STEG ó día · STEG opina

01-12-2016

A LOMCE non é só as reválidas. A loita continúa

Cara a fin da LOMCE

No día de onte coñecemos, á fin, unha boa noticia respecto á educación. Despois de pasar anos enfrontándose a docentes, familias, alumnado e, incluso á propia realidade, o Ministerio de Educación deulle peche ao episodio das reválidas. Ben é certo que é un peche en falso, xa que segue mantendo, aínda que con carácter mostral as probas en 3º e 6º de primaria e en 4º da ESO, pero conquistamos varias reivindicacións que toda a comunidade viña esixindo dende hai anos.

 

Non podemos ocultar a nosa satisfacción por estes logros, e a convicción de que se conseguiron grazas á loita de toda a comunidade educativa. Pero no STEG non queremos durmirnos nos laureis, porque somos conscientes de que a loita continúa. Non debemos deixar que esta loita centralizada nas reválidas nos últimos cursos eclipse as numerosas inxustizas e despropósitos que seguen en vigor coa LOMCE:

 

  • a relixión debería estar fóra da escola pública, pois entendemos que a escola debe respectar e promover o dereito á liberdade de conciencia, o coñecemento empírico da realidade a través da racionalidade e do empirismo, así como evitar a discriminación de xénero ou contra a diversidade sexual (moi presente, por contra, na doctrina católica). Maís aínda, se a Relixión nesta lei se sitúa ao mesmo nivel que o resto das materias en canto á nota media; unha materia onde para subir nota o alumnado ten que crer no que di o docente, e que, sospeitosamente, obtén sempre calificacións moito máis altas có alumnado que se matricula na súa alternativa.
  • a penosa e atropelada implantación da FP básica, que segue sendo unha educación completamente precaria, en que remata caendo o alumnado con máis dificultades ou nunha situación socioeconómica máis vulnerábel, con aulas masificadas e que nin sequera pode cursar todas as materias no mesmo centro educativo, polo que resulta totalmente insuficiente para as necesidades educativas do mesmo.
  • a Lingua Galega segue véndose discriminada por esta lei que non é quen de garantir que o alumnado remate a súa educación obrigatoria con plenas competencias na mesma, detraendo horas de impartición en favor dun plurilingüismo que xa é evidente que non serve para aprender mellor a lingua estranxeira, se non para deixar de adquirir outras competencias e contidos básicos.
  • o sistema de elección das direccións segue sendo totalmente antidemocrático, facultando a Administración a colocar nos centros educativos persoas totalmente alleas aos centros, ou o que é peor, persoas que teñen todo o claustro na súa contra, convertindo as direccións e moitos casos (tal e coma denunciamos que podería suceder) en comisariados políticos ás ordes directas da aministración, que fan e desfán ao seu antollo no relativo aos horarios do profesorado, materias afíns que se imparten con especialidades que non teñen nada que ver entre sí e restrinxindo o funcionamento democrático dos centros.
  • o tratamento marxinal que recibe a atención á diversidade e o espírito último da LOMCE, que segue a ter un claro afán privatizador, entendendo que o ensino público debe servir soamente para o éxito académico, polo que favorece o ensino privado e concertado onde, aínda dándolle facilidades para seleccionar o alumnado e desfacerse das crianzas que a priori teñen máis dificultades, se demostrou en repetidos estudos que, correxindo este sesgo de poboación, teñen peores resultados cós centros públicos.
E os recortes que se derivaron da aplicación da LOMCE, tanto na diminución do persoal docente (sobre todo o profesorado de apoio), coma o aumento das ratios de alumnos, coma a presenza anecdótica no currículo das humanidades e as ensinanzas artísticas, fainos seguir en pé de guerra contra esta lei.

 

Por todo isto, no STEG non imos descansar ata que esta lei se derrogue, dando paso a outra que conte coa participación de toda a comunidade educativa, fóra de pactos políticos que só pretenden un lavado de cara desta infame LOMCE.

 

 

Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG
1 de decembro de 2016

 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza