mundo do traballo.
Desde unha perspectiva sindicalista, a invisibilidade das lesbianas non é casual: é funcional. O sistema produtivo sostense sobre desigualdades estruturais que atravesan o xénero, a clase e tamén a orientación sexual. As mulleres lesbianas sufrimos unha dobre opresión: por sermos mulleres nun mercado laboral precarizado e por non encaixarmos na norma heterosexual que continúa marcando as relacións sociais, laborais e institucionais.
Cantas traballadoras non se atreven a falar da súa vida persoal no traballo? Cantas teñen que esquivar preguntas, ocultar parellas ou soportar comentarios disfrazados de humor? A lesbofobia non sempre se presenta de maneira explícita; a miúdo é sutil, cotiá, estrutural. Está nas promocións que non chegan, nos silencios incómodos, na falta de referentes, no medo a perder o posto de traballo.
Diante disto, o sindicalismo non pode ser neutral. Ou está ao lado da diversidade e da xustiza social, ou convértese en cómplice do sistema que di combater. Incorporar a realidade das mulleres lesbianas na axenda sindical non é unha cuestión accesoria, é unha esixencia de coherencia. É necesario negociar protocolos contra a discriminación, impulsar plans de igualdade que inclúan a diversidade afectivo-sexual, garantir espazos de traballo seguros e libres de LGTBI-fobia e, sobre todo, dar voz ás traballadoras que historicamente foron silenciadas.
Mais tamén cómpre ir máis alá das medidas formais. A transformación real pasa por cuestionar o modelo laboral que precariza as nosas vidas. As mulleres lesbianas, como tantas outras, sostemos a vida en condicións cada vez máis duras: contratos temporais, salarios baixos, xornadas interminables e unha conciliación que segue a ser unha ficción. A loita pola visibilidade non pode desligarse da loita por unhas condicións de vida dignas.
Reivindicármonos visibles é tamén reivindicármonos organizadas. É construír espazos colectivos onde compartir experiencias, tecer redes e xerar poder. É entender que a nosa realidade non é unha cuestión individual, senón política. E que só desde a acción colectiva poderemos transformala.
Este 26 de abril non queremos só ser visibles. Queremos ser escoitadas, respectadas e con dereitos reais. Nas rúas e nos centros de traballo. Porque sen as mulleres lesbianas non hai nin feminismo completo nin sindicalismo transformador.
Desde a Organización de Mulleres da Conferderacion Intersindical témolo claro: non deixaremos nunca ningunha traballadora atrás, sexa cal sexa a súa orientación sexual. A defensa dos dereitos laborais só é real se é inclusiva, se recoñece todas as realidades e se combate calquera forma de discriminación. Porque a igualdade non admite excepcións, e a dignidade tampouco.
A visibilidade non é un xesto. É unha ferramenta de loita.
Asemblea de mulleres do STEG
Organización de Mulleres da Confederación Intersindical
Horario das sedes:
10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)
16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)
R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal
Ver en Google Maps