Segundo a Organización Mundial da Saúde, máis de 230 millóns de mulleres e nenas levan sufrido mutilación xenital feminina. Esta práctica comprende diversos procedementos consistentes na lesión e/ou extirpación parcial ou total dos xenitais externos femininos por motivos non médicos, co agravante de que se practica principalmente en nenas desde o seu nacemento ata a idade de quince anos.
Entre as consecuencias inmediatas desta práctica está a morte. De entre as posteriores, graves problemas de saúde tanto física como mental: problemas urinarios, vaxinais, menstruais, sexuais, necesidade de novas intervencións así como complicacións no parto e un maior risco de mortalidade neonatal. As mulleres e nenas ás que se lles practica adoitan sufrir ademais depresión, ansiedade, trastorno de estrés postraumático e outros trastornos relacionados coa baixa autoestima.
A pesar dos esforzos internacionais por erradicala e de estar considerada internacionalmente como unha violación dos dereitos humanos, esta práctica segue afectando millóns de mulleres e nenas sobre todo en África, Oriente Medio e nalgunhas comunidades de América do Sur e Europa do Leste. Lonxe de desaparecer, e debido entre outros factores a movementos migratorios transnacionais e ao aumento da poboación refuxiada, a mutilación xenital feminina segue sendo unha realidade presente nos países europeos, Canadá, Estados Unidos, Australia e Nova Zelandia. Desde a Organización de Mulleres queremos denunciar que esta práctica constitúe unha forma de violencia extrema contra a muller que causa sufrimento físico e psicolóxico irreversible e que limita claramente os dereitos e a liberdade das mulleres.
Declaramos tamén que esta práctica é un claro expoñente dunha, aínda moi presente, desigualdade entre os sexos e que constitúe unha forma radical e intolerable de discriminación. Por todo iso, neste Día Mundial de Tolerancia Cero á Mutilación Xenital Feminina, intensificamos os nosos esforzos para visibilizar este tipo de violencia, reivindicar o papel da educación na súa percepción como un acto degradante e apelar aos organismos globais para que se intensifiquen, tanto as accións encamiñadas á sensibilización, como o apoio ás vítimas e a persecución dos seus executores e promotores. Todo co obxectivo de lograr a erradicación desta práctica inhumana. Por un futuro libre de violencia e desigualdade contra as mulleres, tolerancia cero á mutilación xenital feminina.
Asemblea de mulleres do STEG
Organización de mulleres da CI