Secretaría da Muller · Comunicados

5 outubro. Día mundial das e dos docentes

5 outubro. Día mundial das e dos docentes

5 outubro. Día mundial das e dos docentes 


POLA SAÚDE DAS NOSAS E DOS NOSOS DOCENTES: MENOS BUROCRACIA, MÁIS RECURSOS, MÁIS CONCILIACIÓN E MÁIS CORRESPONSABILIDADE

 

Desde a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical, hoxe, Día Mundial das e dos Docentes, non queremos facer un comunicado sobre a amplitude da nosa vocación; queremos amosar a fotografía dunha realidade docente complexa e insalubre para o profesorado, cuxos efectos nocivos afectan especialmente ás docentes.

A educación pública sostense grazas ao compromiso diario das e dos seus profesionais. O colectivo docente demostrou que non foxe da adversidade; non obstante, a educación das futuras xeracións non debe nin pode seguir manténdose á custa da nosa saúde.

A Confederación de sindicatos STES-i achegou indicadores moi significativos sobre o malestar docente a través da macroenquisa estatal realizada por máis de 13.000 profesionais. Estes datos amosan un profesorado ao límite do esgotamento e unha realidade docente cada vez menos sostible.

O 96 % do profesorado manifesta sentirse exhausto e sepultado baixo unha carga de traballo extra. A burocracia é abafante e a proliferación de tarefas administrativas innecesarias afasta as e os profesionais do labor pedagóxico. Á xornada engadiuse unha longa listaxe de tarefas non docentes que, ademais, inclúe o estrés de recibir notificacións dixitais as 24 horas. O profesorado soporta a xestión de eventos, bolsas, libros, transporte e comedores; a procura de prácticas en empresas e a aplicación de protocolos de acoso, ciberbullying, convivencia ou suicidio; plans de igualdade, dixitalización e saúde; a realización de entrevistas coas familias e con diferentes profesionais fóra do horario escolar, ademais dunha infinidade doutras tarefas.

O clima escolar deteriorouse notablemente. O 82,6 % do profesorado valora o ambiente nas aulas como conflitivo ou complicado, cun notable incremento das condutas hostís e coa percepción dunha crecente desprotección por parte da Administración.

As aulas están masificadas. Máis do 91 % do profesorado sinala que as ratios actuais impiden ofrecer unha atención axeitada a un alumnado cada vez máis diverso, que inclúe diferentes diagnósticos e alumnado con descoñecemento da lingua ou das linguas propias do país.

A escaseza de profesorado para cubrir postos de traballo é alarmante e require unha atención urxente. O 88,3 % do profesorado considera que a sociedade, en xeral, non valora o noso traballo como docentes. A degradación da profesión foi en aumento, provocando, entre outras consecuencias, un abandono do sector sen precedentes.

Desafortunadamente, este malestar non afecta a todas e todos por igual, xa que a docencia —sobre todo nas primeiras etapas educativas— é unha profesión profundamente feminizada e, aínda que a proporción está a mudar, segue sendo histórica e significativa a atribución ás mulleres dos coidados familiares e das tarefas do fogar.

A día de hoxe, no Estado español, aínda non se pode falar dunha corresponsabilidade efectiva: as mulleres continúan asumindo unha parte desproporcionada do traballo non remunerado —os coidados de crianzas e persoas dependentes, as tarefas domésticas e a denominada carga mental—, realizando en moitas ocasións unha eterna e invisibilizada dobre ou tripla xornada laboral.

Esta situación tradúcese, para as docentes, en xornadas laborais realmente esgotadoras, maior precariedade laboral, traxectorias profesionais máis fráxiles e unha menor presenza nos cargos directivos. Destacar hoxe o labor das docentes implica recoñecer que a deterioración das súas condicións laborais é tamén unha forma de violencia institucional de xénero que debemos recoñecer e non ignorar.

As medidas de conciliación —un traballo sostido esencialmente polas mulleres— son insuficientes e pouco realistas. Aínda non se contemplou unha medida que permita adaptar o horario para o coidado de crianzas ou de persoas maiores ao cargo sen diminuír a capacidade adquisitiva, xa que nin sequera os permisos e licenzas aprobados nas mesas xerais do funcionariado se aplican ao profesorado. Conciliar na docencia supón, en demasiadas ocasións, unha redución da xornada e das retribucións que provoca unha notable perda de poder adquisitivo para as docentes.

As comisións por agrupación familiar son inexistentes en case todas as comunidades e esta circunstancia tampouco se ten en conta nos concursos de traslados. Ser persoal interino supón exercer o traballo durante períodos que poden ir dunha semana a un ano en diferentes localidades; supón separarse da familia, téñanse ou non crianzas, teñan estas sete meses ou 17 anos.

Por último, ademais das condicións laborais, salientamos que se continúa menosprezando e ignorando a presenza das mulleres nos libros de texto e nos currículos educativos. Os seus méritos e contribucións seguen a ter escasa visibilidade, polo que resulta imprescindible revisar os materiais educativos.

Neste día, non queremos máis declaracións baleiras de agradecemento. Porque soster o sistema educativo público non pode continuar dependendo da autoexplotación, da deterioración da saúde, da culpa ou da renuncia ao tempo propio ou á familia por parte das traballadoras e dos traballadores.

Por iso, neste Día das e dos Docentes, alzamos a voz para esixir políticas públicas que sitúen o benestar docente no centro e impulsen cambios estruturais urxentes, garantindo medidas efectivas de conciliación coeducativa e corresponsabilidade.

Escola pública, gratuíta, laica, igualitaria, conciliadora e corresponsable!

 

Asemblea de mulleres do STEG

Organización de Mulleres da Confederación Intersindical

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


Horario das sedes:

10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)

16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)

 

A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps


 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza