FOLGA XERAL NO ENSINO O 9 DE MARZO
1. Por que non queremos que o tan publicitado “Pacto educativo” se convirta nunha LOMCE 2.0, un lavado de cara para a Lei máis nefasta da nosa historia
Cómpre lembrar a día de hoxe a inacción da subcomisión parlamentaria que debía iniciar a redacción dun novo texto que substituíse a LOMCE (e que agora modificou este obxectivo polo de traballar arredor da estratexia 2020 e, se cadra, un texto que puidese dar orixe a unha nova lei ou non). A isto debemos engadir tamén o anuncio do Goberno do Partido Popular de que recurrirá no Tribunal Constitucional para deixar sen efecto o acordo de paralización da LOMCE que se aprobou no seu día no Congreso.
2. Porque o modelo educativo que se propón baséase sobre todo no adoutrinamento e no mercantilismo, considerando a escola coma unha factoría de man de obra, en lugar de pretender acadar unha cidadanía autónoma e independente.
O STEG opina que a Relixión debería estar fóra da escola pública e por contra cobra especial protagonismo na LOMCE. Entendemos que a escola debe respectar e promover o dereito á liberdade de conciencia, o coñecemento empírico da realidade a través da racionalidade, así como evitar a discriminación de xénero ou contra a diversidade sexual (moi presente, por contra, na doctrina católica). Así, a Relixión nesta lei sitúase ao mesmo nivel que o resto das materias en canto á nota media; unha materia onde para subir nota o alumnado ten que crer no que di o docente, e que, sospeitosamente, obtén sempre calificacións moito máis altas có alumnado que se matricula na súa alternativa.
3. Porque a actual lexislación, apoiada polas políticas lingüísticas da administración, relega o galego a unha segunda categoría vendo que, ano tras ano, o número de galegofalantes diminúe.
A lingua galega vese discriminada por esta lei que non garante que o alumnado remate a súa educación obrigatoria con plenas competencias na mesma, detraendo horas de impartición en favor dun plurilingüismo que xa é evidente que non serve para aprender mellor a lingua estranxeira, se non para deixar de adquirir outras competencias e contidos básicos. Unha concepción ecolóxica das linguas e verdadeiramente normalizadora require asignarlle un papel preponderante á lingua minorizada e NON partindo dunha suposta e inexistente igualdade no uso e no coñecemento das mesmas. O verdadeiro plurilingüismo tan cacarexado pola Consellería non consiste nesa visión reducionista da aprendizaxe do inglés como a solución máxica a todos os males.
4. Porque as materias con máis contido humanístico, víronse perxudicadas, ou directamente eliminadas, mentres que a relixión se convertía en materia avaliábel.
Paralelamente ao protagonismo que se lle confire á Relixión, materias fundamentais como a filosofía ou a Música xogan un papel residual nesta LOMCE.
5. Porque a demencial concepción do alumnado e das ratios como simples números nun papel conduciron a que a optatividade en centros do rural sexa anecdótica, mentres recortan postos docentes, e outros centros están desbordados de alumnado; todo baixo o mantra da Consellería de “temos a ratio máis baixa de todo o estado”.
A Consellería contribúe á degradación dun eido, o rural, fundamental para Galiza e por tanto da por boa a construción do inevitábel, un dos males endémicos da nosa sociedade. Así, asistimos a unha degradación da linguaxe e deturpación do significado das palabras (a Neolingua que cita O`Rivas falando de Orwell, onde as cousas significan o seu contrario) e onde a escola xa non é, nin dende a óptica verbal, unha institución pública senón un "proveedor de capital humano".
6. Porque o desleixo co que se trata á FP, e, sobre todo, a FP básica, é o símbolo da concepción dunha educación de calidade para quen poida pagala, e outra sen medios e sen persoal para o alumnado en peor situación socioeconómica.
Uns currículos mal copiados dos xa existentes, unhas ratios totalmente fóra de lugar para alumnado con dificultades e características moi concretas, a inadaptación dos espazos e a inadecuación dos materiais ás necesidades deste alumnado particularmente sensíbel. Estamos a falar de moitas adolescencias que, provisionalmente, tórcense e moitas adolescencias tortas no medio de vidas tortas. En moitos casos a deriva escolar ten que ver con “accidentes” da vida e con “incidentes” escolares, tal é o caso desta FP básica, a panacea deste goberno do PP, que lle permite afirmar que se reduce o fracaso escolar, pero non explica a imposibilidade de dar de baixa a este alumnado no Xade cando se produce o abandono.
7. Pola progresiva privatización do ensino público, que se ve tanto no aumento de unidades concertadas; coma na concesión aos centros concertados de programas coma o abalar, o PLANBE, ou contratos programa, detraendo recursos económicos que poderían ir parar a centros públicos; coma na externalización de servizos de comedor ou do subministro de gasóleo a centros.
Nos últimos tempos, a adecuación da escola-empresa, a xerarquización e a mercantilización desta son a estratexia tripla que acompaña os recortes no ensino, nun contexto onde o COÑECEMENTO vai sendo substituído pola EMPREGABILIDADE e o "capital humano" é considerado o máis importante de entre os factores históricos (terra, capital, traballo) que inflúen no crecemento económico, baixo a tutela dos peores preceptos neoliberais.
8.Porque queremos a derrogación dos recortes que derivaron da LOMCE e do seu decreto 14/1012, e recuperar os cadros docentes, baixar as ratios do alumnado, e que non desconten os días de baixa por IT.
E que se saiba que dende a chegada de Feijoó ao goberno da Xunta en 2010 o ensino público perdeu dous mil docentes, namentres o concertado e o privado non perderon nin o primeiro, aínda ao contrario. Os recortes non teñen vida propia, RESPONDEN A UNHA IDEOLOXÍA MOI CONCRETA.
9. Porque queremos que se lle devolva a autonomía aos centros, que se eliminen os concertos cos centros que segregan por sexo e que, por unha vez, se escoite á comunidade educativa á hora de elaborar unha Lei de Educación que sirva para que o noso ensino público sexa realmente de calidade, laico, igualitario e democrático.
¿Que saberes son precisos pra entender o mundo do século XXI e transformalo cara a equidade e cara un desenvolvemento sostíbel e duradeiro? ¿Cal o camiño para permitir o acceso a meirande parte da poboación? ¿Cal a pedagoxía, o discurso e as prácticas e cales os mecanismos que motiven o alumnado para conquerilo? A resposta, dende logo, NON a trouxo a LOMCE.
-documento en pdf
Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG
23 de febreiro de 2017