8 de marzo de 2022 -
DIRIXE A TÚA PELÍCULA CON GUIÓN FEMINISTA
3, 2, 1 ... 8M ACCIÓN!
Dende que nacemos, o biopic das mulleres está dirixido polo sistema patriarcal no que vivimos. Cando eramos crianzas comezamos a rodar un filme no que debíamos ser protagonistas, con personaxes secundarios ao redor. Pero a realidade é outra: os roles de xénero que nos asigna a sociedade sitúanos nun segundo plano, cando non, entre bastidores, lugares moi dignos se son unha elección, pero non tanto, se son impostos sen opción de réplica. No noso escenario, eses personaxes secundarios acaban monopolizando os diálogos, as escenas de acción, as decisións chave, ... Xa abonda, identifica as túas secuencias e deféndeas! Que o teu filme pase sen problemas o test de Bechdel!
É importante que decidas que guión queres seguir e que personaxe elixes representar na túa película. Xa sabemos que a base dese guión debe ser feminista, para que sexas libre, para que teñas as ferramentas suficientes para valorarte e dirixir a túa rodaxe, para marcarte obxectivos ou tomar decisións que, doutro xeito, tomará por ti o patriarcado.
Este 8M ti decides: a túa banda sonora porque é a que che fai sentir e expresar os teus sentimentos; os teus diálogos porque es libre de dicir o que queiras, o desenvolvemento do teu personaxe porque es capaz de evolucionar como muller nun mundo dirixido por homes; pensas nun final aberto porque quizais a vida pon no teu camiño situacións inesperadas, pero que superarás con nome de muller e, ao final, montarás ese filme feminista no que decidiches ser a única protagonista.
Con frecuencia, as mulleres lastramos un sentimento de culpa inculcado que nos limita e nos fai mirar atrás no tempo, sendo críticas e duras con nós mesmas; cremos que fixemos isto ou aquilo mal, porque esa sensación gravada para controlarnos dende que subimos ao escenario, acompáñanos e controla sutilmente os nosos actos. Edúcannos dicindo o que podemos ou debemos facer, e imponse un papel social que se revela como unha lousa difícil de desfacer. Se creas o teu propio filme, os flashbacks deben ser para o enriquecemento persoal, para evitar o machismo estrutural ou os micromachismos nos que nos movemos na nosa vida cotiá. Para crecer e avanzar, debes proxectar un flash-forward onde te vexas empoderada e segura das decisións que tomaches na vida.
A escena do 8M repítese todos os anos, e serve para lembrar que son moitas as mulleres que seguen loitando pola igualdade real. Ese día, tan simbólico, é un día para sentirnos orgullosas e empoderadas, para sentir a irmandade das nosas compañeiras de loita sen distinción, e así, reavivar con forza as sensacións que hai que manter ao longo da nosa película.
Hai moitos diálogos cinematográficos nas nosas vidas como estes:
Bella: "Eu non era interesante e el foi. Interesante...e brillante, misterioso, perfecto...e guapo" (Crepúsculo, 2008)
Anastasia: "Teño que ir a Nova York co meu xefe para traballar" Christian Grey: "a resposta é NON" (50 Shades of Grey, 2015)
Protagonista feminina: “Aquí fan falta máis mans de muller, que desorde, non frega ninguén? O protagonista: "Xa che dixen que che boto moito de menos" (El mujeriego, 1963)
Este 8M, a Organización de Mulleres do CI volverá á rúa coa bandeira feminista morada. É unha xornada de unidade entre as mulleres, independentemente da idade, da orixe, da relixión, ... Son xa 44 as compañeiras asasinadas nos anos 2021 e 2022 por mor da violencia machista.
Xuntas debemos crear o noso Festival de Cine Feminista especial, todas as nosas películas son finalistas e gañadoras!
Viva o 8 de marzo!
Viva a loita das mulleres!