Secretaría da Muller · 8 de Marzo

Chamamento para secundar a folga do 8M

Chamamento para secundar a folga do 8M

8 de Marzo 2021 -

A pandemia veu a evidenciar un problema que aínda non tiña solución, a conciliación da vida familiar e laboral. Cando falamos de conciliación estamos a referirnos ás medidas encamiñadas a favorecer que a traballadora e o traballador teñan condicións máis beneficiosas á hora de desenvolver a súa carreira profesional sen prexuízo da súa vida familiar.

 

POR QUE FACEMOS UN CHAMAMENTO PARA SECUNDAR A FOLGA DO 8 DE MARZO?

 

A responsabilidade dos coidados continúa a recaer maioritariamente nas mulleres. De feito, numerosas investigacións ao respecto denuncian que a crise do COVID-19 sacou á luz a vulnerabilidade das mulleres no mercado de traballo. Evidenciou que o coidado ten unha fenda de xénero que se debe atallar, poñendo a vida no centro, pois todas as persoas somos interdependentes: somos coidadoras e debemos ser coidadas. Nesta crise, temos o perigo de perder nuns meses todos os avances que fixemos as mulleres décadas atrás. E esta fenda de xénero pódese ampliar indefinidamente se as institucións non asumen a responsabilidade dos coidados.

 

QUE ESIXIMOS?

 

1. Políticas sociais que se ocupen dos coidados garantindo prestacións económicas, co fin de que as mulleres non teñan que prescindir da súa independencia económica para poder coidar ás persoas dependentes.
2. Establecemento de medidas de conciliación da vida laboral, familiar e persoal primando as mesmas oportunidades para homes e mulleres, coa finalidade de que ambos poidan progresar profesionalmente, e se elimine o teito de cristal para as mulleres.
3. Regulación do teletraballo, adaptando a duración e a distribución da xornada de traballo, permitindo a desconexión dixital, e facendo efectivo o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.
4. A loita efectiva contra a precariedade laboral, os contratos de curta duración e a situación de discriminación sexual no ámbito laboral.
5. Medidas económicas concretas para paliar o impacto da violencia de xénero ante a crise do coronavirus, garantindo o adecuado funcionamento dos servizos destinados á protección das vítimas de violencia de xénero nas actuais circunstancias e o acceso de todas as mulleres a eses servizos.

 

DIFERENTES FORMAS DE SECUNDAR A FOLGA

SE SON UNHA MULLER
• Non acudir ao meu posto de traballo
• Non realizar ningunha tarefa relacionada co coidado das persoas dependentes.
• Non facer ningunha tarefa do fogar.


SE SON UN HOME
• Cubrir os servizos mínimos para que as miñas compañeiras poidan ir á folga.
• Encargarme dos coidados ás persoas dependentes da miña casa.
• Facer todas as tarefas do fogar que correspondan ese día.

 

É o momento de corresponsabilizarse, de asumir máis tarefas de coidados e de repartir equitativamente as tarefas domésticas.
É o momento de loitar para transformar unha sociedade patriarcal nunha sociedade plenamente igualitaria.
A consecución da igualdade é imposible sen a participación e a implicación dos homes.

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza