Secretaría da Muller · Artigos de Opinión

A Asemblea de Mulleres do STEG denuncia a pretensión de criminalizar o dereito ao aborto

Modificación da Lei do aborto

RESOLUCIÓN CONTRA A MODIFICACIÓN DA LEI DO ABORTO
Desde a Asemblea de Mulleres do STEG denunciamos a pretensión do actual Ministro de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón de criminalizar o dereito ao aborto.

O aborto debe ser considerado como un dereito das mulleres, sen excepcións, nin necesidade de motivación ningunha. A función da lei é a de garantir a igualdade para todas as persoas, sexan como sexan, así como a de remexer os obstáculos que dificultan esta igualdade.

E, ao mesmo tempo, a muller xestante debe poder abortar sen necesidade de dar razón a ninguén das súas motivacións; só ela sabe, se quere afrontar un determinado embarazo ou non, iso é cousa súa. A discapacidade ou tara dun feto non debe condicionar a lei, que si debe ter presente á muller xestante, que ten todo o dereito para tomar, respecto ao seu embarazo, a decisión que considere oportuna.

Como traballadoras do ensino coñecemos de primeira man o que significa ser unha persoa “non desexada” e que tal e como se está a desenvolver a lexislación educativa – LOMCE - o problema dos embarazos non desexados entre mulleres mozas non deixará de medrar, xa que deixaremos de ter a posibilidade de formar a todo o alumnado en educación afectiva e sexual pola segregación sexual e social que se vai dar no ensino en idades cada vez máis temperás.

Pero a modificación da actual lei do aborto vai máis alá, non é só un ataque inxusto e inxustificado contra a liberdade das mulleres, senón que é tamén, a perpetuación das diferenzas de clase, as mulleres con medios para pagar o aborto en calquera outro país que permita a interrupción do embarazo e as que terían que someterse a operacións clandestinas co conseguinte risco para a súa saúde e liberdade. Este reforzo nas desigualdades sociais será un obxectivo a cumprir en todas as súas políticas.

Políticas que ademais reforzan a utilización das mulleres como servidoras invisibles aos fins que marque o Estado, considerándonos inferiores e sen capacidade de decisión, manténdonos escravas con leis que impiden a nosa liberdade, formación e independencia, mantendo a división sexual do traballo e reforzando todas as estruturas do Estado patriarcal.

Esta lei é unha clara demostración das políticas retrógradas que está a tomar este Goberno co único argumento da súa maioría absoluta, facendo da democracia un sistema totalitario, facéndonos perder dereitos que criamos consolidados, afondando nas desigualdades sociais e retirando todas aquelas medidas que favorecían a igualdade entre homes e mulleres.

Por todo iso pedimos que se retire esta contrarreforma e a demisión do ministro de xustiza Alberto Ruíz Gallardón.
Asemblea de mulleres do STEG
xuño de 2013

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza