Secretaría da Muller · Comunicados

6 de febreiro. Día Internacional da Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina

6 de febreiro. Día Internacional da Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina

6 de febreiro: Día Internacional da Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina

En 2012, a Asemblea Xeral da ONU designou o 6 de febreiro como o Día Internacional de Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina, co obxectivo de ampliar os esforzos internacionais para o abandono desta práctica. A Asemblea fixo un chamamento aos Estados e á sociedade civil para continuar conmemorando esta data, intensificando as campañas de concienciación.

Este día de loita ten o seu antecedente no 6 de febreiro de 2003, cando Stella Obasanjo, primeira dama de Nixeria e portavoz dunha campaña contra esta práctica, realizou unha declaración oficial sobre a “Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina” en África, durante a conferencia liderada polo Comité Interafricano sobre Prácticas Tradicionais que Afectan á Saúde das Mulleres e das Nenas.

A mutilación xenital feminina comprende todos os procedementos consistentes na resección parcial ou total dos xenitais externos femininos, así como outras lesións causadas aos órganos xenitais femininos por motivos non médicos. Esta práctica non achega ningún beneficio para a saúde e pode causar hemorraxias graves, problemas urinarios e, a longo prazo, quistes, dificultades menstruais, infeccións, complicacións no parto e un maior risco de mortalidade neonatal.

A mutilación xenital feminina practícase case sempre a persoas menores, nalgún momento entre a lactación e os 15 anos. Está considerada internacionalmente como unha violación dos dereitos humanos das mulleres e das nenas, reflicte unha desigualdade entre os sexos profundamente arraigada e constitúe unha forma extrema de discriminación. Ademais, vulnera os dereitos á saúde, á seguridade e á integridade física, o dereito a non ser sometida a torturas nin a tratos crueis, inhumanos ou degradantes, e o dereito á vida nos casos en que o procedemento acaba provocando a morte. En moitos lugares existen datos que indican que o persoal sanitario está a realizar esta práctica de maneira crecente debido á crenza errónea de que é máis segura se se leva a cabo en condicións medicalizadas. A OMS insta encarecidamente a este persoal a que non practique a mutilación xenital feminina e elaborou unha estratexia mundial e materiais específicos para apoiar o sector e ás e aos profesionais da saúde co obxectivo de poñer fin á medicalización desta práctica.

Segundo a información obtida en 30 países onde se realiza esta práctica das rexións occidental, oriental e nororiental de África, e nalgúns países de Oriente Medio e Asia, máis de 300 millóns de nenas e mulleres vivas na actualidade sufrírona, e estímase que máis de 4 millóns de nenas corren o risco de ser sometidas a ela cada ano. En consecuencia, trátase dun motivo de preocupación en todo o mundo.

Os factores de orde cultural e social son os que levan á práctica da mutilación xenital feminina. Os motivos polos que se practica difiren en función da rexión e da época, e responden a unha combinación de factores socioculturais arraigados nas familias ou nas comunidades. Alí onde é unha convención ou norma social, a presión da sociedade para que a persoa actúe como o fixeron e o veñen facendo as demais, así como a necesidade de aceptación social e o temor ao rexeitamento da comunidade, constitúen poderosas motivacións para perpetuar esta práctica. A mutilación xenital feminina considérase a miúdo parte necesaria da crianza da nena e unha forma de preparala para a vida adulta e o matrimonio, o que pode incluír o control da súa sexualidade para asegurar a súa virxinidade antes do matrimonio e a súa fidelidade despois del.

Aínda que non existen textos sagrados que prescriban a mutilación xenital feminina, hai quen cre que existe unha motivación relixiosa. As lideresas e os líderes relixiosos adoptan diferentes posicións respecto desta práctica, e algunhas e algúns deles están a contribuír ao seu abandono.

Trátase, polo tanto, dun problema que transcende o ámbito puramente asistencial. Nel conflúen a vulneración dos dereitos humanos, a necesidade dun enfoque intercultural de cuestións ligadas á intimidade e á identidade das persoas, e o compromiso moral de evitar prácticas tradicionais que implican un trato discriminatorio, violento, degradante e doloroso cara ás mulleres.

Ademais, cos movementos migratorios, o que un día foi local hoxe é global, e a práctica atópase en diáspora a nivel mundial (Europa, Estados Unidos de América, Australia, entre outros). O peso demográfico da poboación migrante subsahariana en España, con altas taxas de masculinidade, propicias ás reagrupacións familiares, xunto cunha elevada taxa de fecundidade das mulleres africanas, augura un forte incremento, nas nosas consultas e escolas, de nenas en risco de seren sometidas a unha MGF. Para o persoal profesional da atención primaria, isto supuxo descubrir realidades culturais diferentes e afrontar novos retos asistenciais, no marco de complexos procesos de aculturación e integración social.

Desde a OM queremos denunciar que esta violación dos dereitos humanos non ten cabida no século XXI. É hora de actuar.

Mediante a meta incluída nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de eliminar as prácticas nocivas, a Comunidade Internacional comprometeuse a erradicar a mutilación xenital feminina para 2030. Porén, para acadar esta meta, o progreso debe ser 27 veces máis rápido que o da última década. Isto esixe unha acción urxente e concertada a unha escala sen precedentes.

Para tal fin, é preciso implicar as comunidades e as organizacións locais e traballar coas lideresas e cos líderes tradicionais e relixiosos e cos dirixentes políticos, formar ao persoal sanitario e concienciar sobre os prexuízos desta práctica. Cómpre reforzar as alianzas entre liderados, organizacións comunitarias e sectores —como o da saúde, a educación e a protección social—, así como continuar defendendo de maneira ininterrompida os dereitos e ampliar os movementos sociais, situando as nenas e as sobreviventes no centro. Segue sendo imprescindible apoiar ás sobreviventes da mutilación xenital feminina. Moitas sofren efectos físicos e psicolóxicos a longo prazo e precisan atención médica e psicolóxica integral para sanar as feridas inflixidas por esta práctica nociva.

Por todo isto, desde a OM reclamamos unha maior rendición de contas a todos os niveis, para garantir que se respecten os compromisos cos dereitos humanos e que se apliquen políticas e estratexias para protexer ás nenas en situación de risco e proporcionar atención —incluídos os servizos xurídicos— ás sobreviventes. Tamén esiximos un maior investimento para ampliar aquelas intervencións cuxa eficacia xa foi demostrada.

Todas as persoas temos un papel que desempeñar á hora de garantir que todas as nenas estean protexidas e poidan vivir sen sufrir danos. Aceleremos o ritmo e actuemos de maneira urxente. Chegou o momento de acabar coa mutilación xenital feminina.

Asemblea de mulleres do STEG

Organización de Mulleres da Confederación Intersindical

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


Horario das sedes:

10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)

16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)

 

A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps


 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza