8 de marzo de 2013 -
OS DEREITOS DAS MULLERES SON DEREITOS HUMANOS
Sóbrannos os motivos, para seguir conmemorando o Día Internacional das Mulleres, porque os dereitos das mulleres, os nosos dereitos, tamén son dereitos humanos.
Desde 1977, ano en que se celebra no estado español por primeira vez o 8 de marzo, ocorreron feitos importantes: aprobamos unha Constitución que recoñece a igualdade ante a lei entre homes e mulleres, como un dos principios do ordenamento xurídico. Temos acceso á educación, somos responsábeis legais das nosas vidas, méritos e circunstancias. Conseguimos regular a decisión de parir con liberdade, sen nos sentir culpábeis e sen que sexamos percibidas pola sociedade como delincuentes e amorais. Aprobamos unha lei de Igualdade que obriga a todas as institucións a equiparar as nosas condicións laborais e profesionais. Sóbranos a preparación para estar nos órganos de poder dos distintos organismos. “Somos nomeadas”. Atrás quedou a invisibilidade, a suplantación nominal; transgredimos a patriarcal orde histórica establecida, formamos redes que nos converten nunha irmandade consciente dos obxectivos futuros, e relegamos ao pasado próximo o silencio da morte metafísica coa que se nos ignorou. Pero a realidade deste momento, lexitimada polo actual goberno do PP, mediante a súa reaccionaria política neoliberal, escrava do poder fáctico (capital), despreza os avances conseguidos e paraliza o avance na consecución da Igualdade, principio constitucional máximo.
Analizados os efectos da crise estatisticamente, non nos mostran o auténtico problema de perda de dereitos da muller. Estes datos, certamente son arrepiantes e evidencian as consecuencias que están a deixar na poboación, en toda ela, pero dentro dos distintos colectivos, o grupo das mulleres, transversal e presente en todos os demais, é o colectivo que, sen ningunha dúbida, está a perder maiores dereitos. Fóra das cifras da crise, están as experiencias persoais, o drama humano de todas aquelas mulleres que vemos como nun curto período de tempo se están a derrubar os logros obtidos a partir da loita histórica, a concienciación social e o consenso institucional.
Así pois, asistimos, incrédulas, a unha diminución da calidade dentro da escola pública, grazas á cal, todas as mulleres deste século, independentemente do seu nivel económico, ou o seu lugar de residencia, conseguimos formarnos e estar á altura en calquera terreo profesional ou académico. Quedamos perplexas ante un proxecto de reforma educativa que, malversando os piares básicos do dereito humano a unha educación igualitaria, posibilita, con financiamento público, a segregación entre sexos, contravindo o consenso internacional sobre os beneficios da coeducación, e retrotraéndonos á escola das nosas nais.
Asistimos, indignadas, á destrución, chamada eufemisticamente “axuste”, das axudas e medidas de protección social a centros e casas de acollida de mulleres, onde, ben está dicilo, acudimos xunto ás nosas fillas e fillos, cando sufrimos nas súas formas máis crueis a violencia de xénero.
Vemos, estupefactas, como se priorizan as partidas orzamentarias para resolver a débeda externa, símbolo da nova escravitude de Occidente, sobre as destinadas a loitar contra o maior crime que se sofre en todo o planeta, a violencia contra as mulleres.
Contemplamos, asustadas, como un ministro de Xustiza nos pon trabas mediante taxas, a todas luces inxustas, dificultando o recorrer a ela ante os distintos agravios e discriminacións que sufrimos habitualmente por ter a condición de mulleres, tanto pola crecente pauperización da pobreza feminina como pola necesidade de continuar loitando nos tribunais polo recoñecemento dos nosos dereitos.
Este ministerio, ademais, ten a indecente ousadía de volver a cuestionar a nosa independencia como seres libres, intelixentes, conscientes de nós mesmas e da nosa realidade, e volve a someternos á tutela masculina que tomará parte na nosa decisión, responsábel, de parir cando o decidimos; así pretende volver a unha regularización do aborto que nos considera inconscientes, inconstantes e inmaduras nas nosas determinacións sobre o noso corpo e as nosas aspiracións ou realizacións como mulleres. Todo iso, desprezando o marco constitucional no que o actual modelo regulador do aborto foi desenvolvido, froito da negociación e do pluralismo político e moral da nosa sociedade, tendo en conta, soamente, a opinión dun sector, o dos bispos, e o dunha moral concreta que non representa nada máis que a unha parte da poboación e que non aprecia máis criterios que os teolóxicos, ignorando outros criterios de tipo xurídico, sanitario ou científico.
Sufrimos, abraiadas, os resultados dos recortes na sanidade pública, vendo como se priorizan intereses económicos fronte ao dereito á saúde e se eliminan do protocolo médico determinadas probas de prevención de enfermidades, probas que resultan vitais para a detección de patoloxías exclusivamente femininas.
Por último, moitas de nós seguimos sufrindo a diferenza salarial, a barreira psicolóxica da conciliación ante o acceso ao traballo, a descarnada sexualización por parte dos medios publicitarios e a adxudicación do ámbito privado como se se tratase dunha herdanza xenética da muller.
Pero as mulleres nesta crise e con elas a Asemblea de Mulleres do STEG, non desesperamos, nin caeremos na desidia que o presente impón á nosa loita. Porque nos sobran os motivos para seguirmos loitando, para que os nosos dereitos sexan respectados e considerados de forma efectiva. Porque, sabemos, estamos preparadas e convencidas de que a forza da razón imporá a Igualdade como ética do futuro, e temos a vontade de loitar por estes dereitos antes, durante e despois da crise, ata o seu logro pleno, porque os dereitos das mulleres son dereitos humanos e viceversa.
Somos moito máis do que podemos ser.
POLOS DEREITOS DAS MULLERES!!