STEGopina: convocatoria do CXT 2018
Este venres 27 de outubro a Consellería de Educación publicou na súa web a Orde que regulará o Concurso Xeral de Traslados do presente curso, e nel se certifica o papel desta administración coma verdadeira enterradora da nosa lingua.
Coa excusa de que coa diferencia de baremación non se vexan prexudicadas as persoas de fóra do noso territorio, esta convocatoria, que debería ser de ámbito autonómico, ábrese a que participe o persoal docente do resto do estado. Non chega con que reiteradamente as vacantes que saen a concurso son en cantidades irrisorias, non chega con que exista un colectivo de docentes que levan ata 10 anos en expectativa de destino, senón que cando se convoca un CXT que debería ser exclusivo para o persoal con destino en Galiza tamén hai que competir polas vacantes con persoas que non teñen o seu destino aquí.
Pero o que no STEG nos parece un auténtico escándalo é que só se vai esixir a acreditación do coñecemento da lingua galega ás persoas que queiran acceder a prazas nas especialidades de Educación Infantil, Educación Primaria e Ciencias Sociais na etapa de infantil e primaria, e nas especialidades de Bioloxía e Xeoloxía e Xeografía e Historia na etapa de secundaria. Isto é, cumpren o mínimo do Decreto de Plurilingüismo e semella que aínda temos que dar as grazas.
No STEG denunciamos que a Consellería está a facer trampas ao solitario, xa que tanto na Lei do Emprego Público de Galiza coma nas diferentes convocatorias de emprego público para o persoal docente se esixe que para ingresar á función pública docente en calquera dos seus corpos e especialidades é indispensábel a acreditación do coñecemento do galego. Tamén se recolle nas ordes que regulan os horarios do profesorado que, sexa cal sexa a súa especialidade, o persoal docente pode completar horario impartindo materias para as que a propia Consellería recoñece a necesidade do requisito lingüístico nesta orde de CXT.
Dende o STEG imos seguir loitando pola dignificación da lingua galega no eido do ensino público, e seguiremos esixindo á Consellería que cumpra o seu deber de protexer e difundir o uso da nosa lingua, polo que reclamamos:
-Que o CXT que se vai publicar no DOG do 6 de novembro esixa a acreditación do coñecemento da lingua galega para todas as persoas que soliciten unha vacante en Galiza.
-Que a Consellería inicie dunha vez un procedemento para solucionar as discrepancias de baremación entre o noso territorio e o resto do estado.
-documento en pdf
27 de outubro do 2017
Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG