STEG ó día · STEG opina

30-03-2015

A Consellería disfraza de renuncias voluntarias os recortes aos contratos-programa

Contratos - Progama 2014-2015

A CONSELLERÍA DISFRAZA DE RENUNCIAS VOLUNTARIAS OS RECORTES AOS CONTRATOS-PROGRAMA

 

Multitude de centros vénse obrigados a renunciar ao non concedérselle profesorado externo

 

 

O pasado mes de febreiro, a Consellería fixo pública a listaxe dos centros seleccionados para o desenvolvemento dos Contratos-Programa no curso 14-15, ademais dun listado de 26 centros que renunciaron “voluntariamente” a participar nese programa.

 

 

O STEG púxose en contacto con cada un deses centros que renunciaron para coñecer cal era o motivo da renuncia, resultando que tan só 3 deles tomaron esa decisión debido a non formar un grupo de alumnos mínimo para levalo a cabo. No resto dos casos, 19 centros (case tres de cada catro) foron forzados a renunciar, debido a que, aínda que realizaron a solicitude correctamente segundo a convocatoria, non lles foi concedido profesorado externo ao centro, e non tiveron opción a facer ningún tipo de reclamación á decisión da administración. É particularmente sangrante algún caso no que, tras denuncias na prensa, a Consellería excusouse en que só lle concedían profesorado externo aos centros que o tivesen concedido de anos anteriores, cando esta condición tamén se incumpriu noutros casos.

 

 

Outros centros que figuran como renuncias nin tan sequera chegaron a solicitar ese programa, xa que, aínda que en cursos anteriores lles foi concedido profesorado externo, se lles transmitiu verbalmente que neste curso non o ían ter, e non o prorrogaron debido á imposibilidade de levalo a cabo.

 

 

Tan só houbo un centro dos consultados que si renunciou voluntariamente, como protesta pola tardanza en formalizar o inicio dos programas, incidindo en que o alumnado con dificultades non pode agardar ata febreiro, con máis da metade do curso vencida, para comezar a tomar medidas de reforzo; e que nesas condicións resultaría imposible a consecución dos obxectivos do programa.

 

 

Resulta imposible saber cantos dos centros aos que se lle concedeu o contrato-programa en realidade accederon á coacción á que lles someteu a Consellería ante a ameaza de non concederlle eses recursos se non aportaban profesorado do propio centro, que nun principio non se prestara voluntario.

 

 

Dende o STEG denunciamos que a Consellería pretenda facer pasar por renuncias voluntarias un novo recorte na educación pública que, neste caso, incide no alumnado con máis necesidades de apoio educativo. Coincidimos en que un programa de reforzo non pode comezar con case dúas terceiras partes do curso cumpridas, xa que o alumnado que teña dificultades, as ten dende o primeiro día, e a fenda entre o seu ritmo de aprendizaxe e o do resto do grupo será aínda maior.

 

 

Seguimos insistindo en que os contratos-programa non son a resposta, xa que se a Consellería admite tácitamente que nun centro hai alumnado que precisa de apoio educativo, a solución debería pasar porque o centro contase con máis profesorado de apoio, e non castigando a ese alumnado cunha maior carga lectiva, nin ao profesorado con horas extra encubertas que, aínda por riba se cobran tarde, mal ou despois de complicados procesos administrativos.

 

 

Secretariado Nacional do STEG
marzo de 2015

 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza