Secretaría da Muller · 8 de Marzo

 Manifesto do 8 de marzo de 2015

Manifesto do 8 de marzo de 2015

8 de marzo de 2015 -

SOMOS VOZ, SOMOS FORZA, XUNTAS CONSTRUÍMOS FUTURO


Moitos séculos levan pasado desde que a primeira muller mestra de Retórica que coñecemos, Aspasia, se adicou a difundir coñecementos. Isto ocasionoulle a consideración despectiva posterior de hetaira (concubina) como única faceta destacábel nela, relegando a un plano case descoñecido a súa dimensión de oradora. A súa palabra e a súa figura foron ocultadas por medo ao poder da súa imaxe como modelo a seguir. Culta, fermosa, docta en artes lúdicas, cunha capacidade de elocuencia e un manexo das técnicas discursivas que facía que puidese facerse co poder, así foi Aspasia. Moitos anos menos levan pasado desde que outra muller, a deputada española Clara Campoamor, se levantou no Parlamento e através da súa voz solicitou o dereito das mulleres a participar na vida pública do seu país mediante o voto, o que acabou levándoa ao desterro voluntario e á perda de confianza por parte dos seus propios compañeiros de partido: Dona Clara tamén era perigosa como modelo...

A palabra pública, a VOZ, é o mellor instrumento para berrarmos as inxustizas, para clamarmos a dor, para rirmos a alegría, o que nos permite dicir “Eu son”, “Eu estou”. É o xeito máis directo de pedirmos o que é noso, de todas e de cada unha, e sobre todo, a maneira de contarmos ás demais persoas e a nós mesmas como vemos o mundo e como o queremos.

Este 8 de marzo, a Asemblea de Mulleres do STEG volve valerse da palabra para reivindicar a necesidade de estarmos xuntas, de tecermos redes para termos máis FORZA, esa palabra, tan vinculada ao campo semántico masculino, que cómpre xa que nos apropiemos. A forza que nos dá traballarmos cada día nos nosos distintos sectores para defendermos os dereitos das mulleres, eses dereitos (os conseguidos e os aínda non acadados) que vemos perigar cada vez que nos descoidamos, como consecuencia da involución ideolóxica que se asentou dun tempo a esta parte na política e na sociedade.

Cuestionan o noso dereito a decidirmos sobre o noso propio corpo. Seguen condenándonos a salarios máis baixos e máis precarios, froitos ambos das reformas laborais pro-empresa que se levaron a cabo no último decenio. Continúan poñéndonos impedimentos para a incorporación ao mundo laboral e propiciando a nosa volta aos fogares e a asunción de duplas ou triplas xornadas coa eliminación práctica (mediante recortes) da Lei de Dependencia. Seguen vendo como somos maltratadas e asasinadas acotío e, no entanto, retiran as medidas de atención económica necesarias para combater e erradicar a violencia de xénero. A persoa responsábel de igualdade no Goberno do Estado cubre o expediente cunha simple campaña publicitaria no 25 de novembro, mentres converte o resto do ano a Lei contra a violencia de xénero en puro papel mollado.

Co pretexto do abandono escolar e facendo pé nos nesgados resultados do informa PISA, impóñennos unha reforma educativa que quita á futura cidadanía a capacidade de desenvolver unha mente máis crítica, unha sociedade máis igualitaria, unha educación desde as primeiras etapas baseada na coeducación, no respecto ao diferente, no aprecio ao feminino (dado que o masculino xa está suficientemente apreciado) e propugnan e amparan, ademais, o ensino diferenciado por sexos, facéndonos dous grupos “homoxéneos” sen respecto á diversidade individual de cada persoa, independentemente do xénero que se lle atribúa. E, como colofón, impulsan o ensino nas aulas públicas da relixión, bastión ideolóxico da misoxinia e do patriarcado.

Non contentos con todo iso, volven a ameazarnos cun anteproxecto de lei sobre o exercicio da corresponsabilidade parental e outras medidas a adoptar nos casos de nulidade, separación ou divorcio, que de xeito evidente toca dereitos básicos das nenas e nenos, das partes individuais e, sobre todo, das mulleres, en tanto que dá acubillo á demanda dunha escasa parte da poboación que reivindica “a súa súbita paternidade” e que fai habitualmente da custodia compartida unha ameaza e unha vinganza contra a outra parte, maioritariamente mulleres. Ese mesmo anteproxecto pode acabar deixando na pobreza absoluta a centos de miles de mulleres de máis de 45 anos que, por dedicarse ao coidado da familia, como pacto social-familiar, non cotizaron.

Por iso, dende a Asemblea de Mulleres do STEG neste 8 de marzo de 2015 dicimos:

- Non daremos un paso atrás no camiño da consecución dos dereitos das mulleres.

- Seguiremos loitando en todos os ámbitos da nosa competencia para que a lei que regula a igualdade logre finalmente unha igualdade real e efectiva.

- Continuaremos esixindo ao goberno a retirada inmediata do seu anteproxecto de lei sobre o exercicio da corresponsabilidade parental, que pon en perigo a nais e fillas/os ao recoller a posibilidade de que a un maltratador se lle conceda custodia compartida.

- Demandaremos unha e outra vez a dotación orzamentaria e estrutural suficiente para que a atención ás persoas dependentes chegue a todas aquelas que a necesiten.

- Proseguiremos demandando do Goberno que deixe de levantar falsas expectativas con anuncios extemporáneos sobre a súa intención de volver a introducir a educación en igualdade nas escolas, tras tela eliminado explicitamente do currículum educativo na LOMCE, pasando por alto as recomendacións legais internacionais e as de institucións acreditadas do Estado español a este respecto. Non pedimos remendos de última hora, senón a consideración e o recoñecemento necesario da importancia que ten a educación en igualdade para eliminar a discriminación e os estereotipos sexistas que seguen transmitíndose no sistema educativo e para erradicar dunha vez a violencia cara ás mulleres, que infelizmente non deixa de medrar.

- Persistiremos en reclamar a retirada da imposta LOMCE, por considerarmos que impide unha educación en igualdade de condicións para todas as persoas, potenciando a instrución competitiva no canto da formación colaborativa, que é que dará lugar a sociedades máis xustas.

- Seguiremos reivindicado unha escola pública laica, libre de sexistas prexuízos relixiosos e respectuosa coa diversidade de cada persoa.


Somos voz, somos forza, xuntas construímos o futuro que nos merecemos e que merecen as nosas fillas e fillos.

8 de Marzo de 2015


 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza