0,7% Solidario 2014
O sindicato de Ensino STEG cede por unanimidade o 0,7% do seu orzamento anual do pasado ano á asociación herdeira e continuadora do proxecto Preescolar na Casa.
A Asociación Antonio Gandoy de Lugo, de recente creación, presenta aínda un escaso número de socios colaboradores, de persoal voluntario e de medios para realizar o seu labor.
Foi por isto que no transcurso do Secretariado Nacional galego que o STEG celebrou o pasado sábado 29 de marzo no CEIP de Antas de Ulla, acordou por unanimidade outorgarlle á Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy o 0,7% solidario do seu orzamento sindical correspondente ao pasado ano 2013. Esta donación fíxose efectiva o pasado xoves 8 de maio na propia sede da Asociación.
Como xa vén sendo práctica habitual deste sindicato, todos os anos se busca unha organización, preferentemente galega, que desenvolva un traballo permanente, serio e riguroso, relacionado co mundo educativo, coa infancia, co desenvolvemento das capacidades e potencialidades sociais e humanas das persoas en xeral, e que manteña a súa independencia e autonomía a respecto das demais instancias sociais e políticas. Tamén se procura que sexa un organismo que presente un funcionamento claramente democrático, que teña en conta aos seus asociados nun proceso de toma de decisións o máis consensuado posible. Velaquí os valores que o STEG tamén practica e defende.
Neste caso, a Asociación Antonio Gandoy, como entidade sen ánimo de lucro que ten como fins primordiais defender e reivindicar a importancia do fogar familiar como primeiro e máis importante ambiente de aprendizaxe, foi a escolla máis acaída. A Asociación Antonio Gandoy amosa, ademais, un firme compromiso coa lingua, a cultura e a contorna e o saber propios, entendéndoos como bens imprescindibles para o desenvolvemento das persoas. Difunde unha cultura da infancia, das súas necesidades, potencialidades e dereitos e promove a creación de servizos de atención socio-educativa a nenas e nenos en contextos familiares de especial vulnerabilidade, buscando a igualdade de oportunidades e a conciliación da vida familiar e laboral.
En definitiva, o STEG considerou tamén a necesidade de que o profesorado do ensino público, no exercicio do seu traballo, se vexa apoiado e complementado con outros profesionais, servizos e institucións. Unimos a isto unha traxectoria de colaboración entre o STEG e a histórica Fundación Preescolar na Casa, de 35 anos de experiencia educativa, que nos levou a entrar no Comité de Empresa da Fundación e a apoiar e denunciar no seu día a desaparición á que o goberno da Xunta ía condenando o proxecto.